Premios Nacionais de Cultura
Moi boa noticia é a convocatoria dos Premios Nacionais de Cultura. A Consellaría de Cultura cumpre así un compromiso programático dos partidos do goberno e pon en marcha unha das iniciativas previstas na Lei do Libro e a Lectura. As dez categorías convocadas asumen, basicamente, o modelo dos Premis Nacionals de Cultura de Catalunya (quince categorías), afastándose do carácter máis artístico dos convocados polo Ministerio de Cultura (vinte e dúas modalidades, das que doce delas corresponden a literatura, a lectura e a edición) que, por certo, serán entregados o vindeiro sábado no Teatro Jofre de Ferrol (Rubén Ruibal e Manuel Vilariño serán os premiados galegos). A composición independente do xurado (quince persoas) e a posibilidade de realización de propostas por parte de entidades cidadás e institucións parécenme outros dous grandes acertos destes nosos Nacionais. Iniciativas todas elas que, para comezar este novo vieiro de autoestima e fomento da nosa creación cultural, non están nada mal. No entanto, cremos que xa haberá tempo en futuras edicións de realizar algúns axustes nestes premios, como para min sería desdobrar o de Literatura en diversas modalidades de xénero, algo que parece lóxico tanto pola grande importancia da nosa creación escrita, como polo que isto podería axudar ao proceso de normalización da lingua, do libro e da lectura en galego. Beicemos á Conselleira de Cultura por esta magnífica iniciativa que abre un camiño de apoio á creación e promoción da nosa cultura.
Etiquetas: Premios_Nacionais_Cultura
Marcadores: Artigos_Xornal.com, Beizóns, Cultura, Premios
4 Comments:
Si, é unha boa nova para a nosa cultura... pero a min preocúpame un dato que vou tentar confirmar lendo as bases. Que se entende por "nacional"? Poderá participar un galego en idioma castelán? Poderá participar un inmigrante? Poderá participar un emigrado? Poderá participar un descendente de emigrados residente no exterior? ...Habemos ver.
Tamén o que acho de menos é unha categoría que recolla as novas formas de cultura (cultura online ou cibercultura... p.ex. para premiar un blog cultural ou un proxecto como a Galipedia, iniciativas de net-art... algo así onde o meteriamos?). Ai que pouco temos en conta a Rede cando se fala de cultura!!!! :-(
Ben,a cabo de ler as bases, sorprendentemente breves (demasiado abertas???) e alédame ver que non se poñen trabas para definir residencia, idioma, etc. etc. Isto permitirá que calquera iniciativa ou artista do exterior se presente. Ímolo espallar agora mesmo en Fillos.org!
beicemos, beicemos...
Postar um comentário
<< Home