
Ben merece
Valentín Arias a
homenaxe,
organizada pola Consellaría de Cultura e Deporte, que se lle vai tributar este serán en Vigo con motivo do Día Internacional da Tradución. Valentín Arias, ademais de prolífico tradutor, é unha das figuras senlleiras da historia da edición en galego. Traballador da Fundación Penzol, xerente da editorial Galaxia, nos díficiles anos do Tardofranquismo e do inicio da Reforma Política (1975-1978), tamén colaborou de forma decisiva no nacemento de
Edicións Xerais de Galicia e no xermolo das súas primeiras publicacións educativas e de edición literaria; sendo autor do manual de divulgación
¿Como se fai un libro? e doutros manuais de estilo sobre o proceso de edición. Outrosí debemos apuntar no seu papel como mestre e promotor pioneiro da galeguización da nosa escola. É autor de dous dos traballos claves sobre esta cuestión publicados nos anos setenta
A lingua galega na escola e
A escola rural en Galicia, alén de participar, xunto a Avelino Pousa Antelo, en experiencias pioneiras para a escola rural en Galicia. Como tradutor, labor pola que hoxe é merecidamente homenaxeado, Valentín desenvolveu un labor hercúleo. Fundador da Asociación de Tradutores Galegos (ATG) en 1984, revisor de milleiros de páxinas en galego, recibiu o premio Ramón Cabanillas de Tradución (1989) e o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura. Entre as súas moitas traducións atópanse as obras de Jules Verne
A volta ao mundo en oitenta días,
Viaxe ao centro da terra e
Da Terra á Lúa,
Voo de noite de Antoine de Saint-Exupéry,
O estranxeiro de Albert Camus e
A fractura do miocardio de Jacques Fansten. Tamén traballou no equipo que traduciu
O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha. Ademais publicou numerosos artigos sobre a tradución e a función do tradutor, en especial en países con linguas minorizadas. A homenaxe que recibe hoxe é un xusto recoñecemento a tan importante traballo dunha vida ao servizo da causa de Galicia e da súa lingua.
Marcadores: Autores, Efemérides, Traducións
0 Comments:
Postar um comentário
<< Home