25.11.08

Libro en galego: menos títulos en 2007

A edición de Vieiros dá conta hoxe dos datos, referidos ao ano 2007, extraídos do Anuario de Estatísticas Culturais do Ministerio de Cultura. Os datos amosan un crecemento da edición en Galicia (previsiblemente, a maior parte en castelán) e unha diminución da edición en galego, como xa adiantáramos no blog nesta anotación de comezos do pasado mes de outubro.
Os datos (tan teimudos) amosan un retraemento da actividade do sector editorial privado, máis notable, aínda, no eido do libro literario (que enfeblece as súas posicións). Os datos do barómetro de hábitos lectores en Galicia tampouco son mellores. Nin se avanza nunha solución corresponsable sobre o futuro do libro escolar (sobre o que pivota case a metade do noso mercado), unha cuestión que quedou aparentemente esquecida e sobre a que ninguén agora quere pronunciarse. Nin se desenvolven coa premura precisa os compromisos asumidos pola Lei do Libro e polo seu plan de lectura. Nin se concretan as medidas da declaración do libro como «sector estratéxico»...
Como non podemos permitirnos caer nin na desolación nin no conformismo, nin a cultura do país pode asumir o devalo melancólico do seu primeiro sector cultural, os profesionais (autores, editores, bibliotecarios, libreiros e distribuidores) debemos ser capaces de consensuar un novo programa para os futuros do libro e da lectura en galego coa intención de proporcionarlles un pulo renovado nos vindeiros anos. A lectura en galego (por riba de formatos e soportes) debe volver ocupar a centralidade no debate sobre o futuro da nosa industria cultural, primacía que perdeu ao longo desta lexislatura.

Marcadores: , ,

2 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Polo menos sempre temos bos escritores en lingua galega, Rivas, ferrin, etc..

un saúdo

9:17 PM  
Anonymous Anônimo said...

O k non me parece "raro, raro,raro" e isto:
"primacía que perdeu ao longo desta lexislatura."
A.Coruñes

7:12 PM  

Postar um comentário

<< Home