17.2.06

Verderón

Onte pasei case todo o día viaxe. Ao mediodía presentamos un libro no vagón dun tren e pola tarde din dúas conferencias consecutivas na cidade guindastre.
A experiencia do tren demostroume que continúa sendo interesante procurar espazos singulares para presentar un libro. A vella locomotora santiaguesa e o coqueto Verderón (noutrora de primeira e terceira, ao tempo), reconvertido en aula de cultura, servíronos para dar a coñecer a epopea dos homes da vía e para reflexionar sobre o papel do tren na promoción da lectura. Os fotógrafos non pararon de tirar e mesmo puxémonos no posto do maquinista (preguntábame cómo se pode parar semellante bicho?).
Na primeira conferencia da tarde coñecín a dous grupos de estudantes do Ciclo Superior de Artes gráficas, moi curiosos e participativos. Sorprendeume que se interesasen tanto polas cuestións tipográficas e de economía editorial.
Na segunda, reuninme cun foro de profesoras do CEFORE para falar de cómo concibía as relacións entre o autor-editor. Comprobei con satisfacción que algúns blogueiros tiñan alí moitos seguidores. Foi un pracer debater de literatura e edición con xente tan ponderada e ben informada, o que non é moi frecuente.

Marcadores:

1 Comments:

Blogger Sotrondianu said...

Canto me gusta o Verderón!
Sería unha proposta magnífica editar libros para ler no tren. Creo que entre paisaxe e paisaxe, toqueneada ou sesta, charla e merenda, non hai maior pracer que ler...
Saúdos e saúde, Brétemas.

10:51 AM  

Postar um comentário

<< Home