8.12.06

A morriña no blogomillo

Todos os xornais van facendo a súa "reportaxe de cota" sobre a situación dos blogs en galego. Desta volta tocoulle á edición galega de El Pais, que hoxe fai balance dos tres anos de existencia das bitácoras en galego. Coa excepción da previsión de que o número de blogs en galego chegará na primavera vindeira aos catro mil, moi escasas son as novidades dunha análise tinguida de bastantes tópicos e da inevitable atmosfera de morriña daquel tempo heroico, cando os blogueiros pioneiros en galego ateigaban o reservado dunha cafetaría.
Aborrezo a nostalxia polo tempo pasado, unha actitude xeralmente paralizante e moi pouco eficaz para construír un futuro incerto. Tecer e ganduxar a rede de blogs galegos como se ten feito, en apenas tres anos, é un éxito colectivo que nos debería de encher de orgullo a todos os que participamos dunha ou doutra maneira neste patchwork. No entanto, proporcionar consistencia e maior participación ás pequenas comunidades temáticas transversais (blogs políticos, culturais, gastronómicos, científicos...) ou aos grandes puntos de encontro son novas e moi produtivas tendencias no blogomillo –a pesar de que como fenómeno morreu e debemos aceptalo, "blogomillo" continúa sendo un termo eficaz para referirse aos blogs publicados en galego– que deberían constituír o eixo das nosas preocupacións moito máis que esa paralizante morriña sobre un tempo pasado que nunca máis se vai repetir.
O crecemento imparable do blogomillo e a modificación vertixinosa do propio soporte (cando morrerá, tamén, a escrita blog tal como hoxe a coñecemos?) son circunstancias que requiren novos tipos de análise e reflexión menos complacientes que as empregadas ata agora. Creo que chegou o momento de que todos os blogueiros galegos interesados nos xuntemos, ao xeito dun Primeiro Congreso dos Blogs en galego, para analizar e reflexionar devagariño de ónde vimos, ónde estamos, cara ónde queremos e podemos ir co noso blogomillo. Ademais, teriamos a oportunidade de compartir cervexas e longos parrafeos entre tanta boa xente.
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

10 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Pois o do I Congreso de Blogs en Galego é unha moi boa proposta. Quizais estea ben trasladarlla á Consellaría ou ao Consello da Cultura.

10:34 PM  
Blogger paideleo said...

O artigo está ben para coñecer un pouco da historia do blogomillo.

10:47 PM  
Anonymous Anônimo said...

Un congreso que reuna a todo o blogomillo podería ser moi interesante, sen dúbida. A rede tamén pode ensinar.

11:15 PM  
Anonymous Anônimo said...

Concordo plenamente en que esa nostalxia blomillense non resulta nada creativa.

11:45 PM  
Anonymous Anônimo said...

O certo e que o Primero Encontro Luso Galaico de Porto, non tivo moito exito entre os galegos, eramos catro gatiños. Unha mágoa non aproveitar o momento.

12:12 AM  
Anonymous Anônimo said...

En vista de que xa hai eventos relativos ó fenómeno dos blogs, coido que igual sería axeitado que EnBlogs ou outro semellante mutase no suposto Primeiro Congreso dos blogs en galego, aínda que organizar algo cunha identidade propia estaría mellor (pero resulta máis complexo).
Iso si, habería que procurar que non fose un evento pechado ós de sempre, ou sexa, que traballar pola implicación dos elementos menos activos (ou relevantes) do blogomillo sería fundamental, e para facer tal é preciso contar cunha boa campaña promocional.

1:26 AM  
Blogger Xosé Manuel Carreira said...

Quizais moitos bloggers prefiran manter o seu anonimato, ou non, quen sabe.

11:20 AM  
Blogger lantania said...

Eu pola miña parte considero que volvemos a dar voltas sobre como trasladar a un entorno físico unha conversa continua que xa se dá no ciberespacio.

A realidade é que o noso espacio, o que nos define como blogueiros é a net.
Se se quere facer unha xuntanza, un congreso, non se pode pensar neses termos.

Para min constitúe un atraso a idea de querer xuntar a blogueiros nun espacio físico obrigando ao desprazamento, a respetar unhas normas non prefixadas, uns códigos alleos á netiqueta, etc.

Queremos facer un grande congreso? Entón fagámolo á maneira propia da red, nun ciberencontro, nun chat, con salas adxacentes, e moderadores que dean paso ás distintas intervencións.
que ese material, audio, video sexa grabado e transmitido á sociedade, de forma 365 24.
Entón, só nese preciso instante o resto da sociedade comprenderá o alcance da blogosfera, dos medios cos que conta, a da forma que ten de transmitir as mensaxes.

Unha aperta.

1:31 PM  
Blogger An said...

De todos xeitos eu creo que un congreso 8 ou xuntanza) non e mala idea, pode ser un xeito de vincular os distintos cadernos de cada un e acadar coñocementos dunha forma máis impersoal, a máis de tomar uns cacharros claro :)

2:48 PM  
Anonymous Anônimo said...

Concordo con EZINE ó 100%

7:37 PM  

Postar um comentário

<< Home