17.11.07

Ferrín retrata a Rosalía

O artigo "Pómulos famosos: pé de foto", que hoxe publicou Méndez Ferrín, na súa sección "No fondo dos espellos" do suplemento El Sábado de Farode Vigo, sobre a famosa fotografía da familia Castro-Murguía de 1884 pasará á historia da nosa literatura. Unha alfaia do xornalismo literario memorable. Transcríboo (non se pode consultar directamente, aínda que si baixar o PDF do suplemento completo) e recomendo vivísamente tanto a súa lectura devagariño como a súa utilización didáctica.
PÓMULOS FAMOSOS: PÉ DE FOTO
X.L. Méndez Ferrín
Estes que ven eiquí na fotografía, que xa non daguerrotipo, de 1884 son Rosalía (que coa Rosa se Alía) e a súa familia retratados por alguén cuxo nome eu ignoro, seguramente na horta da Matanza (Padrón, onda o tren). A partir de agora, xurdindo do Fondo dos Espellos, Rosalía será só Ela.
De pé é Murguía, cun case sorriso loiro (Manuel Antonio, moitos anos despois). A man do papá é agarimosamente apreixada polo fillo Ovidio, que cos anos sería pintor de talento morto antes da plenitude. Ovidio é agora un rapazolo guapo cuxa actitude é imaxe viva de que o complexo de Edipo non existe. Enigmática, coa mesma boca de Ela, figura tamén en pé Alexandra, a maior da prole de Rosalía e Don Manuel.
Sentadas están as fillas como envergoñadas polo retratista. Todas levan nomes nada católicos e moi literarios. A primeira pola esquerda é Gala, como a rusa que foi amada de Paul Éluard e de Dalí, digamos. Eu falei con Gala Martínez (Murguía) de Castro en Madrid, nun café de Ópera, 1958 exactamente; viñera do ganchete de Fernández Ferreiro. Logo, a que máis descarada olla para o obxectivo é Aura, unha roxa con cariña de lúa que se asemella moito ao pai e é xémea de Ovidio. Despois de Ela (con maiúscula) vén, moi linda e como tímida, cos ollos baixos e sen saber onde meter esas mans, Amara.
No centro da fotografía, porque é o centro natural da Patria, está Ela (Rosalía). Unha Ela que adopta actitude corporal que non ten nada a ver coa afectación pedante nin coas longas xíneas aristocráticas das que realmente procedía. Esta nosa Ela déixase retratar coas pernas estarricadas e aloumiña contra a saia un cadelo pitís ben orelludo, o cal mira para nós listo desde o Fondo dos Espellos. A cántiga, poida que da autoría de Ela, di:
Eu teño un canciño, qué bunito é.
Baila a muiñeira na punta do pé”.
Cómo se chamaba este can non o souberon nunca nin Juan Naya, nin Caamaño Bournancell, nin Bouza Brey e Trillo-Figueroa. Ben; o vestiño enteirizo de Ela ten o van alto. Non disimula un ventre comprido e márcalle o peito de xeito Primeiro Imperio; peito que percibimos moi ben proporcionado. Sen descote ningún, Ela, natural, fai emerxer á luz o propio rostro e olla cara nosoutros, a posteridade, cun ar canso e eu diría que feliz. Non se retrata con sombreiro, porque Ela é progresista ou sexa muller de esprito libre. Canlle sobre a fronte uns rulos deliberados e rebeldes.
–“¿Quieres colocarme ese rizo sobre las narices?
–Hacia el centro de la frente, como la señora lo manda otras veces.”
Este é un diálogo de El Caballero de las Botas Azules.
Os ollos de Ela son pequeniños e amosan a evanescencia das famosas mulleres miopes. A boca é grande, sorrí franca e, dentro, negros, adivíñanse os abismos e os suculentos segredos. Un repregue carnoso marca os pómulos de Ela. Pómulos que foron considerados signos de fealdade, mesmo estigma plebeio: mimá! Tamén eses pómulos inspiraron un treito sublime de Luís Pimentel. A face ancha, o queixo marcado, o nariz discreto, a inclinación atenta da cabeza, fan da imaxe de Ela un conxunto belísimo e inspirado pola intelixencia e a razón, alén de por o nume poético xeralmente aceite. Por riba do tempo, Ela chama por nós desde a fotografía.
En realidade, toda a familia nos está a decer que son xente liberada de modais afidalgados ou burgueses. Digamos; persoas fillas da Revolución Galega de 1846 e protagonistas, por pouco tempo, da do 1868. Non se ofrecen ao retratista con cerimonia, senón como eles son decotío. Resistentes á Restauración, son pobres e non se visten de gala para o caso. Sabemos que Ela vai morrer dous escasos anos máis tarde de o fotógrafo darlle ao clic, o cal converte esta foto en algo esterrecente. Os conceptos de República, de Galicia, de Democracia, de Progreso, pululan na atmósfera fotográfica. Digo eu que estes son os Valores que nos transmiten (xa parezo eu Rouco Varela...) aqueles e aquelas que saen no retrato de familia de Rosalía de Castro.
A vida de Rosalía de Castro, ou sexa Ela, foi relatada, ao meu xuízo, unhas veces de xeito erudito extremo e, outras, en clave chafalleira. Se temos saúde, faremos aparecer eiquí en semanas seguintes aquela que Rosalía de Castro foi en vida.

Marcadores: ,

1 Comments:

Blogger leriasaparte said...

Boas,

Desculpame a publicidade, pero é para denunciar un caso de flagrante discrimnación nas listaxes de substitucións de Educación. Fixen este blog para conta-lo caso -coa documentación- e o único que quero é que se difunda, para que non caia no olvido. Gracias, desculpa as molestias. Agardo que visites o meu blog

7:18 PM  

Postar um comentário

<< Home