5.3.05

O escritor guitarrista

Volvín de Torre ben satisfeito. O acto con Landero foi bo. A súa conversa contaxia as ganas de lelo. Creo que afán é a palabra que mellor define a este novelista vocacional, que move constantemente as súas mans de guitarrista para apoiar o seu discurso apaixonado. Entre a morea de ideas luminosas que expresou sobre a ficción anotei unhas cantas no caderno:
  • O maior perigo do escritor é deixar de sentir, deixar de asombrarse;
  • O segredo da vida é vivir e soñar. Vivimos de día e de noite soñamos, que non é outra cousa que narrar, transformar en relato a experiencia vivida;
  • O escritor é alguén que observa, que mira arredor, que ten un xeito especial de mirar. E ese xeito é o que chamamos estilo, e cadaquén intenta procurar o seu;
  • O escritor debe lembrar cada día que vive nun país afastado;
  • A memoria é o almacén onde debe acudir o escritor: ninguén debe ser esquecido, ninguén debería morrer nunca de todo e para sempre; o escritor debe participar na escrita da Enciclopedia do Xénero Humano, un volume onde aparecesen non só os notables, senón todas e cada unha das persoas que pasan polo mundo;
  • A miña biblioteca da infancia foron os libros orais do meu pobo campesiño;
  • A ruptura da cadea de transmisión da cultura campesiña é unha traxedia cultural maior ca o incendio da Biblioteca de Alejandría;
  • O narrador ten que vivir lentamente e escribir sobre o concreto, aquilo sobre o que somos inimitables;
  • A arte toda nace da inamizade coa vida, dese desacougo, desa insatisfacción;
  • A unidade básica da novela está nas esceas;
  • O ritmo da novela conséguese entrelazando as esceas e mantendo o compás;
  • Cando a emoción funciona na novela, funciona toda;
  • Iso que chaman inspiración do escritor non é outra cousa que a visita da intuición en momentos de fulgor;
Landero forma parte desa derradeira xeración de narradores que aínda recibiron directamente o legado da memoria humilde dos seus maiores, escoitando a súa voz ancestral, e, ao mesmo tempo, se incorporaron ás transformacións provocadas pola cultura urbana. Son –en Galicia hai boas mostras, tamén– "fillos dun século en miniatura". Beizóns para este escritor arraiano de narración perdurable e lúcida. Pagou a pena escoitalo. recomendo vivamente lelo a quen non o fixese.

Marcadores: ,