15.7.05

Precisan moita froita

Os meus amigos téñenme escoitado contar moitas veces unha anécdota pavera das longas conversas que levaron en 1991 a formación do primeiro goberno tripartito de Vigo (o que presidiu Carlos G. Príncipe e o primeiro no que participamos os membros do PSG-EG e BNG). Despois de tres xornadas e a punto de constituírse a corporación, a negociación estancábase por mor do reparto das concellerías e por diferenzas de criterios sobre a elaboración do novo Plan Xeral. Daquela, Manuel Soto, que a pesar de renunciar á alcaldía (unha condición que impuxemos dende o PSG-EG), levaba o mando do equipo socialista, propuxo parar o debate e mandou chamar aos responsables da cafetaría do concello para que trouxesen froita, "moita froita que precisamos osixenar a cabeza". Bocatas de queixo con anchoas, mazás, laranxas e moitos winstons de batea (o que fumabamos daquela) contribuíron a pechar o acordo, despois de máis de doce horas, ás cinco e media da mañá.
As comisións negociadoras do novo goberno terán que sentar mañá e non se poderán erguer ata conseguir o acordo que todos agardamos; aínda que quizais como van as cousas precisen de moita froita (aconséllolles cereixas, xa que agora, a maioría dos políticos non adoitan fumar). Non teño dúbidas que acadarán o bendito acordo.

Marcadores: