23.9.05

Inmersión no ensino

O sempre interesante galego.org informa amplamente do contido das recomendacións da comisión de expertos do Consello de Europa sobre a aplicación en Galicia da Carta Europea das Linguas Minorizadas. Na listaxe de recomendacións, moi a ter en conta, salienta a da posibilidade de establecer un modelo de inmersión no eido educativo non universitario (semellante ao que funciona en Cataluña con éxito dende hai case dúas décadas); noutras palabras, o Consello de Europa está a recomendar a posibilidade de que os picariños e picariñas puidesen, dende a Educación Infantil, ser educados completamente nun modelo monolingüe galego.
Mágoa que a modalidade de inmersión lingüística no ensino, durante os gobernos Fraga, fose unha posibilidade que se rexeitou de raíz, aducindo a especificidade do modelo galego, acuñado como de "bilingüismo harmónico". Todos apostamos por un modelo de galeguización educativa, que semellaba axeitado (sobre todo na utilización do galego como lingua vehicular de determinadas áreas), mais que, porén, non foi respectado nin potenciado como debera. Afortunadamente, esta importante recomendación europea abre de cheo o debate sobre un modelo de galeguización alternativo, sobre todo nas idades temperás, que permitiría recupera o pulo normalizador, nos últimos anos, tan atemperado na escola. Agardamos que a nova Secretaría de Política Lingüística, ademais de desenvolver o Plan de Normalización, aposte, tamén, por estudar novos vieiros (como o da inmersión temperá), para potenciar o fráxil proceso de galeguización do ensino.

Marcadores: ,

1 Comments:

Blogger folerpa said...

Carafio !!!! que teña que ser o Consello de Europa que nos turre das orellas.
Agardo que miña filla que agora ten catorce meses poida ser educada só en galego, dereito que por desgraza ningún poder público ou autoridade deste páis garantiu a seu irmán de cinco anos. Iso sí, gastaron moreas de cartos en garantir a libre elección de centro, sobre todo se e privado e relixioso, namentres outros pais máis eu temos que andar de esmoleiros vendendo rifas e camisetas para ter uns cartiños cos que organizar actividades cos nenos, mercarlle libros de agasallo en nadal, mandalos ao Kirico a pasalo día en fin de curso, etc. etc....

12:20 PM  

Postar um comentário

<< Home