28.10.05

Benvido Samaín

Achégase Halloween, a festa que na noite de 31 de outubro para 1 de novembro permite unha fugaz visita ao “outromundo”. O tallado de cabaceiras, os disfraces con motivos sobre a morte e os animais, e a homenaxe a trasnos, bruxas e meigas son outros elementos desta efeméride que mobiliza á rapazallada toda dos Estados Unidos, Irlanda, Gales, Escocia, Inglaterra e, agora, e cada vez máis intensamente e cada ano con maior rapidez, a de case todos os países do noso entorno. Aí, ven, pois, o Halloween anglosaxón con toda a súa parafernalia.
Detrás do éxito, inequivocamente comercial, desta festa de disfraces non hai dúbida que están as manifestacións desa onda de norteamericanización implacable que domina hoxe os eidos da vida cotián da mocidade. Porén, furando un pouquiño, non é norteamericano todo o ouro que reloce en Halloween xa que a súa orixe se remonta á tradición celta e druídica de hai dous mil anos, sendo valiosa testemuña dunha memoria mítica que pertence ao patrimonio inmaterial da humanidade. Halloween é froito azaroso do intento fracasado que a igrexa medieval emprendeu entre os séculos VIII e X de cristianizar a festa do inicio do ano novo celta.
Efectivamente, os celtas celebraban o comezo das súas estacións con dous grandes festivais do lume: o inverno co Shamhain (1 de novembro) e o verán co Beltane (1 de maio). Para eles estas dúas datas constituían tempos dominados pola maxia xa que crían que nestes momentos de transición climática o veo entre os mundos da vida e da morte era máis fino (non manexaban o concepto do ceo e do inferno que a igrexa introduciría moitos séculos despois). Pensaban que na noite de Shamhain as portas do outro mundo quedaban abertas: os espíritos dos defuntos e das fadas invadían, por unhas horas, o mundo dos humanos; e os vivos podían penetrar no mundo do alén e quedar alí presos por mor dun feitizo ou meigallo. Ademais de considerar valioso conservar as caveiras dos seus inimigos porque, para eles, alí residía o cerne dos misterios do ser humano (“aquel que posuíse unha caveira contaría cos forza máxica da súa pantasma”), permitindo así esconxurar os perigos sobre a súa tribo.
Sobre estas crenzas míticas da circulación das almas de aquí para acolá foron tecéndose os elementos rituais do Halloween actual: disfrazarse coa pel dun animal para evitar que os espíritos dos mortos atacasen aos vivos confundíndoos cos das bestas; levar nabos ou cabazas labradas en forma de caveira e acender unha vela no seu interior para guiar aos mortos na súa viaxe; pedir lambetadas e galanos polas casas para así atoparse con fadas e trasnos que saen nesa noite a facer as súas brincadeiras… Os irlandeses conservaron todo este ritual pagano rural e levárono a Norte América durante o seu grande éxodo do século XIX motivado polas malas colleitas de patacas e as grandes fames que provocaron. Velaí o percorrido da viaxe de ida e, agora, de volta dunha parte do patrimonio da memoria mítica, ao que os galegos non somos alleos.
O profesor Rafael López Loureiro, autor de Samaín, a festa das caliveiras e animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira, xa demostrou o carácter galego desta festa que, moitas veces asociada ás de Santos e Defuntos, existía por todo o noso país ata hai menos de trinta anos. Recuperar ou reinventar esta tradición, desde os centros escolares de primaria e secundaria, pode ser unha boa estratexia educativa para defender un patrimonio inmaterial que todos debemos conservar e mimar. Festexemos sen complexos homoxeinizadores a fadas, trasnos e o resto de seres dos nosos seres míticos, exaltemos a nosa terra farturenta en humildes cabazas, tallemos con elas caveiras e acendamos candeas para tratar de escorrentar a tantos demos e bruxas que nos axexan. Benvido, señor Samaín, cabaleiro do Outromundo!

Marcadores:

6 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Aló polos sesenta do século pasado, sendo eu neno, lembro como no Valadouro tódolos anos roubábamos unha gran cabaza e a poíamos, cunha vela dentro, nun calexón escuro polo que as mulleres da vila ían á misa de tarde, que entón xa era noite. Pasábamolo de medo metendo medo ás vellas. Nunca oíramos falar de "jalogüines" e se sabíamos da existencia de EE.UU. era por Bonanza. O meu fillo de sete anos e máis eu seguimos poñendo unha cabaza con vela na porta da casa. O único que cambia é que agora a cabaza é mercada.

10:49 AM  
Blogger Plattdorf said...

Eu non existía nos anos sesenta do século pasado e tamén furaba cabazas por este tempo.

E miña nai, moi de pequena, incluso ía polas casas con outros nenos pedindo castañas. Ir aos mingallos, chamábanlle.

2:47 PM  
Blogger acedre said...

Meu pai tallaba calacus cos rapaces da vecinhanza en Santiago.
Claro que falo de hai uns cincuenta anos.
A ver se se recupera pero co senso antigo e non como festas discotequeiras sen encanto.

12:54 AM  
Blogger Roberto Iza Valdés said...

Este comentário foi removido por um administrador do blog.

4:05 AM  
Anonymous Anônimo said...

Tamén os nenos urbanos utilizabamos cabazas para meterlle medo á xente. Recordo que lla puxemos cunha vela dentro a un veciño que nos caía mal. O tío colleu o cabo de vela e deixounos a cabaza. Entón nós cantabámoslle: "Ladrón, ladrón, roubaches un cabo de vela/ladrón, ladrón, xa podes caghar por ela.

9:05 PM  
Blogger Unknown said...

Este comentário foi removido pelo autor.

8:26 PM  

Postar um comentário

<< Home