11.1.06

Edición pública

Camilo Franco publica hoxe unha oportunísima información sobre o desbaraxuste da edición pública da era fraguista. Sabiamos do famoso almacén da Rúa X, onde se amorean os libros da Consellaría da Cultura, mais nunca imaxinabamos que chegasen aos case millón e medio os exemplares dos que fala a documentada información. Todo un paradoxo nun país con enormes carencias dotacionais na rede bibliotecaria pública (1,1 libros por habitante, moi lonxe dos 2,5 que recomenda a IFLA/UNESCO).
A edición pública en Galicia debe ser regulada en base aos tres criterios que establece o borrador da nova Lei do Libro: austeridade, necesidade administrativa e utilidade social. Ata o momento, a actividade editorial pública en Galicia, empregando termos piadosos, non sempre respectou estes criterios, colisionando cos intereses do sector privado ou entrando en aberta competencia con el (sexa pola edición de títulos afastados das finalidades que esta actividade debera respectar, ou fose por ofrecer títulos a un prezo moi por baixo do mercado). A edición acartonada de custosísimas obras a cor, xa sexa sobre determinados pintores galegos, sobre botánica galega, a edición dun luxoso atlas de Galicia, dun pequeno volume divulgativo biográfico sobre o autor homenaxeado o 17 de maio, dunha colección de poesía de autores contemporáneos ou os múltiples títulos da colección "Compromisos" existente na maior parte das consellarías son iniciativas que moi pouco teñen que ver coas finaladas antes sinaladas. Porén, a edición dos desenvolvementos curriculares dos diferentes niveis educativos ou dos informes de diagnósticos do Consello Escolar de Galicia, por poñer só dous exemplos, por parte dos servizos da Consellaría de Educación é unha actividade imprescindible.
Afortunadamente a edición pública reduciuse de forma notable nos últimos anos, ata adoptar unha magnitude moi inferior ao do conxunto da edición pública española. Así en 2003 en Galicia supuxo un 9,58% do total da edición, mentres no conxunto do estado acadaba o 15,15%.
Desde o sector privado, consideramos que hoxe o maior problema que ten a edición pública en Galicia é a inexistencia de promoción nos medios de comunicación, as dificultades de comercialización dos seus títulos nas canles habituais das librarías e súa inexplicable ausencia na rede bibliotecaria pública. No caso concreto da Xunta de Galicia, a inexistencia dun Servizo Central de Publicacións como tal e dunha Libraría das Publicacións da Xunta de Galicia, ou de información actualizada e atractiva na web da Xunta de Galicia ou dun catálogo organizado e actualizado fan invisibles (case clandestinas) algunhas destas edicións (magníficas moitas delas). Outrosí poderiamos dicir das edicións dos servizos de publicacións das catro deputacións e das tres universidades, estes últimos os axentes editoriais máis activos en Galicia.
Aos criterios que establece a Lei do Libro e a Lectura eu engadiría as seguintes propostas:
1. Aquelas publicacións que sexan consideradas como de carácter non venal (as que non teñen posibilidade de entrar no circuíto libreiro, como informes, plans dos gobernos e administracións…) deberían ser editadas en soporte dixital para ser descargadas en formato PDF ou en tiradas moi reducida á primeira. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o Consello da Cultura Galega. Aforraríase os custos variables de papel, impresión e encadernación.
2. Os proxectos de coleccións estables de carácter literario ou relacionadas coas artes, que pretenda promover as institucións públicas, poderían ser realizados por medio do sistema de coedición ou de creación editorial concertada. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o IGAEM coa coedición con Edicións Xerais de Galicia, dende hai dezaoito anos, da colección “Os libros do Centro Dramático Galego”, hoxe a máis importante colección do teatro galego, que acada case o medio centenar de títulos. Modalidade que desenvolve editorial Galaxia coa consellaría de Presidencia para a publicación dunha colección de “Clásicos Universais” en galego. Este sistema presenta na miña opinión importantes vantaxes para as dúas partes: para o sector público, axilidade na xestión dos dereitos de autor, maior visibilidade nos medios de comunicación e continuidade nun catálogo; para o sector privado, permite atopar viabilidade para xéneros moi minoritarios.
3. Este mesmo sistema podería ser empregado para edicións singulares propostas por editoriais privadas. Esta é a experiencia que ven desenvolvendo o Consello da Cultura Galega. Tanto nun caso coma noutro, os convenios de coedición ou de edición concertada deben axustarse ao sistema establecido polo réxime de contratación coas administracións públicas.

Marcadores:

3 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Estupendas as tuas propostas, esperemos que cheguen a quen pode tomar cartas no asunto...

3:17 PM  
Anonymous Anônimo said...

¿Pero por qué será que seguen temendo tanto ó formato dixital???

3:17 PM  
Anonymous Anônimo said...

¿Poderías porte en contacto comigo? E que non atopo o teu mail na páxina. E despois, non duvides en borra-lo comentario :)

Saudos.

marcostaracido arroba librodenotas punto com

4:02 PM  

Postar um comentário

<< Home