Home sen nome: presentación en Compostela

Suso de Toro expresou que para el este libro é "a hora da verdade, de poñer a proba a literatura, de comprobar a capacidade que ten unha literatura social de reformular un estado de conciencia que ten moito que ver co pasado". "Sempre defendín a dignidade da escrita literaria, de quen conta historias, como oficio. Mais tamén creo que é un camiño de coñecemento, que procura ver a realidade cos ollos abertos, comprender o mundo e a vida. Sempre defendín o coñecemento a través da dor, o saber tráxico. Para min a literatura é alegría verdadeira cando nace da asunción da dor e a morte. A literatura é un instrumento de curación, pode aliviarnos de moitas feridas".
Con respecto á cuestión da memoria, Suso de Toro expresou con rotundidade o deber que as xeracións actuais teñen de facerse adultas, de averiguar e vivir en liberdade. Asumir, como fixeron os alemáns, que cómpre estar alerta para non repetir as cousas terribles que fixeron os nosos antepasados. Nunca máis o que fixeron de cruel os nosos pais e os nosos avós".
O autor definiu a novela como metafísica (porque "intento escribir sobre o sentido último da vida", relixiosa "na medida que propón unha viaxe aos infernos, ao pasado, ao país dos mortos". "Non sei se chamarlle novela a obra. Aquí non hai a voz do narrador. Aquí hai xente que fala. Ten historia persoal e colectiva, ten lenda e mito, emprega materiais de teatro e de guión cinematográfico." Rematou expresando o seu desexo de que este libro "fose lido como un novo don Xoán que devora mortes, agardo o veredito dos lectores, que me poñan nota".
Hoxe continuaremos as presentacións en Vigo e mañá na Coruña.
Quedamos moi agradecidos pola crónica do acto que hoxe publicou Couselo.
Etiquetas: Narrativa, Suso de Toro, Xerais
Marcadores: Narrativa, Presentacións, Xerais
0 Comments:
Postar um comentário
<< Home