17.4.07

"Os libros arden mal", premiado polos libreiros de Madrid

Recibimos con alegría o novo premio outorgado a Rivas por Os libros arden mal. O Gremio de libreiros de Madrid premiou a novela de Manolo como o mellor libro do ano, salientando "a intensidade dun relato que percorre a historia da Coruña dende finais do século XIX ata os nosos días". O xurado, na acta do premio, destacou que "coa queima de libros procedentes de numerosas bibliotecas da cidade nos días posteriores ao golpe de Estado de 1936 como eixe central, a novela afonda nun tempo que tinguiu de fume e negras sombras a cidade e todo o país tras a Guerra Civil. Ao longo das súas 600 páginas asoman vencedores e vencidos que, da man do seu autor, van abrindo fendas por onde se coa algo de luz nas súas vidas".
Este novo recoñecemento únese a outros recibidos polo autor e pola obra nos últimos meses: o Premio da Crítica 2007, ao Premio Irmandade do Libro 2007, ao Premio Cálamo 2006 dos libreiros zaragozanos e ao Premio Ánxel Casal 2006 dos editores galegos. Coincide esta boa noticia co comezo dos traballos de reedición iniciados para recuperar dúas novelas de Manolo, un chisco esquecidas no noso catálogo En salvaxe compaña e Todo ben, que pretendemos publicar despois do verán.
Etiquetas: Manuel_Rivas

Marcadores: , ,