Fran Alonso, pregón da Feira do libro de Vigo
Fantástico o pregón de Fran Alonso que inaugurou a Feira do Libro de Vigo. Utilizando a estrutura do relato da araña que danza na arañeira, Fran debuxou de forma brillantísima a estrutura da cadea de valor do libro como ben cultural primeiro. Detívose de forma valente en denunciar a indixencia bibliotecaria viguesa (diante do alcalde, concelleiro de Cultura e director Xeral de Creación Cultural, que nas súas retóricas intervencións posteriores, calaron de forma moi significativa sobre tema tan principal). Beizóns merecidísimas para Fran Alonso. Un pregón memorable.
Etiquetas: Fran_Alonso
Marcadores: Autores, Beizóns, Bibliotecas, Eventos, Librarías
3 Comments:
A palabra cultura só aparece no famoso pacto de goberno(?)en Vigo para designar unha área do BNG. A palabra biblioteca, ao mellor estilo vigués, só unha vez tamén, dentro das accións de goberno, como "Gran Biblioteca do Estado".
Claro que no documento reivindicativo As necesidades urxentes da cidade presentadas no PLAN VECIÑAL 2007 da Federación de Asociacións de Veciños "Eduardo Chao", ningunha das dúas palabras aparece nin unha soa vez.
Asfalto, o que necesitamos é moito pichi... ¡canto por facer!
Parece que en asuntos bibliotecarios o novo goberno municipal tamén está “despistado”, polo que se deriva da lectura do pacto; é sintomático que só se fale do tema ao citar á “Gran (sic) Biblioteca do Estado”, non falan en absoluto das bibliotecas (en plural) municipais integradas en rede. Estes días anúnciouse a posta en marcha dun plan de animación á lectura, pero ¿onde está o programa co seu presuposto, co seu persoal, co seu calendario, etc.? Realmente, ¿saben o que é unha biblioteca, as súas funcións, unha rede, etc.? ¿preguntaron no propio Concello se alguén sabe algo desto? (é probable que teñan algo máis que pistas). Outra cousa máis: en Cultura e en bibliotecas é posible que a cidadanía demande só o que coñeza; polo que, se as institucións especialmente o Concello non poñen o tema a andar, pode que a xente só demande máis horario de apertura de espazos para estudar (¡ollo!, pero eso non é unha biblioteca). Porque, por exemplo: ¿quen demandou unha mediateca ou a posta en marcha da sección de audiovisuais da Biblioteca Central?, ¿saben que a planta segunda da Biblioteca dotouse en 1995 de equipos para servizos de “videoteca” e “fonoteca” e nunca se chegaron a abrir ao público?, ¿quen demandou a apertura desta planta, aparte do propio persoal de bibliotecas? está claro que só se demanda o que se coñece… e o día que funcione a Sección de Audiovisuais (ou unha Mediateca) a petición extenderase xunto coas bibliotecas públicas (con maiúscula) que corresponden a Teis, Calvario, Coia, Navia (con máis poboación que moitas vilas galegas) e aos outros puntos xeográficos que se determinen no Plan Municipal de Bibliotecas e Lectura (que terían que empezar xa a redactalo para poñelo a andar co presuposto de 2008). Sorte para todo o mundo.
Estou de acordo ao 100% co que dis. Sen dúbida o tema da demanda cultural é crítico para plantearse o conxunto das políticas neste tema. A clave está en poñer en marcha mecanismos de capacitación da poboación para o acceso libre á cultura. Infelizmente a tendencia é a rebaixar os contidos culturais para vender a política do concelleiro de turno, en lugar de realizar programas que "alfabeticen" culturalmente á poboación.
Difíciles se poñen as cousas, pois a política cultural non pode ser algo illado do conxunto das políticas municipais e no Concello de Vigo, optouse por continuar a tradición de confederación de concellerías e de reparto de anacos do orzamento co resultado coñecido de cativez nos programas, duplicidade e ineficacia.
No tema da demanda, por contar unha anécdota, resulta chamativo a de "ludotecas" (no texto da Federación, algún barrio di "falta ludoteca"). Unha actitude de puro consumo provocada polo éxito dun grupo de profesionais que hai poucos anos "colocou" o producto "ludoteca" a conseguíu a alguén alguén no Concello disposto a mercar semellante cousa. Ata lograron empregar o edificio dunha das preciosas escolas doadas por Policarpo Sanz en Bouzas co pomposo e absurdo nome de "Escola municipal do xogo", bonita contradictio in terminis.
Postar um comentário
<< Home