29.1.09

Aprimorar a lectura e a escritura

Alessandro Martins recompilou vinte e unha listas para aproimorar a lectura e a escritura que veu publicando no seu blog ao longo dos últimos anos. A pesar de que teñen un interese desigual, hai algunhas magníficas e útiles para ser empregadas na animación bibliotecaria. Eis o caso dalgunhas das listas sobre a animación da lectura: «Como aprendín a gustar da ler con once actitudes dos meus pais», «Os dez consellos para ler máis libros cada ano», «Os dez motivos para ler os clásicos», «Os doce consellos que facilitan o hábito da lectura». Como tamén as listas para aprimorar (que verbo bonito) a escritura, onde destacan «Os sete consellos de Gabriel García Márquez para escibir mellor». Esta recompilación de Martins é unha anotación para o arquivo. Moi útil. Grazas.

Marcadores: , ,

25.1.09

Bibliotecas de barrio

No artigo da semana expreso as miñas beizóns á consellaría de Cultura de Vigo pola súa aposta de creación de bibliotecas muncipais de barrio, que deben ir cubrindo a nefasta carencia bibliotecaria viguesa.

Marcadores: , , , ,

22.1.09

Vigo: primeira biblioteca pública de barrio

Este é o mellor anuncio cultural que limos en Vigo na última década. Apostar pola creación de bibliotecas públicas é a medida máis futurista e revolucionaria que poden acometer as administracións locais. Hoxe a biblioteca pública convertiuse na primeira institución cultural de cada comunidade local, de cada barrio, de cada comunidade; ademais do seu carácter de infraestrutura esencial dentro dos equipamentos socio educativos. Ata agora, Vigo foi en cuestión de bibliotecas públicas un auténtico desastre; un modelo, nos congresos de bibliotecarios, dunha situación carencial límite. Afortunadamente, semella que Xesús López Carreira, o concelleiro nacionalista vigués de Cultura, tomou boa nota do modelo da rede municipal coruñesa de bibliotecas e aproveitando o Plan Estatal de Investimento Local arrisca coa posta en marcha da primeira biblioteca de barrio. Non teño dúbida que situación viguesa comezará así a reconducirse, ao que debe axudar, tamén, a creación da prometida biblioteca do estado (para a que non hai aínda ubicación). Agora o importante é que en decembro se abrirá esta primeira biblioteca do Calvario, logo a de Navia, logo... Iníciase, pois, un camiño de esperanza para a política de lectura pública en Vigo. Beizóns para Xesús López Carreira.

Marcadores: , ,

15.10.08

24 de outubro, Día da Biblioteca


O vindeiro 24 de outubro celébrase en Santiago o Día da Biblioteca. Con este motivo, Amigos do Libro Infantil e Xuvenil encargou a Agustín Fernández Paz o pregón da xornada e a Xosé Cobas o deseño do cartel, que se está distribuíndo en toda a rede bibliotecaria española. Un formidable traballo de Agustín e Cobas. Beizóns!

ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ
Agustín Fernández Paz

ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca.
Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda.
Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón.
Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas.
Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados.

ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.
Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.
Todas as persoas necesitamos as historias, os soños, as palabras, talvez sexa unha característica inscrita no ADN da humanidade. Necesitámolas coma o comer, como beber auga, xaora que si. Para entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos, para soñar outros destinos, para loar os dons que a vida nos dá. Sabemos que non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e da creatividade, sen as palabras que expresan a variedade e a beleza dos nosos desexos e dos nosos sentimentos.
Por todo iso, abramos os libros. Eles conteñen os soños, as paixóns, os medos, os amores, as risas. Nas súas paxinas habita a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, das persoas que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. Os libros: ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender o oficio de vivir, para cambiarnos a vida e implicármonos na transformación do mundo.

ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ que traspasa todos os muros, unha luz que se fai máis intensa cando medran as persoas que a incorporan ás súas vidas. As mesmas persoas que logo, ao saíren por rúas e prazas, levarán canda elas o reflexo desa luz, a semente dese mundo novo que algún día faremos agromar. Un mundo máis solidario, máis plural, máis culto, máis xusto. Un mundo onde non se escoite a voz adormecedora dos poderosos, senón as palabras múltiples e diversas de todas as persoas que habitamos esta casa común que é o noso planeta.

Marcadores: , ,

12.7.08

Rare book room

Neste sitio poden consultarse manuscritos dixitalizados por Octavo para diversas bibliotecas do mundo. Fedellando poden verse cousas moi interesantes e curiosas.
Vía: Libreros.

Marcadores: ,

29.6.08

Noite na biblioteca

No artigo da semana, a raíz da experiencia de Espazo Lectura, reflexiono sobre a necesidade de refundar a rede de bibliotecas públicas.

Marcadores: , , ,

20.6.08

Unha noite na biblioteca


Esta é unha das experiencias máis bonitas e máis orixinais que coñezo de fomento da lectura entre os pequenos. Concibir a biblioteca como fogar das palabras e dos libros, considerala como espazo para compartir a vida e os libros, ubicala como eixo da vida cultural dunha comunidade é unha aposta preciosa de Espazo Lectura. Unha experiencia que abre un vieiro de esperanza, un modelo para compartir. Beizóns para os amigos e amigas de Espazo Lectura.

Marcadores: , ,

8.6.08

Clubs de lectura

No artigo da semana valoro a magnífica experiencia que supoñen os Clubs de lectura. Penso que poden ser unha das experiencias máis valiosas para o fomento da lectura, especialmente en galego.

Marcadores: , , ,

9.5.08

Entrevista a Manuel Rivas

Manuel Rivas é entrevistado na revista UNELIBROS. Manolo, entre outras cousas ben interesantes, propón a creación dun novo ecosistema para a promoción da lectura e do libro: o pub-taberna-libraría. Quedo con estas tres afirmacións en defensa do libro, a lectura e a biblioteca:
  • “A lectura, o libro e os espazos onde están son lugares de resistencia humanística esenciais. A nosa sorte depende de que eses espazos se manteñan ou desaparezan completamente da natureza”.
  • "O libro é algo que pertence á natureza, que ten a condición de froito".
  • "Os centros escolares deberían ter como epicentro arquitectónico a biblioteca".
    A longa entrevista pode lerse neste pdf (nas páxinas 13 a 15) do número completa da revista.

Marcadores: , , ,

3.4.08

Xosé María Álvarez Blázquez, WebQuest ESO

Publicouse unha interesante WebQuest sobre a figura de Xosé María Álvarez Blázquez, deseñada polos responsables das bibliotecas escolares do IES Afonso X O Sabio (Cambre) e o IES de Fene. Un recurso didáctico valioso para traballar nos centros de ESO a homenaxe do 17 de maio.
Por outra banda, dende a editorial estes días mandamos a fabricar A cidade e os días, obra que publicamos en colaboración co concello de Vigo; Xosé María Álvarez Blázquez. Unha Fotobiografía, volume preparado por Afonso Álvarez Cáccamo e Xosé María Álvarez Blázquez. Unidade didáctica, preparada por Irene Pérez Pintos. Rematamos así o proxecto de publicacións sobre a figura tan querida e salientable de don Xosé María.

Marcadores: , , ,

2.4.08

Os Encontros de Bilbliotecas Escolares en directo

Mañá falaremos nos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares sobre "A lectura en galego no marco da nova literacidade: o caso dos blogs". O máis pavero do asunto é que vai ser retransmitido en directo por Internet. Agardo non estar moi espeso ás catro da tarde. Prego, polo tanto, que as persoas que o vexan sexan benevolentes. Non me vin noutra coma esta.

Marcadores: ,

29.3.08

Encontros Plan Mellora de Bibliotecas Escolares 07/08

Xa coñecemos o programa dos Encontros do Plan Mellora de Bibliotecas Escolares 07/o8 que organiza en Sanxenxo a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación.

Na primeira xornada, 3 de abril, xoves, haberá tres conferencias:
  • ¡Canto vale? ¿Canto custa? ¿Para que serve? ¿É rendible? ou Como avaliar procesos e resultados na biblioteca escolar?, José Antonio Camacho.
  • Aprender a ler: ler para aprender, María de Lourdes Dionísio.
  • A lectura en galego no marco da nova literacidade: o caso dos blogs, Manuel Bragado.
e tres obradoiros:
  • Proxectos de traballo coa tradición oral, Antón Castro.
  • Espertar as ganas de ler. Presentación de libros, Charo Pita.
  • Ferramentas na Rede, José Fariña. José Luís Barreiro.
Na segunda, venres, catro conferencias:
  • A biblioteca escolar: centro de recursos para a aprendizaxe e a alfabetización informacional, Villar Arellano.
  • Biblioteca escolar e proxectos lectores. Recursos electrónicos e o seu aproveitamento, José Manuel Luque.
  • Fomento da lectura en contornos dixitais, Laura Borras Castanyer.
  • "El cementerio de los elefantes", Gonzalo Moure.

Marcadores: ,

21.1.08

Instituto Rosalía de Castro

Xosé L. Méndez Ferrín continúa a súa serie de artigos no Faro de Vigo sobre "Arquivos, bibliotecas e museus". Hoxe reclama a creación do Instituto Rosalía de Castro, de promoción da lingua e literatura galega no exterior, prevista na aprobada Lei do Libro e a lectura. A argumentación do mestre é dificilmente rebatible:
"Toda nación, e Galicia éo, debe dotarse de centros no extranxeiro nos que se difunda a súa lingua e a súa cultura propias. O goberno da Generalitat de Cataluña así o pensou e instituiu con nome de Ramon Llull unha serie de centros no mundo nos que a lingua e a cultura catalás se fai presente. Tense pedido unha e outra vez que a Xunta funde un organismo desde tipo, ao mesmo se lle ten dado o nome de Rosalía de Castro, pro non parece que vaia ser moi axiña realidade. Fraga Iribarne non quería un instituto internacional de Galicia por non ofender a idea de España única. Non sei por que Touriño e os seus socios que se reclaman do nacionalismo (naturalmente non independentista, san e ben entendido) se resisten á posta en funcionamento do Instituto Rosalía de Castro e sofren a humillación, aparentemente con gusto, de que sexa o goberno de Madrid a través de Instituto Cervantes que se apiade da nosa lingua e da nosa cultura e, por man de C.A. Molina vai facendo perceptibeis, poñamos que en Damasco, pequenas evidencias de que existimos e somos diferentes e que Álvaro Cunqueiro escribía en galego sobre Simbad."

Marcadores: , ,

18.1.08

Arquivos, bibliotecas e museos (II)

Xosé L. Méndez Ferrín volve hoxe no Faro coa prometida segunda entrega sobre "Arquivos, bibliotecas e museus". O mestre atina de cheo no diagnóstico sobre os nosos centros da memoria, ao tempo que proporciona o necesario contexto histórico do seu modelo inserido (a pesar da Autonomía) nun desfasado modelo provincial.
Reproduzo os dous últimos parágrafos, onde define o que debe ser a biblioteca actual e denuncia a precaria situación dos nosos arquivos e a inexistencia de arquiveiro municipal na cidade de Vigo:
"Na mentalidade contemporánea existe un desprezo real polos arquivos, as bibliotecas e os museus. Dise abertamente que son depósitos de cadáveres e sitios de armacenamento de obxectos poeirentos. Os máis listos revalidan en explicarnos como un museu ou unha biblioteca pode convertirse en centro de cultura "viva", deixando desarrollada a garrafa do tópico. Poucas xentes de decatan de que as bibliotecas necesitan, en primeiro lugar, bibliotecarios de carreira e formación, recrutados en oposicións libres e públicas, porque sen eles non é posibel a biblioteca. Logo, amplisimos espazos para depósito, para clasificación e para lectura. E libros, moitos libros e impresos. Só en derradeiro lugar as bibliotecas precisan das novas tecnoloxías e das actividades culturais e representacións e happenings (non digo que non estea iso mal).
En canto aos arquivos, eles son o basamento da memoria da nación, os lugares onde a documenta espera polo ollo crítico, o sitio da verdade histórica. Vexan como Galicia coida dos seus arquivos. O derradeiro arquiveiro municipal de Vigo foi José G. Posada-Curros que, de vivir hoxe, tería moito mais ca cen anos. Desde a súa xubilación, o posto de arquiveiro municipal nunca foi provisto nin convocada oposición entre titulados. O arquivo municipal de Vigo está instalado en dependencias insuficientes e en mas condicións nas sotos do Palacio Municipal e o seu responsabel soe ser un funcionario non capacitado técnica e especificamente para este labor. O caso do arquivo de Vigo ilustra o que estamos a decer. Ou sexa: todo para o fútbol e todo para a cultura endendida como fanfarria e espectáculo."
Etiquetas:

Marcadores:

15.1.08

Arquivos, museos e bibliotecas

No seu artigo de hoxe Xosé L. Méndez Ferrín atina no diagnóstico do estado carencial da rede bibliotecaria galega, especialmente, o triste caso vigués do que xa temos falado aquí en diversas ocasións proporcionando datos escandalosos. Ferrín promete novas entregas sobre tan importante tema. Para cando esa imprescindible nova Lei Galega de Bibliotecas inserida no novo Plan Nacional de Lectura? A Biblioteca é a primeira institución cultural de cada comunidade local e o eixo de toda a política de lectura.
Etiquetas:

Marcadores:

18.11.07

Libro e Mercado: o caso galego

Tras a celebración do IV Simposio “O Libro e a lectura”, que amosou a madurez da AGE para consolidar esta cita anual de reflexión profesional, propoño algunhas reflexións persoais sobre o tema debatido: “Libro e mercado”.
Os editores galegos non podemos ser complacientes co noso traballo e debemos ser capaces de integrar moitas das ideas e experiencias que xenerosamente ofreceron os ponentes; ademais, e isto me parece importante, de dar a coñecer á sociedade a situación real do noso sector (sobre a que, como puidemos comprobar por algunhas intervencións, se manexan escasos datos fiables e moitos tópicos escasamente fundamentados).
  1. A falsidade do dilema entre o libro e o mercado. A maioría dos ponentes coincidiron na idea de que tanto os editores como os libreiros deben defender o seu proxecto empresarial no mercado.
  2. O dilema debe establecerse entre editores e libreiros culturais (ou independentes) que procuran a excelencia do seu catálogo de lecturas (a estratexia do "long seller") e editores e distribuidores (especialmente cadeas de librarías e grandes superficies) de produtos editoriais que priorizan a estratexia do "best seller".
  3. A falsidade do dilema entre libro e mercadotecnia. A mercadotecnica concibida como "comunicación editorial" é imprescindible para facer visible o libro dentro da comunidade de lectores.
  4. O proceso de concentración (tanto editorial como libreira) ameaza a estratexia dos editores e libreiros culturais. As experiencias máis interesantes de lecturas de calidade están chegando dende pequenos selos editoriais especializados ou dende librarías independentes renovadas e acolledoras.
  5. É un reducionismo identificar "libro" co "libro literario". O libro literario é o corazón da edición cultural, mais só unha parte, por decisiva que sexa. Non podemos esquecer a educación educativa (vital para a supervivencia das librarías independentes), nin a infantil (fundamental para a conformación dos hábitos lectores) nin a de referencia nin sequera a destinada ao lecer (xeralmente a de maior importancia económica no mercado do libro).
  6. Especificamente, o mercado do libro en Galicia ten posibilidades obxectivas de crecemento. O mercado do libro en Galicia (150 millóns de €, a prezo de capa) supón só o 5% do total do mercado estatal, aínda por baixo do que nos correspondería polo noso peso demográfico (6,6%).
  7. O mercado do libro galego é pequeno, mais non por isto irrelevante ou desprezable. O libro en galego achega unha facturación de 27,5 millóns de € (dous millóns e medio de exemplares vendidos no ano 2006, un por cada cidadán maior de cinco anos), o que supón o 18,25% do total do mercado en Galicia; sendo, ademais, no 57,8% dependente das vendas realizadas nas librarías culturais galegas.
  8. O mercado do libro literario en galego é moi reducido. O noso libro literario achega apenas 3,80 millóns de € de facturación, que supón o 2,52% do total do mercado do libro en Galicia; sendo conscientes, ademais, da hexemonía da narrativa como xénero que supón o 85 % destas vendas.
  9. O dilema real do futuro do sector do libro en Galicia sitúase entre "lectura ou barbarie". A pesar dos baixos índices de lectura en Galicia (o 59% dos galegos maiores de cinco anos confesan que non len nunca o libro), porén existe no país unha importante sociedade de lectores e lectoras habituais (o 7% dos galegos, unhas 144.000 persoas, le máis de seis libros cada ano). Este gran club de lectores anónimos en Galicia ten moitos máis socios que todos os abonados do Deportivo, Celta e Rácing xuntos. E isto debería ser considerado polos políticos e responsables dos medios. O libro galego non precisa subvencións directas (coa excepción das destinadas á edición do libro de texto, xa non conta con elas) e si, pola contra, unha acción máis decidida de todas as administracións públicas para conseguir unha mobilización lectora. Aumentar os índices de lectura é o único xeito de ampliar o mercado obxectivo e a oferta editorial e libreira en Galicia.
  10. O futuro do libro literario en galego dependerá, en boa medida, da presenza do galego na sociedade e da capacidade dos editores e libreiros en ofrecer produtos excelentes. A proxección e maior visibilidade do libro e da literatura galegas no exterior pode axudar neste proceso (sobre todo polos azos e posibilidades de profesionalización que proporcionará aos nosos autores), mais o futuro da nosa literatura está vencellada a un futuro multilingüe onde o galego sexa a lingua de instalación lectora.
  11. A visibilidade do libro en Galicia, e especialmente o libro en galego, é inferior ao seu mercado obxectivo. A súa presenza nas mesas de novidades e nos escaparates das librarías, como nas seccións de Cultura dos medios de comunicación está por baixo da porcentaxe do 18,25%. Doutro xeito, non é un disparate reclamar que un de cada cinco libros no escaparate deberían ser en galego, como tampouco que esta porcentaxe fose o espazo dedicado diariamente a informar sobre eles (ou sobre os seus autores) nos xornais editados en Galicia.
  12. O futuro do libro galego está vencellado ao futuro das librarías independentes (ou culturais) e das bibliotecas públicas en Galicia. A libraría é o ecosistema do libro, sendo unha entidade tanto comercial como unha institución cultural de proximidade. A biblioteca é a primeira insitutción cultural de cada comunidade local, punto especializado de acceso á lectura e á información.
  13. O papel das administracións públicas (especialmente da Consellaría de Cultura) é promover con convicción a lectura na sociedade. Dotar ao país dunha rede bibliotecaria de calidade (da que carece), profundizar na formación dun criterio lector no sistema educativo non universitario e contribuír a renovación e supervivencia do sector libreiro de proximidade son hoxe as mellores "axudas" que os editores privados galegos podemos agardar do Goberno bipartito.
Etiquetas: Libro_mercado

Marcadores: , , , , , , ,

9.9.07

Bibliotecas fermosas

Desde aquí pode facerse unha impresionante viaxe fotográfica por algunhas das bliliotecas máis fermosas de todo o mundo. Unha auténtica marabilla para quen teña curiosidade por estes espazos para gardar a memoria das palabras. Pódese ampliar a navegación nas páxinas de flickr. Moi recomendable.
Vía Valadés (beizóns).
Etiquetas:

Marcadores: , ,

30.6.07

Fran Alonso, pregón da Feira do libro de Vigo

Fantástico o pregón de Fran Alonso que inaugurou a Feira do Libro de Vigo. Utilizando a estrutura do relato da araña que danza na arañeira, Fran debuxou de forma brillantísima a estrutura da cadea de valor do libro como ben cultural primeiro. Detívose de forma valente en denunciar a indixencia bibliotecaria viguesa (diante do alcalde, concelleiro de Cultura e director Xeral de Creación Cultural, que nas súas retóricas intervencións posteriores, calaron de forma moi significativa sobre tema tan principal). Beizóns merecidísimas para Fran Alonso. Un pregón memorable.
Etiquetas: Fran_Alonso

Marcadores: , , , ,

26.6.07

Servizos de lectura

Gardalivros anuncia a aparición dun monográfico da revista Interea sobre servizos de lectura. Moi interesante para debullar amodiño.
Etiquetas:

Marcadores: ,

12.6.07

Rede de Bibliotecas de Galicia

Paréceme bo o novo portal da Rede de Bibliotecas de Galicia. Información ben organizada e cun nivel de usabilidade que me pareceu moi aceptable. Especialmente interesante é a selección de contidos web e o funcionamento dos buscadores (con atención específica ao do libro galego). Haberá que profundizar no seu funcionamento, mais a primeira visita é ben esperanzadora. Beizóns para os seus responsables.
Etiquetas: Bibliotecas

Marcadores: