27.6.07

"Fóra do sagrado" de Anxo Angueira

Espectacular e moi emocionante foi o recital de presentación de Fóra do sagrado, o poemario que dedica a Vigo Anxo Angueira. O paraninfo "Leónides de Carlos Ardenaz" do Instituto Santa Irene ateigouse de xente para escoitar a presentación de Méndez Ferrín e a declamación do poeta, acompañado dos músicos Leo de Matamá (nas guitarras e voz) e Aser Álvarez (percusión).
Na súa intervención Ferrín sinalou que presentabamos "un libro situado no centro do puro republicanismo da fé na liberdade". "Este é un texto para ser pronunciado en alta voz, para ser cantado, xa que soporta unha potentísima oralidade. A necesidade da dicción oral para facernos vibrar plenamente como nos grandes cantares de xesta. Aí a razón da invitación do eoi da Chanson de Roland". Continuou Ferrín afirmando que Fóra do sagrado supón unha "erupción de palabras, poesía acumulativa, con potencia da anáfora, amosando toda a capacidade emotiva do versículo libre". Despois de citar a Pier Paolo passolini e ao seu pranto polo proletariado suburbano, Ferrín sinalou que este "longo poema representa unha nova concepción da poesía política, cargado de ideas fondas e dunha sentimentalidade profunda; unha manifestación exultante e alegre da cifra de toda a Galicia contemporánea que é a cidade de Vigo". O autor de Bretaña, Esmeraldina rematou as súas palabras gabando a representación plástica que presidía o acto (cinco murais de cinco metros de altura realizados polos irmáns De Dios), representación do máis simbólico desta cidade, o porto do Berbés e alá arriba (como diría Castelao) das casas onde viven as xentes de terra. "Sempre, sempre, sempre, Vigo un camiño cara a liberdade", foron as palabras derradeiras de Ferrín.
Aconsello esta anotación de Arume dos Piñeiros sobre este poemario de Angueira, chamado a marcar un fito na nosa produción contemporánea.
Actualización (28-06-2007): Crónica da presentación de Arume dos Piñeiros.
Actualización (29-06-2007): a crítica de Heitor Mera no Cartafol.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

3 Comments:

Blogger Lula Fortune said...

¿E non estaba Forcadela grabando o video?

1:15 PM  
Blogger Marcos Valcárcel López said...

A miña noraboa (que xa lle dei en privado) ó mestre da palabra, Anxo Angueira.

2:55 PM  
Anonymous Anônimo said...

A inmortalidade dos seus poemas fai deles un cúmulo de insensateces. Nada novo. Iso si, recita coma ningún outro.

2:51 PM  

Postar um comentário

<< Home