21.11.07

O viño fala galego

Apoio a campaña promovida pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingúística para promover a etiquetaxe dos nosos viños en galego.
DECLARACIÓN DE APOIO Á CAMPAÑA POLA ETIQUETAXE DOS VIÑOS EN GALEGO
Se o dinamismo económico e a competitividade dun país son o froito de combinarmos un certo recoñecemento histórico coa capacidade de ofrecer produtos de calidade cunha imaxe atraente, un dos ingredientes esenciais desa combinación deberá ser o respecto e a identificación dos produtos coa cultura da terra e da sociedade nas que se crean. No noso país, iso esixe a incorporación da lingua galega á presentación e divulgación das mercadorías.
Podemos predicar iso de calquera actividade económica e comercial pero é especialmente certo no tocante ó sector agroalimentario pola longa tradición que se agocha trala elaboración, o dinamismo, e o relevo dos seus produtos cun consumo case universal.
O uso da lingua galega na etiquetaxe reforza a vinculación do produto coa sociedade, a cultura e a terra nas que xorde, e esa vinculación das mercadorías galegas con Galicia é un dato avaliado favorablemente, non soamente polos consumidores galegos, senón tamén fóra do noso país.
No sector agroalimentario o viño xoga, desde sempre, un papel relevante polo seu prestixio na sociedade e as súas fortes connotacións culturais.
Iso explica que, como cidadáns de Galicia e consumidores, manifestemos a nosa solidariedade e apoio á campaña en favor do etiquetado dos viños en lingua galega que promove a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Animamos aos viticultores, adegueiros e cooperativas a que etiqueten en galego ás súas botellas; ás institucións públicas, os establecementos de distribución e de restauración a que promovan o consumo dos nosos viños de calidade etiquetados na nosa lingua; ós cidadáns, a que apoien activamente a campaña co seu consumo; e ás autoridades autonómicas a que continúen no futuro ese labor de defensa e divulgación da nosa cultura con iniciativas semellantes noutros sectores alimentarios.
É por iso que en Galicia hai cada vez máis denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de produtos alimentarios que constitúen un recurso decisivo para o desenvolvemento económico e social do medio rural de cada un dos territorios nos que se elaboran.
Por todo isto, os representantes das institución públicas e personalidades asinantes sumámonos á campaña de normalización lingüística "Deixa que o viño fale. Escolle un viño etiquetado en galego", comprometéndonos a que nos actos protocolarios, caso de servírense viños, teñan preferenza os etiquetados en lingua galega.
Etiquetas:

Marcadores: , ,