18.11.07

Libro e Mercado: o caso galego

Tras a celebración do IV Simposio “O Libro e a lectura”, que amosou a madurez da AGE para consolidar esta cita anual de reflexión profesional, propoño algunhas reflexións persoais sobre o tema debatido: “Libro e mercado”.
Os editores galegos non podemos ser complacientes co noso traballo e debemos ser capaces de integrar moitas das ideas e experiencias que xenerosamente ofreceron os ponentes; ademais, e isto me parece importante, de dar a coñecer á sociedade a situación real do noso sector (sobre a que, como puidemos comprobar por algunhas intervencións, se manexan escasos datos fiables e moitos tópicos escasamente fundamentados).
  1. A falsidade do dilema entre o libro e o mercado. A maioría dos ponentes coincidiron na idea de que tanto os editores como os libreiros deben defender o seu proxecto empresarial no mercado.
  2. O dilema debe establecerse entre editores e libreiros culturais (ou independentes) que procuran a excelencia do seu catálogo de lecturas (a estratexia do "long seller") e editores e distribuidores (especialmente cadeas de librarías e grandes superficies) de produtos editoriais que priorizan a estratexia do "best seller".
  3. A falsidade do dilema entre libro e mercadotecnia. A mercadotecnica concibida como "comunicación editorial" é imprescindible para facer visible o libro dentro da comunidade de lectores.
  4. O proceso de concentración (tanto editorial como libreira) ameaza a estratexia dos editores e libreiros culturais. As experiencias máis interesantes de lecturas de calidade están chegando dende pequenos selos editoriais especializados ou dende librarías independentes renovadas e acolledoras.
  5. É un reducionismo identificar "libro" co "libro literario". O libro literario é o corazón da edición cultural, mais só unha parte, por decisiva que sexa. Non podemos esquecer a educación educativa (vital para a supervivencia das librarías independentes), nin a infantil (fundamental para a conformación dos hábitos lectores) nin a de referencia nin sequera a destinada ao lecer (xeralmente a de maior importancia económica no mercado do libro).
  6. Especificamente, o mercado do libro en Galicia ten posibilidades obxectivas de crecemento. O mercado do libro en Galicia (150 millóns de €, a prezo de capa) supón só o 5% do total do mercado estatal, aínda por baixo do que nos correspondería polo noso peso demográfico (6,6%).
  7. O mercado do libro galego é pequeno, mais non por isto irrelevante ou desprezable. O libro en galego achega unha facturación de 27,5 millóns de € (dous millóns e medio de exemplares vendidos no ano 2006, un por cada cidadán maior de cinco anos), o que supón o 18,25% do total do mercado en Galicia; sendo, ademais, no 57,8% dependente das vendas realizadas nas librarías culturais galegas.
  8. O mercado do libro literario en galego é moi reducido. O noso libro literario achega apenas 3,80 millóns de € de facturación, que supón o 2,52% do total do mercado do libro en Galicia; sendo conscientes, ademais, da hexemonía da narrativa como xénero que supón o 85 % destas vendas.
  9. O dilema real do futuro do sector do libro en Galicia sitúase entre "lectura ou barbarie". A pesar dos baixos índices de lectura en Galicia (o 59% dos galegos maiores de cinco anos confesan que non len nunca o libro), porén existe no país unha importante sociedade de lectores e lectoras habituais (o 7% dos galegos, unhas 144.000 persoas, le máis de seis libros cada ano). Este gran club de lectores anónimos en Galicia ten moitos máis socios que todos os abonados do Deportivo, Celta e Rácing xuntos. E isto debería ser considerado polos políticos e responsables dos medios. O libro galego non precisa subvencións directas (coa excepción das destinadas á edición do libro de texto, xa non conta con elas) e si, pola contra, unha acción máis decidida de todas as administracións públicas para conseguir unha mobilización lectora. Aumentar os índices de lectura é o único xeito de ampliar o mercado obxectivo e a oferta editorial e libreira en Galicia.
  10. O futuro do libro literario en galego dependerá, en boa medida, da presenza do galego na sociedade e da capacidade dos editores e libreiros en ofrecer produtos excelentes. A proxección e maior visibilidade do libro e da literatura galegas no exterior pode axudar neste proceso (sobre todo polos azos e posibilidades de profesionalización que proporcionará aos nosos autores), mais o futuro da nosa literatura está vencellada a un futuro multilingüe onde o galego sexa a lingua de instalación lectora.
  11. A visibilidade do libro en Galicia, e especialmente o libro en galego, é inferior ao seu mercado obxectivo. A súa presenza nas mesas de novidades e nos escaparates das librarías, como nas seccións de Cultura dos medios de comunicación está por baixo da porcentaxe do 18,25%. Doutro xeito, non é un disparate reclamar que un de cada cinco libros no escaparate deberían ser en galego, como tampouco que esta porcentaxe fose o espazo dedicado diariamente a informar sobre eles (ou sobre os seus autores) nos xornais editados en Galicia.
  12. O futuro do libro galego está vencellado ao futuro das librarías independentes (ou culturais) e das bibliotecas públicas en Galicia. A libraría é o ecosistema do libro, sendo unha entidade tanto comercial como unha institución cultural de proximidade. A biblioteca é a primeira insitutción cultural de cada comunidade local, punto especializado de acceso á lectura e á información.
  13. O papel das administracións públicas (especialmente da Consellaría de Cultura) é promover con convicción a lectura na sociedade. Dotar ao país dunha rede bibliotecaria de calidade (da que carece), profundizar na formación dun criterio lector no sistema educativo non universitario e contribuír a renovación e supervivencia do sector libreiro de proximidade son hoxe as mellores "axudas" que os editores privados galegos podemos agardar do Goberno bipartito.
Etiquetas: Libro_mercado

Marcadores: , , , , , , ,

4 Comments:

Anonymous Anônimo said...

ola, manuel,
son asiduo lector do teu blog (noraboa) e, xa de antes, dalgunha que outra opinión túa no Faro (lembro ter lido no seu momento a que publicaches hai uns días co gallo do Prestige).

acabo de poñer unha ligazón no meu blog (O ghaiteiro de Lapamán) a este. de cando en vez, vou deixando pequenas críticas dos libros que vou lendo, dun xeito totalmente falto de intención, nada máis que para lembrarme e deixar gardadas as miñas impresións a xeito de diario.

sería toda unha honra que me engadises no teu blogroll. un saúdo!

2:10 PM  
Anonymous Anônimo said...

Grazas, Manolo. Polas túas reflexións sempre atinadas.
Luz

6:35 PM  
Anonymous Anônimo said...

Obrigado Bragado pola crónica das xornadas e a túa análise. Non me puiden achegar a elas por estar en Barcelona, cidade que polo que puiden comprobar si ten unha boa rede de bibliotecas (ao igual que A Coruña, como quedou de manifesto nas xornadas do ano pasado).

Xosé S.

7:24 PM  
Blogger Brétemas said...

Rubén: parabéns polo blog. Engadínte ao blogroll. A dispór. Saúdos.

7:45 PM  

Postar um comentário

<< Home