15.1.08

A quen beneficia a polémica?

Hoxe Xabier Cordal resume polo miúdo en Galicia hoxe (admirable o seguimento deste medio ao mundo literario galego) as diversas reaccións á polémica literaria das últimas semanas. Pola súa banda X.M.Eyré agoira na súa anotación que, previsiblemente, seremos os editores os próximos atacados e que "lle gustaría ser tan optimista" coma presupón que eu acredito na resolución deste debate cultural. Estou con Eyré en que a polémica non favorece a fraca imaxe social do noso sistema literario e sector editorial, sobre todo cando se pretende cuestionar os seus mesmos alicerces: o traballo honesto dos nosos creadores e o difícil proceso de recepción dos seus textos facilitado polos seus mediadores (especialmente da crítica e do profesorado). Porén, hai que valorar como positivas as admirables mostras de autoestima e reflexión suscitadas, demostrando que a literatura e a edición galega contemporánea están determinadas, co apoio do seus moitos milleiros de lectores e lectoras, a impulsarse na excelencia e a evitar caer na autocomplacencia e o conformismo. Aposto por este fío de esperanza para abrir, recordando a Rafael Dieste, un novo tempo de entusiasmo.

Actualización (16-01-2008)
: Aconsello esta nova anotación de Eyré.

Marcadores:

3 Comments:

Blogger Mario said...

Vaia, o Nadal aínda me ten en fóra de xogo e véñome a enterar agora de todo isto. A touro pasado diría que sempre falan os menos axeitados, e que falar agora de criterios obxectivos de calidade ou do bo gusto (!!!) é unha cousa xa non do século pasado, senón aínda do outro máis.

Na Literatura Galega hai cousas boas e malas, obviamente, e seríamos parvos de crer que toda a produción dun ano é marabillosa. Como xa teño dito outras veces o estado do mercado ten como compensación (e consolo) a liberdade. Non temos que vender libros para comer, e iso permite tomar riscos e xogar nunha perspectiva máis artística e independente.

Non me engano se digo que nos últimos 50 anos a nosa Literatura ten producido proporcionalmente máis obras excelentes dun ponto de vista artístico que moitos outros paises europeos. Xohana Torres, Ferrín, Lois Pereiro, Vidal Bolaño, Cid Cabido, Borrazás, Angueira... son exemplos que non teñen equivalencia noutros sistemas literarios, e xustifican un mínimo respecto ao sistema.

O demais son os debates de sempre.

5:58 AM  
Anonymous Anônimo said...

Non me parece de recibo negar a pertinencia do debate aducindo que beneficia ou que prexudica a non sei que. Semella unha argumentación a la bulgara. Outra cousa é que Franco Grande fose brusco e inxusto nalgunhas cousas.

1:36 PM  
Anonymous Anônimo said...

A realidade é que Franco grande di o que todo o mundo pensa e ninguen se atreve a dicir. Pôr intereses miserabeis, por puro clientelismo e por descarado amiguismo as mais das veces. É triste que algúns modernos.pomodernos de xeitos rancios obvien que en Galicia a crítica só tende a pedantería e aburre a todos. Debe ser porque eles mesmos son máis pedantes que nada.

11:43 AM  

Postar um comentário

<< Home