1.3.08

A estatua de Curros na Alameda


Hoxe Ferrín faise eco en Faro do manifesto asinado por centos de persoas que solicitamos ao concello de Vigo que estatua de Curros Enríquez, que se atopa oculta no Castro, nun xardinciño clandestino ao pé do Castelo, fronte ao miradoiro dos Galeóns de Rande, volva a súa ubicación orixinal nos xardíns da Alameda. Esta sería a imprescindible homenaxe ao poeta no ano do centenario do seu pasamento. Hai sete anos nun artigo no Faro xa propuxera esta medida e contara o devir da estatua, traslada ao Castro durante a ditadura, sendo alcalde Portanet. O busto ao noso poeta (obra de Coullat Valera) fora inaugurado en agosto de 1911 e promovido por subscrición popular pola Sociedade La Oliva a instancias de Manuel Olivié. Reproduzo o texto do manifesto:
"Este ano cúmprese o primeiro centario do falecemento de Curros Enriquez, o noso poeta civil por excelencia. Poucos anos despois do seu pasamento, acaecido en 1908, a sociedade “La Oliva”, e mediante aportacións populares, en 1910 púxose a primeira pedra da estatua dedicada a Curros Enríquez. En 1911 foi descuberto e inaugurado aquel monumento na praza de Compostela, logo coñecida tamén como Alameda. Un mozo, Manuel Gómez Román, que naquel tempo presidíu a sociedade promotora da iniciativa, participou na homenaxe ao bardo, de quen Xosé María Álvarez Blázquez, escribíu: “Foi un home consciente das inquedanzas da súa época e puxo os seus versos sobre a chaga social do seu tempo, coma un ferro de candentes rebeldías”.
Viña de vello o vencello de Curros e Vigo. Nunha das ocasións na que pasou pola cidade, en 1877, escribíu aquí, de volta a súa terra, logo dunha delongada ausencia: “Si mi desventura es tal,/de tu sol bajo el imperio,/¡oh Vigo!, préstame leal/una choza en tu arenal/ o un hoyo en tu cementerio”. Máis adiante, en 1904, Curros comentoulle a un grupo de amigos o desexo de vir vivir a Vigo. “O proxecto non pasou dunha lírica arela”, comentou Álvarez Blázquez, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Aquelas expresións de afecto a Vigo foron correspondidas por esta cidade tantas veces xenerosa. Non só coa estatua dedicada a Curros, senón con outras homenaxes ao poeta e apoios a súa familia. Primeiro, a súa irmá Sofía e a un fillo desta, residentes en Vigo algún tempo e necesitados de socorro económico; logo, á viúva do gran bardo galego, a quen o Concello chegou a concederlle unha pensión.
Co gallo do centenario do seu pasamento, e en vésperas do centenario daquela homenaxe a Curros, a actual corporación podería e debería rememorar tal data devolvendo a estatua ao seu lugar de oríxe, a Praza de Compostela, onde permaneceu ata que nos anos sesenta foi trasladada ao Castro, lugar no que permanece. Sería unha mostra de renovado afecto a quen manifestou por Vigo tanto amor. Sen dúbida, o alcalde da cidade fará patente a súa sensibilidade ordenando a iniciación do expediente de traslado e a programación dun acto de homenaxe, que os asinantes solicitamos."
Etiquetas:

Marcadores: , ,

1 Comments:

Anonymous Anônimo said...

acabo de pasar polo lugar onde parece que quedará re-instaurada a estatua de Curros. Dúas cousas:
-o lugar orixinal que figura nas fotos que acompañan a túa entrada NON É o sitio onde se vai instalar.
-a consecuencia é que a volta de Curros do "exilio" supuxo polo momento a "expulsión fulminante" dunha das pezas que fixera Camilo Nogueira (pai) para a Alameda.
Estando totalmente dacordo coa vontade de recuperación da memoria histórica, estou absolutamente disconforme co método de rehabilitación que pasa por riba de fundamentos estéticos (cárgase a continuidade explícita das pezas de Camilo Nogueria) e tamén estou en contra dos procedementos sumarísmos de expulsión.

8:42 PM  

Postar um comentário

<< Home