22.12.08

Ler fainos máis grandes

O noso amigo o editor Joan Carles Girbés é o autor de Guia práctica para fer fills lectors, unha guía concibida para o fomento dos hábitos lectores dentro da familia, da que en Cataluña se levan repartidos xa oitocentos mil exemplares. Bravo, Joan Carles!
Un libro onde aparecen, ademais, eses DEZ CONSELLOS INFALIBLES PARA QUE OS NENOS E AS NENAS ODIEN OS LIBROS:
1.- Cando empecen a ler en voz alta, interrómpeos constantemente para marcar os seus erros...
A ti tamén se che sacarían as ganas de seguir lendo.
2.- Obrígaos a ler...
Nada máis eficiente que un simple monosílabo, le! para conseguir o efecto contrario.
3.- Menospreza os seus gustos e non respectes o seu criterio...
Que é mellor, que lean o que lles gusta ou que non lean?
4.- Imponlles lecturas...
Esa novela que tanto che gustou á súa idade non ten por que ser do seu agrado.
5.- Pídelles que che fagan un resumo...
Non deixes que asocien os libros cos deberes.
6.- Controla todo o que len...
Interesarse non significa examinalos e interrogalos.
7.- Lémbralles os beneficios de ler...
Dille: os nenos que len sacan mellores notas, coma o teu amigo. Así o rapaz ou a rapaza perderá as ganas de ler e collerá manía ao amigo.
8.- Relaciona os libros só cos deberes...
Un libro non debe ser só un instrumento para aprender cousas.
9.- Castígaos sen tele por non ler...
En ver de converter a tele no noso aliado, preguntándolle, por exemplo, cantos filmes infantís baséanse en libros?
10.- Esíxelles lecturas non axeitadas.
Non por se bo e correcto, un libro debe ser axeitado á súa idade ou ao seu estado madurativo.
(Tradución galega: Trafegando ronseis; castelá: ediciona)


Esta iniciativa modesta de popularización do hábito da lectura no seo da familia, con motivo do Nadal, ben podería ser emulada en Galicia. A relación entre custo e rendabilidade social e cultural é óptima. Beizóns para Joan Carles!

Marcadores: ,

18.7.08

Apoio ao Manifesto de Galeusca

11.7.08

Galeusca

Hoxe asinei o texto que a Federación de Escritores Galeusca publica como necesaria resposta ao "Manifesto de Savater" (o filósofo hoxe recunca nun artigo en El País no seu vitimismo, moi irado pola posición contraria do PSOE e o presidente de Zapatero ao seu texto). O texto dos escritores cataláns, vascos e galegos manexa argumentos potentes e ben podería servir de base para constituír unha plataforma cívica a prol do plurilingüismo en todas as comunidades. españolas. Especialmente interesantes parécenme estes dous parágrafos:
"4. O galego, éuscaro e catalán tamén son linguas oficiais nos seus territorios, que é o mesmo que dicir que son as linguas propias de aproximadamente o 40% da poboación do estado español. Estes códigos lingüísticos diferentes do castelán, lexítimos e nos que se recoñece o percorrido e expresividade dun pobo e dunha cultura, son instrumentos de comunicación igualmente “democrática”, ferramentas de relación interpersoal útiles e necesarias para a sociedade que as sustenta."
[...]
"9. As políticas lingüísticas aplicadas ao ámbito educativo nas chamadas comunidades bilingües teñen como obxectivo conseguiren que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar. Para acadar ese obxectivo, é preciso desenvolver planificacións lingüísticas que garantan a consecución dese obxectivo e que pasan, necesariamente, pola utilización vehicular maioritaria da lingua máis desfavorecida socialmente. E isto, en vez de ir contra a liberdade lingüística, é, precisamente, unha actuación imprescindible para garantir esa liberdade lingüística."
O texto pode apoiarse dirixindo un correo electrónico á secretaría da AELG: oficina@aelg.org

Marcadores: , ,

10.7.08

A intelixencia de Barreras

Os lectores e lectoras destas brétemas saben da miña admiración polo proxecto empresarial de Barreras, o estaleiro vigués que está montando buques futuristas na nosa Beiramar. Hoxe debemos volver a abenzoar aos responsables de Barreras polo seu decidido apoio á nosa lingua, nun momento especialmente difícil no que unha parte da clase empresarial viguesa amosa en privado intencións de deitarse nos brazos castelanófonos (nos vindeiros días, segundo as informacións das que dispoño, pode producirse un pronunciamento involucionista público). Barreras adoptando progresivamente o galego como a súa lingua vehicular (na documentación interna, na rotulación, nas relacións laborais como co entorno dos seus proveedores) recunca na súa aposta por estratexias futuristas e de innovación: neste caso pola tecnoloxía punta que simbolicamente atesoura a nosa lingua. A intelixencia empresarial de Francisco González Viñas, o presidente do esteleiro, unindo á innovación coa causa da lingua é a mellor inxección de entusiasmo que recibimos estes días. Beizóns para el e para os traballadoras da factoría.

Marcadores: , ,

6.7.08

Salvemos o Celta!

Esta paréceme unha iniciativa oportuna. Velaí dous parágrafos do manifesto apoiado por celtistas de todas as condicións:
"O Celta é máis que unha Sociedade Anónima Deportiva. É algo máis que un nome, é un sentimento en algo que para algúns tan só é un deporte de masas, pero que a nós, celtistas, levanos a sentir dende as maiores ledicias ás máis profundas depresións. Algo que non se pode explicar con verbas.
Por iso as novas acerca da súa posible desaparición amosan unha profunda preocupación por algo que naceu alá no ano 1923. Facemos o chamamento por nós, os siareiros actuais. Polos nosos pais e avós que nos levaron por primeira vez a Balaídos. Polos fundadores, por Manuel De Castro “Handicap”. Polos nosos fillos, que herdarán o noso sentimento. O Celta non pode desaparecer, non se pode borrar as ilusións, esforzos de tanta xente ó longo de tantos anos."
Pode asinarse aquí.

Marcadores: , ,

15.5.08

Blogues polas lingua

Adherímonos á rede de Blogues pola lingua e ao contido do seu manifesto. Neste momento xa hai máis de oitenta adhesións. Animo a tecer esta rede de traballo compartido en defensa da lingua de todos e todas.

Marcadores: , ,

1.3.08

A estatua de Curros na Alameda


Hoxe Ferrín faise eco en Faro do manifesto asinado por centos de persoas que solicitamos ao concello de Vigo que estatua de Curros Enríquez, que se atopa oculta no Castro, nun xardinciño clandestino ao pé do Castelo, fronte ao miradoiro dos Galeóns de Rande, volva a súa ubicación orixinal nos xardíns da Alameda. Esta sería a imprescindible homenaxe ao poeta no ano do centenario do seu pasamento. Hai sete anos nun artigo no Faro xa propuxera esta medida e contara o devir da estatua, traslada ao Castro durante a ditadura, sendo alcalde Portanet. O busto ao noso poeta (obra de Coullat Valera) fora inaugurado en agosto de 1911 e promovido por subscrición popular pola Sociedade La Oliva a instancias de Manuel Olivié. Reproduzo o texto do manifesto:
"Este ano cúmprese o primeiro centario do falecemento de Curros Enriquez, o noso poeta civil por excelencia. Poucos anos despois do seu pasamento, acaecido en 1908, a sociedade “La Oliva”, e mediante aportacións populares, en 1910 púxose a primeira pedra da estatua dedicada a Curros Enríquez. En 1911 foi descuberto e inaugurado aquel monumento na praza de Compostela, logo coñecida tamén como Alameda. Un mozo, Manuel Gómez Román, que naquel tempo presidíu a sociedade promotora da iniciativa, participou na homenaxe ao bardo, de quen Xosé María Álvarez Blázquez, escribíu: “Foi un home consciente das inquedanzas da súa época e puxo os seus versos sobre a chaga social do seu tempo, coma un ferro de candentes rebeldías”.
Viña de vello o vencello de Curros e Vigo. Nunha das ocasións na que pasou pola cidade, en 1877, escribíu aquí, de volta a súa terra, logo dunha delongada ausencia: “Si mi desventura es tal,/de tu sol bajo el imperio,/¡oh Vigo!, préstame leal/una choza en tu arenal/ o un hoyo en tu cementerio”. Máis adiante, en 1904, Curros comentoulle a un grupo de amigos o desexo de vir vivir a Vigo. “O proxecto non pasou dunha lírica arela”, comentou Álvarez Blázquez, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Aquelas expresións de afecto a Vigo foron correspondidas por esta cidade tantas veces xenerosa. Non só coa estatua dedicada a Curros, senón con outras homenaxes ao poeta e apoios a súa familia. Primeiro, a súa irmá Sofía e a un fillo desta, residentes en Vigo algún tempo e necesitados de socorro económico; logo, á viúva do gran bardo galego, a quen o Concello chegou a concederlle unha pensión.
Co gallo do centenario do seu pasamento, e en vésperas do centenario daquela homenaxe a Curros, a actual corporación podería e debería rememorar tal data devolvendo a estatua ao seu lugar de oríxe, a Praza de Compostela, onde permaneceu ata que nos anos sesenta foi trasladada ao Castro, lugar no que permanece. Sería unha mostra de renovado afecto a quen manifestou por Vigo tanto amor. Sen dúbida, o alcalde da cidade fará patente a súa sensibilidade ordenando a iniciación do expediente de traslado e a programación dun acto de homenaxe, que os asinantes solicitamos."
Etiquetas:

Marcadores: , ,

22.1.08

Salvar as palabras

Sei por Marcos do magnífico proxecto da AELG de salvación de palabras en desuso e en perigo de extinción. A iniciativa "Palabras con memoria" pretende recuperalas e poñelas de novo en vixencia e incluídas nos dicionarios. Esta iniciativa é semellante á que promoveron o pasado 23 de abril a Escuela de Escritores de Madrid e a Escola de Escriptura do Ateneo de Barcelona co nome "Apadrina una palabra en peligro de extinción". Quen queira colaborar no fermoso proxecto da AELG debe dirixirse a Isidro Novo (palabra.con.memoria@aelg.org). Nos comentarios da anotación de Marcos aparece xa unha importante relación destas palabras e o modelo de colaboración (solíctase significado ou significados, zona onde é utilizada e outras consideracións para a súa recuperación). Aí van algunhas:
acomerar, anudún, babuxo, broas, castre, cencellar, conaipas, escampaviar, escornapitos, facer xixa, filusmías, gabuxas, quilar, porén á rebendía, sifate, xarbote...
Creo que podería ser bonito que a AELG habilitase un espazo no seu web para a publicación destas palabras recuperadas, convertendo o traballo colaborativo que se fai na rede nunha ferramenta útil para esta empresa solidaria. Pola miña banda apadriño a recuperación de "marrucho" (non está aínda no Gran Xerais) como sinónimo de "filloa" (doce feito de masa moi delgada, composta de fariña, leite ou auga e ovos, todo mesturado, que se frite na tixola en láminas finas, podendo engadirlle logo azucre, mel ou outras lambetadas). A palabra "marrucho" emprégase aínda na parroquia de San Pedro da Ramallosa (Nigrán): O domingo comeremos un bo prato de marruchos.

Marcadores: , ,

17.1.08

Centre for the promotion of Galician Literature in Translation

A raíz da miña proposta de creación dunha Oficina do Libro Galego, como xestor da estratexia de promoción da literatura galego a nivel internacional, o amigo Jonathan Dunne (o máis importante tradutor da literatura galega ao inglés) remíteme este enlace coa páxina do Centre for the Promotion of Galician Literature in Translation (CPGLT) que creou en 2000 cando traballaba na Universade de Bradford.
O recurso é utilísimo para a promoción da nosa literatura en inglés (inclúe textos traducidos e referencias de Mendinho, Rosalía, Cunqueiro ou Manuel Rivas) ou a relación de textos da literatura galega traducidos ao inglés (até 2001). O traballo de Dunne (que actualmente está traducindo ao inglés Os libros arden mal e ten lista para a edición unha magna Antoloxía histórica da literatura galega bilingüe inglés-galego) demostra que é absolutamente viable, se houbese vontade institucional abonda, acometer un proxecto deste tipo dirixido ao marco profesional e comercial da edición internacional (editores, axentes literarios, "scouts" e profesores de estudos galegos), na que se incluísen traducións de mostra, sinopses, entrevistas con autores, información sobre axudas públicas. Non deixaremos de insistir nesta idea que cremos viable e imprescindible.

Como mostra do traballo desta iniciativa xenerosa reproducimos a tradución da cantiga de Mendinho (xa traducido a vinte e oito linguas), realizada polo propio Jonathan Dunne sobre a edición de Tavani:
At Saint Simon’s chapel I took my seat
and was caught by the waves, how tall they seem.
I was waiting for my friend! Will he come?

At the chapel before the altar-stone
I was caught by the waves, they seem to grow.
I was waiting for my friend! Will he come?

And was caught by the waves, how tall they seem,
I have no boatman to row for me.
I was waiting for my friend! Will he come?

And was caught by the waves, the sea below,
I have no boatman, nor know how to row.
I was waiting for my friend! Will he come?

I have no boatman to row for me,
fair maid I shall die on the open sea.
I was waiting for my friend! Will he come?

I have no boatman, nor know how to row,
fair maid I shall die on the sea below.
I was waiting for my friend! Will he come?
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

17.12.07

"Blogonovela" galega

Un artigo de Hernán Casciari e unha anotación de Juan Varela poñen sobre a mesa hoxe, outra volta, a cuestión da blogonovela ou "ficción on line". A verdade é que o modelo de blogonovela que defende Casciari (empregando a metáfora da presenza dos seareiros no estadio, que compartimos plenamente) xa fora ensaiado en galego con anterioridade (en 1999) por Camilo Franco, razón pola que debemos considerala un invento galego e non arxentino. A cadaquén o seu, meus. Agora que contamos con varios diarios dixitais en galego podería volver ensaiarse esta modalidade de creación narrativa (aproveitando as posibilidades da textualidade electrónica: textos, imaxes, sons e enlaces) con moito maior difusión e participación de lectores e lectoras. Quen se atreve a escribir outra blogonovela galega? ou quizais xa se está escribindo e non o coñezamos. neste caso, pido axuda para localizala.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

27.4.07

Lemos Galego

Unha iniciativa twitter que pode dar moito de si. Beizóns!

Marcadores: , , ,

21.3.07

Longa noite de pedra

Este cartel sobre un texto de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro formará parte da campaña "Libros a la calle 2007" que durante o mes de abril se desenvolverá no metro e nos autobuses públicos de Madrid, Zaragoza (xestionados pola mesma empresa de Vitrasa) e Segovia. A lingua galega viaxará nestes medios para animar á lectura de poesía dos cidadáns. Hoxe día da poesía (parabéns, Fran) sería ben que as empresas de transportes municipais galegas emulasen a idea.

Marcadores: , ,

7.3.07

Carlos Casares

DEMORARSE NA AVENTURA DA VIDA
A última vez que xantamos xuntos, Carlos Casares convidoume a coñecer a súa maqueta ferroviaria da que tantas veces nos falara nas reunións de editores. Tratábase dun tinglado formidable de tres pisos, construído durante anos coa axuda dos seus fillos, pola que circulaban durante horas miniaturas marabillosas, sometidas ás velocidades, ás paradas ou aos asubíos cadenciosos que Carlos programaba cun temporizador. Amosoume, logo, a colección de leicas, as máquinas fotográficas das que era un consumado especialista. Despois, tíñame reservada outras sorpresas: ensinarme o teclado despregable que acabara de mercar para conectar á súa palm, o microordenador de peto que sempre o acompañaba; o funcionamento do programiña que lle preparara o seu fillo para contar as palabras do procesador de textos, unha ferramenta imprescindible para escribir os seus medidísimos artigos da Marxe; ou esculcar nos libros dixitais que tiña cargado naquela máquina diminuta. Gozando daquelas chilindradas tecnolóxicas, deixándonos asolagar en Vilariño pola marea dixital, estabamos celebrando aquela tarde ter pechado un proxecto común que levabamos anos acariñando.
Aquelas últimas horas compartidas son hoxe unha fermosa metáfora visual do xeito de entender a aventura da vida que mantiña Casares. Sei que todos os que o coñecimos conservaremos como alfaia preciosa o seu sorriso tranquilo, a quentura da súa conversa cotiá, dúas mostras dun seu intelixente escepticismo, concibido coma unha forma de coñecemento aprendido en longas horas de conversa co seu admirado Vicente Risco. Por dificultades que houbera, Carlos mantiña unha mirada permanentemente curiosa para gozar co espectáculo do mundo, para demorarse na escritura da vida, para deterse nas miudallas que, por aparentemente insignificantes que sexan, nos permiten atopar un sentido no coñecemento da alma humana. Ensinounos a vivir a vida e a mirar o mundo, que non é pouca bagaxe.
Esa permanente curiosidade vital impregnou tamén toda a súa formidable obra narrativa. Dende aqueles “Vou quedar cego” ou “Cando cheguen as chuvias”, algúns dos relatos do seu primeiro libro Vento ferido, os seus milleiros de lectores quedamos marcados polo seu esforzo técnico, pola súa depuración constante para acadar unha prosa desmiuzada, transparente, afastada de calquera tipo de ornamentalismo grandilocuente. A desaparición de Carlos déixanos mancados. “Só de pensalo éncheseme o sangue de formigas e unha pena grande e negrísima méteseme dentro do corazón”, escribiu premonitoriamente el mesmo.

Publiquei este texto, agora lixeirísima actualizado, no Faro de Vigo o 10 de marzo de 2002, o día no que a terra lle foi leve ao noso admirado Carlos. Unímonos, así, á difusión da homenaxe do blogomillo que tan felizmente propón Marcos.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

20.2.07

Montolieu, vila do libro

Xa oíra falar algunha vez de Montolieu, a pequena vila francesa do libro e das artes gráficas, situado pretiño de Carcassone. Conta apenas 800 habitantes e porén posúe catorce librarías e un fondo dispoñible de 250.000 exemplares, ademais dun museo sobre as artes gráficas, dun muíño de papel e de diversos artesáns dedicados á impresión. Grazas ao bibliómano sei de que a revista Bibliophile dedica unha reportaxe a este auténtico almeiro do libro francés. Esta é a receita que dan en Montolieu para crear unha vila do libro. Quen podería en Galicia ter a coraxe e a audacia de acometer semellante proxecto, que a este pobiño francés lle está a proporcionar un espazo no turismo experimental? Unha experiencia interesante para mellor coñecer.
Etiquetas: Montolieu

Marcadores: , , , ,

28.1.07

Xavier Queipo

La Voz de Galicia anuncia hoxe que Xavier Queipo formará parte dun grupo de nove poetas de todo o mundo co que Bruxelas, a cidade sede das institucións europeas, "quere lucir, fomentar e fachendear da súa multiculturalidade e da súa condición de urbe internacional, multirracial e multilingüística. Os versos de Queipo, inéditos e escritos expresamente para a ocasión xunto aos doutros oito poetas de orixe española, marroquina, camerunesa, belga e rumana, serán expostos en grandes paneis por toda a cidade, que unirá así, baixo o común denominador da poesía, o espírito de seis linguas, coas que pretende dar fe da pluralidade idiomática que a conforma". Unha iniciativa a emular. Queipo viaxará a Galicia os días 8 e 9 de febreiro para participar en Santiago e Vigo nos actos de presentación de Dragona, a súa máis recente novela. Informaremos da obra e destes actos, onde haberá moita música, nos vindeiros días. Parabéns para Xavier!

Marcadores: , , , ,

26.1.07

Carta a El País

O lanzamento o pasado domingo duns supostos libros de literatura infantil (adaptacións de obras adultas a grande formato, ilustradas de forma antidiluviana) constituíu un esvarón de considerables proporcións de El Pais, impropio dun medio que pretende facer xornalismo de calidade. Unha serie de profesionais do libro e da edición asinamos unha carta na que afirmamos que un "xornal como El País non debe difundir seudoliteratura baixo o obxectivo de achegar a gran literatura adulta aos nenos". Este lanzamento abre un debate que remite a cuestións tan relevantes como qué entendemos por literatura, por literatura infantil, por libro, por lectura ou por formación dun criterio lector nas novas xeracións. Convido a participar na denuncia.

Marcadores: , , , ,

28.10.06

Itinerarios literarios

Hoxe comprobei as posibilidades que teñen os itinerarios literarios como propostas de recuperación da memoria e novas formas de descubrir a cidade. A inauguración do itinerario lorquiano de Lugo, con motivo dos actos de homenaxe a García Lorca, constituíu unha oportunidade magnífica para achegarse durante máis de tres horas á figura do "poeta mártir", ao tempo que para que gozar dun paseo devagariño polo Lugo de entre murallas.
A praza de Campo Castelo, ao pé do monumento de Ánxel Fole (onde Federico autografou o primeiro dos seus poemas galegos), o auditorio da Deputación (onde pronunciou a súa conferencia sobre María Blanchard), a rúa Quiroga Ballesteros (onde Lorca leu textos do seu libro inédito Poeta en Nova York) ou o coro da Catedral (espazo no que recitou a súa "Oda al Santísimo Sacramento del Altar") foron algúns dos espazos onde unha numerosa comitiva literaria de máis dun centenar de persoas demorou coas súas palabras de lembranza ao poeta asasinado en Víznar.
Sinalar as nosas cidades con versos, cartografar a memoria dos seus escritores no rueiro (como sucede co modélico roteiro ourensán d' A esmorga) son tanto propostas para facer reexistir as palabras entre a xente como medios para provocar unha nova ollada na cidadanía sobre a convivencia dentro das cidades. Beizóns para os organizadores deste novo itinerario lorquiano de Lugo. Unha iniciativa para emular noutras cidades nosas.
Etiquetas: ,

Marcadores:

22.10.06

Tour irmandiño

Xabier Feixoo achéganos noticias do seu traballo: novas fotografías do concello de Sandiás e o inicio dun Tour Irmandiño, proxecto no que colaborou coa xente de Culturagalega.org. Este percorrido polos espazos da revolta irmandiña pareceume moi interesante e amosa outras posibilidades da rede para ir construíndo coñecemento de forma colaborativa.
Etiquetas: ,

Marcadores: