22.5.08

"Itinerario de luz", reeditada a obra de Enrique X. Macías

Hoxe levei unha boa ledicia cando recibín un paquetiño da Consellaría de Cultura e Deporte que gardaba unha grande sorpresa para min: un dobre cedé que contiña a reedición das gravacións das obras de Enrique X. Macías, editadas por Miso Music. O dobre cedé, editada á iniciativa da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, recolle unha parte significativa do catálogo de obras de Enrique dende 1986 a 1995: "Itinerario de luz" (1995), interpretada por London Sinfonietta e gravada no CGAC; "Antistrofas" (1993/95), peza para cello e electrónica; "Adhuc" (1992/93), para seis instrumentos, gravada en París; "La Lyre du Désert" (1988), peza electroacústica realizada en París; "Iubilaeum" (1993), peza para tres instrumentos gravada en Santiago; "La Chambre dans l'Espace" (1992/93), peza para trío gravada no Pazo de Castrelos de Vigo e "Sonata" (1986/89), peza para piano, interpretada por Roberto Bollea e gravada na Gulbenkian de Lisboa. A recuperación destas gravacións constitúe, xunto aos tres concertos destes días, un paso importantísimo para a posta en valor do legado musical de Macías. Beizóns á Dirección Xeral de Creación Cultural por facelo posible.

Marcadores: ,