25.5.08

A lectura en pantallas



Hai días que tiña interese en recoller a reflexión de Juan Varela sobre a lectura en Internet. "En Internet non se le, escanéase", ou noutras palabras, a lectura da maior parte dos internautas sobre as pantallas é fragmentaria, rápida, fráxil, rota, incompleta, desordenada ou "zapeada". Os datos proporcionados polo informe de usabilidade de Jakob Nielsen amosan que os internautas só len o 20% do texto das páxinas, aínda que, tamén, despois das duascentas palabras, a lectura descende menos. Ao que habería que engadir que en boa parte dos casos, o lector en pantalla atende sobre todo aos hiperenlaces que contén o texto. Estamos diante dunha nova lectura que moi pouco ten que ver coa tradicional sobre soportes impresos á que se atende nos sistemas educativos. Que consecuencias pode ter esta nova realidade?
Esta constatación, ademais das súas consecuencias sobre a necesaria alfabetización informacional, non debe levar só aos habituais "consellos de blogueiros" sobre a necesidade de publicar na rede textos breves (ese famoso pantallazo de 200 palabras), xa que o internauta non lería máis, senón á reflexión fulcral que sobre a mesma cuestión propón Txetxu: "non tería máis sentido pensar e investir en novos contidos máis adaptados ao medio y ver logo qué alianzas de significado poden chegar a existir con outras canles e soportes? Se toda a lectura sobre pantallas vai ser zapeada e fráxil, pode adaptarse esta textualidade a calquera tipo de contido ou aqueles que precisan de maior vagar e reflexión? Aí poden estar algunhas das maiores limitacións da literacidade electrónica.
A lectura e a edición (tanto a analóxica como a dixital) requiren acougo, tempo e tranquilidade; requisitos imprescindibles para unha abordaxe tanto crítica como gozosa, como cognitiva (habería que engadir, como ben sinala a anotación de Joaquin Rodríguez) da textualidade. Nun momento de cambio de paradigma e de evolución do sector do libro (na coexistencia ou integración de textualidades e soportes), a clave, como temos sinalado tantas veces, está nas políticas de lectura e na necesidade de formación do criterio lector en ambas as dúas textualidades, a impresa e a electrónica (que requiren estratexias diferentes).
Nesta intervención de Txetxu (oito minutos) nas xornadas sobre "Ler en pantallas" poden estar outras claves prospectivas sobre o futuro dunha edición racional e sostible (sobre todo o novo proceso multimodal de creación e lectura sobre os contidos).

Marcadores: , , ,

1 Comments:

Blogger cneirac said...

Un outro texto vello, que veño de descubrir hoxe mesmo pero con plena vixencia, sobre a cuestión dos libros electrónicos. Non ten desperdicio.

11:33 PM  

Postar um comentário

<< Home