«O Globo de Shakespeare», o elenco de Jaureguízar
Ricardo é o personaxe central da miña nova novela, O globo de Shakespeare; cando menos iso lle gusta pensar a el. É xiboso, polo que o seu pai decidiu chamalo Ricardo. Ten uns cincuenta anos e vive dende sempre no pazo familiar onde o atende Celia Mandiás, á que el chama Señora Quickly. Devoto de Shakespeare (e tamén de Leandro, o seu pai) sente paixón polo teatro, aínda que careza de talento para crealo. Personifica o fracaso, que lle provoca unha desesperación que el repercute no seu amigo o escritor de éxito Sebe. Está convencido de que manipula ás persoas que ten ao redor. A súa habelencia coas mans permítiulle facerse un teatro na casa e ducias de monicreques. Anda sempre cun boneco na man porque así pode manterse nun segundo plano e non ter que enfrontar a realidade. Está divorciado da súa muller, Rosalía, coa que ten tres fillos: Hamnet, Xiá e Susana. Xanta con eles todos os días no piso no que viven. O seu carácter é caótico, desordeado, irascible, botaporela, caprichoso, sentimental, cruel, xeneroso, arroutado.
Rosalía é un dos secundarios da miña nova novela O Globo de Shakespeare. Estivo casada con Ricardo pero non deu aturado vivir no seu pazo nin a súa familia. Divorciáronse, mais ela segue sendo a Terra sobre a que xira o satélite de Ricardo. De nova, ficara fascinada polo seu talento para o espectáculo; ela, que non deixaba de ver a Lúa coma unha farola auxiliar nas noites. O monifateiro xanta na súa casa todos os días, xunto cos tres fillos que teñen en común. Ela segue aturándoo porque continúa namorada del. Rosalía é repoluda, optimista, pragmática, xenerosa, celosa e demasiado parva para decatarse do miserable que é o seu ex home con ela.
En realidade, chámase Celia Mandiás e é ama de chaves. Rexe a vida do pazo no que está ambientado ‘O globo de Shakespeare’. Entrou na casa sendo unha rapariga e no que leva máis de medio século. A xenerosidade vai canda ela, pero é quen de ser cruel se detecta unha ameaza ao seu poder. O seu carácter é disciplinado, ascético, dominado polo deber e a moral. Fisicamente é enxoita e fibrosa, camiña erguida e ás présas, polo que Ricardo alcumouna Señora Quickly. Sente paixón polos paxaros, ata o punto de que dá as horas con razas deles. Recende a aceite de oliva virxe. Tivo un novio mariñeiro cando moza, pero el desapareceu.Sebe (Eusebio Pontella) é un dos personaxes privilexiados d’O Globo de Shakespeare. O debuxo que lle fixen foi arquetípico, índa que eses trazos unidireccionais teñen unha razón de ser. Sebe é un home encantador, guapo, elegante, sociable, amable, simpático e disciplinado na promoción desas novelas que tanto éxito teñen. Está casado con Adriana, unha muller á que avantaxa fisica e socialmente. A súa vida cambia cando empeza a soñar con limóns, que empezan sendo verdes e rematan sendo maduros. Os limóns tiran por el cara unha paixón que fará que perda a súa capacidade de decisión sentimental.
Adriana é a muller de Sebe na miña novela ‘O Globo de Shakespeare. O seu aspecto, repoludo e feo, compite en desagradable co seu carácter túzaro por ver quen é máis desagradable. Con todo, é unha muller cunha gran fortaleza, que enfrenta continuamente os desastres da vida. Encarada ao éxito do seu home, preferiu ficar na discrección porque todo o seu soño na vida é ser querida por Sebe, de quen envexa o seu físico e o seu don de xentes.
Marcadores: Narrativa, Presentacións, Xerais
1 Comments:
Sorte coa novela!
Postar um comentário
<< Home