15.7.05

Novo valor

Afortunadamente algún dos premios literarios deste ano están achegando voces novas e case inéditas ao panorama literario galego. Aire novo, si señor! Despois da de Carredano, aparece a de Carlos Freire Cordeiro, o gañador do Vº Certame de relatos por entregas de La Voz de Galicia. O certo é que eu xa coñecía a este escritor de Moaña polo seu labor como crítico do Faro da Cultura. Despois do momento moi emocionante da entrega do cheque (as súas palabras non expresaban impostura ningunha), tiven a oportunidade de falar con el durante uns minutos. Contoume que era a primeira vez que se presentara a un concurso de narrativa, que non tiña nada publicado de ficción e que axiña amigara na mesa co resto dos finalistas. Estaba feliz. Ten trinta e cinco anos, estudou filosofía, fixo o máster de xornalismo, mais a súa teima é ser escritor. Iremos lendo con moita atención a súa novela.

16-07-2005: Na primeira entrevista, Carlos expresa a súa admiración por Hammett (Acio sanguento é unha homenaxe a Colleita vermella) e polo Tren nocturno de Amis.

17-07-2005: Onte Carlos Freire fai un interesante comentario a este post. Salienta tamén a súa participación no traballo colectivo de crítica no Cartafol. Como así é, creo que merece ser subliñado.

Marcadores: ,

3 Comments:

Blogger Martin Pawley said...

Pois se gosta de Hammett -un dos meus escritores de cabeceira- e do "Tren nocturno" de Martin Amis, o señor Freire xa merece todas as miñas simpatías. Haberá que lelo. Ademais, peor que a de Perozo non vai ser, e a diferencia dalgún dos premiados anteriores estou seguro de que esta si foi escrita en galego... ;-)

8:54 PM  
Anonymous Anônimo said...

Ola Manuel:

Xa che dixen o outro día que era lector destas Brétemas. O xoves, falando contigo despois da cea xa vin que eras unha persoa moi próxima. Déixasme sorprendido con esa exhumación que fixeches dos poemas do certame María Soliño de fai 18 anos, cando eu nin sequera tiña 18 anos. Nin imaxinaba que poderían estar colgados en Internet. É abraiante.

Quixera engadir a todo o que dixeches que quen me rescatou para a crítica literaria, e tamén probablemente para a literatura, foi Moisés R. Barcia. Colaborei con el na defunta revista Guía dos Libros Novos, cando Moisés era o coordinador, e agora tamén aporto o meu gran de area ao seu Cartafol de Libros, en Vieiros, un proxecto substancial no que el está moi implicado.

11:51 PM  
Blogger folerpa said...

Reinvindícome eu agora coma novo valor tamén.
¿Que facía no concurso da Voz o senlleiro Caneiro?
¿ ten problemas para publicar? ¿ ou foi sinxelamente un exercicio literario para cinguir súa fervenza verbal a un formato breve e limitado?

12:38 PM  

Postar um comentário

<< Home