Broken Flowers (Flores rotas)
Onte, despois dunha longa paseata pola Castellana e de xantar nun restaurante hindú (El séptimo cielo), fomos ver Broken Flowers (Flores rotas) en versión orixinal, obrigado pawley pola magnífica recomendación. Gustounos. Este é un exercicio soberbio de narración sutil e minimalista que amodiño vai prendendo no espectador con enorme profundidade ata deixalo rendido. Tras a a aparencia de comedia, Jim Jarmusch ofrece un drama sobre a fasquía actual da soidade e sobre a interrelacións das persoas entre elas e co mundo. O director independente norteamericano non ofrece certezas nin consellos morais. "O pasado foise, o futuro non está aquí e non o podo controlar, así que supoño que o hoxe é o único que existe", afirma Don (o protagonista interpretado de forma maxistral por Bill Murray, que enche coa súa presenza imponente e a súa mirada de irónica tristeza toda a pantalla), ao remate dunha obra que queda aberta para a reflexión do espectador. Ese chisco de amargura agradécese no cinema de hoxe, xeralmente tan complaciente como insubstancioso. Recoméndoa.
Marcadores: Cine
2 Comments:
Fixo ben, moi ben, en vela en V.O.
Este venres chega "Match Point", un Woody Allen xenial que volve collernos por sorpresa.
Xa me presta, xa me presta... Teño boas referencias. Si. Abrazos
Postar um comentário
<< Home