12.11.05

Un neno de catro anos expulsado da escola infantil?

Cóntao folerpa nun texto extraordinario de lectura imprescindible. Son profesor de Educación Infantil (a verdade é que hai quince anos que estou excedente, e, dende entón, moito mudou) e, porén, non me entra na cabeza. Ese picariño ten un problema grave, que require outro tipo de axuda. Que vai ser de el no futuro? Síntome tan triste e avergonzado coma expresa Folerpa e todos os amigos que comentan o post.
Triste é, tamén, que a Igrexa combata unha lei que non lle vai coutar, desgrazadamente, ningún dos seus moitos privilexios educativos no país europeo que maior apoio económico lle proporciona. Cara onde queren levarnos Acebes, Rouco e toda a súa caverna con manipulación tan descarada?
Hoxe os problemas reais da educación non están na asignatura de relixión (que abandonan cada vez maior número de alumnado nos centros públicos) nin nese falso debate sobre a elección de centro da que falan sen argumentos os conservadores contrarios á lei. Hoxe os problemas están no que Folerpa conta coa tenrura da verdade no primeiro parágrafo do seu post: no fracaso dunha escola impotente (xa se ve que en todas as súas etapas) para facer fronte ao reto de ofrecer un servizo educativo de calidade para todos. Eis a reforma educativa que precisariamos, a que fixera posible unha atención na diversidade e na excelencia da aprendizaxe das competencias básicas. Triste, moi triste o tempo no que vivimos onde se afasta o soño dunha escola enchidas de pombas e mazás para todos.

Actualización (15-11-2005): Folerpa informa hoxe que a posibilidade de expulsar ao picariño foi reconsiderda. Boas noticias.

Marcadores:

6 Comments:

Anonymous Anônimo said...

A dereita non lle ten precisamente a culpa do buraco no que está o ensino público. Pense ben en quen é o culpable do desmantelamento dese ensino público. É preciso ensinar, pero non ser pueriles.

2:05 PM  
Anonymous Anônimo said...

Sen os pilares da responsabilidade, o esforzo, o sacrificio e un chisco de disciplina (non pode ser que os profesores, no canto de enseñar, teñan que adicarse á autodefensa), non hai tal "ensino de calidade". Nisto tamén sobra a palabrería baleira. ¿Onde vai un alumno con tres suspensas por curso? Hai que caer da árbore e ver a realidade. Estamos á cola de Europa no ensino, por algo sérá.

5:16 PM  
Blogger Brétemas said...

A disciplina entendida como respecto ás normas establecidas polas canles democráticas por parte de todos os membros da comunidade educativa é imprescindible. A corresponsabilidade do profesorado tamén o é, así como o seu amparo e apoio por parte das Administracións Educativas. Aí existiron, sobre todo durante os dous gobernos de Aznar, carencias clamorosas que deixaron á escola pública ao pairo (como unha rede subsidiaria para atender ás necesidade do rural e ao "alumnado máis problemático"), ao profesorado sumido no desánimo e aos país dispostos a levar aos fillos ao concertado que lle queda ao pé da casa.
Sobre a cuestión das repeticións abonda coa demagoxia. É unha decisión que lle corresponde tomar ao equipo docente de cada nivel (un órgano técnico) que debe valorar en cada caso o mellor xeito de proceder nos límites que lle establece a lexislación. A min non me vale o de tres ou de dous asignaturas. Dependerá de cales sexan; cales sexan os reforzos dos que dispoña o centro e moitas outras razóns técnicas.Valora a sociedade as decisións que se toman cada día nos hospitais por parte dos equipos médicos nos límites dos seus protocolos? Cal é a razón de valorar tan escasamente o labor do profesorado? Nunca entenderei as razóns desta falta de respecto polas decisións dos docentes.

8:27 PM  
Anonymous Anônimo said...

Demagoxia é o maniqueismo simplista de facer culpabel á dereita de todos os males da educación pública, cando todos sabemos que a decadencia do sistema ven principalmente da LOGSE, que aprobou o PSOE alá polo 1990. Eu coñezo moitos profesores que, ainda que viron no seu momento a LOGSE como unha boa iniciativa, hoxe recoñecen o seu fracaso sin paliativos.

4:38 PM  
Blogger Brétemas said...

A LOXSE tivo moitos erros, innegable; mais tamén o é que permitiu ampliar a escolaridade obrigatoria ata os dezaseis, unha conquista social importante. Non hai que temer a que os sistemas educativos sexan reformados xa que se deben ás finalidades que marca para eles a sociedade. Mágoa que unha parte do profesorado quedase ancorada nun modelo educativo e didáctico doutrora. Est é a razón pola que creo que non haberá nova reforma educativa posible sen reilusionar ao profesorado e comprometelo no seu desenvolvemento. Da proposta da dereita sobre a educación abonda con ler a prensa de hoxe.

6:06 PM  
Anonymous Anônimo said...

Di Anónimo que "todos sabemos que a decadencia do sistema vén principalmente da LOGSE". Pois se fala de simplismo e maniqueísmo, que se aplique o conto. Eu son docente desde hai ben anos nun centro público, e pódolle asegurar que o enunciado que vai entre comiñas ten moi pouco de certo. Para empezar, creo que non hai esa decadencia; en todo caso, o que hai é unha falta de resposta a novas realidades sociais que precisarían de políticas educativas, orzmentos e equipos docentes axeitados a esas novas realidades. Que, xaora, implican a asunción de responsabilidade, esforzo e disciplina, valores que están na base de toda auténtica educación. Que o PSOE teña responsabilidade non o vou discutir, non hai máis que lembrar cando se xeneralizaron os concertos coa privada. Pero só de lembrar a desfeita ideolóxica e orzamentaria do PP ao longo destes anos (en Galicia, ben mirado, ao longo de toda a vida) apoiada por unha parte do profesorado con nostalxia dun tempo que nunca foi mellor, xa me dá un pasmo.

10:04 PM  

Postar um comentário

<< Home