
Hoxe finalizamos a edición de
Home sen nome, a nova novela de Suso de Toro. Estará nas librarías a principios do vindeiro mes de maio e presentarémola en Santiago o día 9, en Vigo o 10 e na Coruña o 11 do mesmo mes. Teño a impresión de que Suso, despois de vinte e cinco libros publicados, acumulou e densificou toda a súa experiencia como escritor para ofrecer un libro memorable. Tecnicamente está moi traballado, xogando con dúas voces en primeira persoa (unha delas desdobrada en dous rexistros diferenciados, un para un monólogo interior e outra para o texto memorialístico soñado), outra voz en segunda (a recuperación do personaxe de
Nano), voces as tres que se van intercalando con diálogos en estilo directo, entre os dous protagonistas, os enfermeiros e unha guionista, auténtica Sibila da novela. A textura da prosa acada momentos poéticos de grande beleza e o conxunto da novela achégase á forma dun drama relixioso ou autosacramental. Sobre os temas e o inicio da trama escribín esta tarde un paratexto que pode dar unha idea do camiño que se lle propón ao lector nesta poderosa novela de 400 páxinas:

Nano, encamado no cuarto dun hospital, acompaña durante dous días a un vello terminal, só, entubado e consumido fisicamente. O vello, un home sen nome, un enigma invadido polas lembranzas, entre o delirio e o soño provocados pola medicación, enunciará o monólogo da súa arrepiante biografía centenaria. Unha vida desacougante, condicionada pola perda prematura da nai; a presenza da sombra do seu irmán xemelgo; o seu paso por aquel Berlín, onde emerxía o nazismo co que axiña simpatizou e onde coñezou a figuras como Lois Tobío; o seu protagonismo nas sacas da feroz represión do 36 en Compostela ou a súa participación como voluntario na División Azul. A visita de Celia, unha xove guionista, obrigará ao vello sen nome a confesar lucidamente, sen rastro de arrepentimento nin remorso, a súa participación en múltiples fusilamentos (como o de Ánxel Casal ou Xoán Xosé González), torturas e violacións e as súas razóns para facelos…
3 Comments:
Fermosa foto.
ler tic-tac cambioume a vida. e fíxeno uns días antes da miña primeira entrevista, precisamente con suso, cando aínda estaba en primeiro de xornalismo. estaba tan nerviosa que non me saían as palabras...
Estou a ler esta novela. Desacougante, apaixoante...?. Fai reflexionar sobre a natureza humana. Inesquecível.
Postar um comentário
<< Home