15.10.06

Campo do Fragoso XXIV

CONXUNTO ESPECTACULAR
Foi un partido espectacular, vibrante, emocionante e desputadísimo ata que Iturralde asubiou o remate. Tras un inicio de tempada un chisco vacilante, volvimos gozar da esencia do fútbol combinativo dun conxunto que na primeira parte arroiou cunha auténtica corga de oportunidades preciosas como había moito, moito tempo non se viran en Balaídos. Anticipándose na liña de pase valencianista, freando todas as posibilidades de contragolpe deses diaños chamados Villa e Silva (si, o noso “Silviña”), o conxunto de Vázquez, baixo unha dirección maxistral de Oubiña (moi centrado e participativo, mágoa dese poste que lle impediu marcar o gol da súa vida), ofreceu un recital do mellor fútbol moderno baseado no xogo colectivo e harmónico de todas as liñas. Rematando cada unha das xogadas de ataque (como aconsella Johan Cruyff) para evitar perder despois o debuxo defensivo, confiando ata o límite nas posibilidades propias, baseadas na concentración defensiva e no funcionamento dun vistoso triángulo atacante, o Celta conseguiu remontar con pasmosa facilidade un resultado adverso. Mais a pesar dos tres golazos (tres cacheiróns marabillosos), a vitoria non foi nada doada, xa que o espectacular conxunto galego tivo diante a un rival de xogo notabilísimo, que amosou posuír múltiples alternativas para crear perigo e provocar o pánico durante a derradeira media hora. A impecable dirección de Fernando Vázquez (outra vez inxustamente expulsado, no que semella unha auténtica persecución arbitral contra o noso adestrador), oportunísima nos trocos e nas variantes tácticas, foi vital para conseguir esta vitoria traballadísima, chamada a iniciar a remontada na clasificación. Unha grande tarde do fútbol da serpe celeste. Marchamos moi, moi satisfeitos.

Marcadores: , , ,

2 Comments:

Blogger bouzafria said...

O Valencia semellaba o rival máis difícil para poder escomenzar a remontada. Pero este Celta ten boa pinta, e aínda poderá mellorar cando aparezan Jorge, Guayre, Pablo García ou de Ridder.

2:58 PM  
Anonymous Anônimo said...

Agás o de Baiano, os outros dous non se poden catalogar de golazos. A emoción pode ser excusa.

11:37 PM  

Postar um comentário

<< Home