13.10.06

O PP de Galicia e o libro galego

Nos últimos días o PP de Galicia publicou dous comunicados expresando a súa preocupación sobre o estado do libro galego. En principio, é moi de agradecer o interese do partido da oposición sobre o estado dun sector estratéxico da cultura do país, mais aínda cando este labor de seguimento e fiscalización do labor do goberno nunca se fixera nos últimos quince meses. Porén, debullando os datos proporcionados pola nota popular atopamos numerosos erros de cómputo do volume da nosa produción editorial que, para non faltar á verdade, deberían ser rectificados polos autores.
A nota agoira que o 2006 será o ano con menor número de títulos do libro galego do último lustro, argumentando que no primeiro semestre foron editados 922 títulos (dato errado, foron 962 as referencias en galego inscritas no ISBN), cantidade superior ás 865 do mesmo periodo do ano anterior (11,21 % de incremento). Aténdonos a eses datos oficiais, se o sector mantivese o crecemento do primeiro semestre de 2006 (o que é moi previsible), acadaría por vez primeira na súa historia os dous mil títulos. Tamén é errada a afirmación referida a que o volume de edición baixara nun 5% dende 2003, cando, en realidade, se mantivo (1828 títulos en 2003 e 1827 en 2005). Outrosí, sucede cando se afirma de forma grandilocuente que ao longo dos gobernos populares o crecemento do libro galego en número de títulos foi dun "1.900 %", dato radicalmente falso, xa que no ano 1989 (cando foi investido Fraga por vez primeira) foron editados en galego 489 títulos (non 89 como sinala a nota), o que supón un xa importantísimo crecemento dun 425% (1.827 títulos).
Xa sinalamos noutras ocasións, que o número de títulos non debe ser a única variable para valorar o estado da nosa edición que merece unha análise máis complexa, atendendo a criterios de emprego, facturación, número de exemplares producidos, tirada media en función das diversas tipoloxías de edición e canles de comercialización.
Esta nota do PP de Galicia desenfoca, pois, o diagnóstico do que está sucedendo no sector editorial galego nos últimos meses. No entanto, botamos en falta algunha referencia a reclamar un maior compromiso do actual goberno bipartito coa lectura pública e coa mellora da rede bibliotecaria (situación que, a pesar de manter uns índices moi por baixo doutras comunidades, non pasou de ser abordada polo actual goberno só con declaracións de boas intencións para resolver tan espiñento problema). Botamos en falta, tamén, que o partido da oposición non urxa con maior insistencia ao actual executivo sobre a necesidade de axilizar o proceso de tramitación parlamentaria da Lei do Libro e da Lectura (consensuada co sector durante o seu derradeiro goberno), na que as empresas do sector temos depositadas moitas esperanzas.
Con todo, agradécese que os responsables do PP de Galicia, agora na oposición, caian, por fin!, do cabalo coma Saulo sobre os problemas que ocasiona o modelo de préstamo do libro escolar (imposto e ideado por eles e seguido mimeticamente polos responsables do goberno do PSOE-BNG) ao conxunto do tecido cultural galego e ao futuro da nosa lingua (un "problema" que o bipartito semella ter resolto pola vía do silencio administrativo e da fuxida cara adiante). Benvida sexa esta análise sobre a modalidade de préstamo, que agardamos sexa tamén debatida en sede parlamentaria para poder coñecer así o posicionamento real de cada un dos tres grupos políticos sobre cuestión tan importante para o futuro do libro galego.
Nunca é tarde para rectificar: a situación do libro e da lectura pública en Galicia, dous ámbitos estratéxicos das políticas culturais e educativas, precisan de maior atención por parte tanto do goberno e da oposición. Como non vai ter futuro un país onde os seus políticos debaten sobre os problemas da lectura pública?

Actualización (14-10-2006)
: Galicia hoxe.
Etiquetas: Libro, Galicia, PP

Marcadores: ,

1 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Abofé que non , nunca é tarde, seino eu ben. Os do PP andan un pouco desnortados,non en tanto, andan moi espabilados niso de anotarse os tantos cos que non contaban, eses que chegan do xogo errado do contrario.Meu,meu… vexo.. vexo… decíalle un editor moi novo a un futuro socio no stand galego de LIBER . Vexo… vexo…agardemos que non sexa unha ilusión e vexamos de verdade que non se nos vai da man aquelo polo que tanto loitamos.

8:56 PM  

Postar um comentário

<< Home