Gústame A Coruña
Non hai volta de folla: gústame A CORUÑA.
Gústame esa cidade dona-peixe que naceu da auga e do sal do mar. Gústame “a cidade que ergue a cabeza altiva sobre os mares” de Curros Enríquez. Gústame “a baía feita de azul, luz e cristal” do poeta Manuel María. Gústame sentir como rabuña alí o mar ártabro, moito máis irado ca no sur. Gústame camiñar pola súa beiramar sentindo o efecto salgado das areíñas de pedramol. Gústame camiñar dende o Orzán ata a Mariña, co desexo de atopar algún dos homes mariños ou algunha das mulleres orzanas, que fabulou o pintor Xaime Cabanas; esa especie de sereas coruñesas, con cara de carioca, sempre pegadas ás pedras, que chaman polos mariños. Gústame esa cidade atlántica, cosmopolita e enxebre, galega de banda a banda.
Gústame percorrer os peiraos coruñeses dende o Muro ata a Dársena e comprobar que aínda existen cidades dispostas cara o mar, cidades nas que os seus habitantes poden disfrutar a plenitude euforizante provocada pola marusía. Gústame subir á Torre a enxergar o horizonte ou desviarme a buscar a raiola de punta Herminia, nos cantís onde se espetou o Mar Exeo.
Gústame coller o tranvía, que noutrora subiu as costas da Alfama lisboeta, diante do cárcere baleiro, un medio de transporte turístico que recuperou un embaixador que soubo conservar intacta a súa magnífica fonética galega, ademais de intentar mitigar os problemas sentimentais dos seus conveciños. Gústame ese seu atrevemento por abordar a síndrome Siboney, ese sentimento colectivo de perda, mesmo de culpa, por non ter evitado a desaparición do tranvía eléctrico que atravesaba os Cantóns, naquel tempo Siboney das cancións bonitas e dos cantantes preciosistas coruñeses como Pucho Boedo, o vocalista da orquestra Os Satélites.
Gústame perderme pola Cidade Alta, noutrora amurada, descubrindo novos cafetiños elegantes, ocultos nas rúas estreitas e empinadas ou nalgunha das súas prazas de calma, pequenas e estrañamente silenciosas. Gústame baixar á Pescadería, hoxe o centro da cidade, noutrora arrabalde de pescadores e comerciantes, ese istmo acariñado polas ondas, onde a cidade se estreita entre as praias de Riazor e Orzán e a Dársena onde atraca a flota de baixura.
Gústame pasmar nas terrazas de María Pita. Gústame entrar en Munin ou na Casa do Xamón. Gústame a tortilla e a carne asada do Penela. Gústame ir ao Dublín e gorentar unha tostada. Gústame ir aos Mallos para gozar da tapa de orella prensada do bar Los Claveles. Gústame xantar no Pil Pil e deixarme aconsellar pola sabedoría tranquila de Luís. Gústame subir aos Castros para probar os ribeiros da adega O Cenlle. Gústame seguir ata Monelos e pasar unhas horas nos Peteras dos Belés, o templo da canción cascarilleira, a taberna de Cesáreo que resiste, entre os grandes murallóns dunha falsa modernidade, e onde se canta e se bebe con exquisita elegancia.
Gústame esa Coruña progresista, liberal, laica, culta soñada pola actriz María Casares, por Jenaro Marinhas del Valle, por Carlos Martínez Barbeito. Gústame a Coruña das Escolas do Insiño Galego de Ánxel Casal. Gústame a Coruña do neno Pablo Picasso, dos pintores Urbano Lugrís, Luís Seoane e Reimundo Patiño. Gústame a Coruña dos poetas Miguel González Garcés, Luz Pozo Garza, Xulio López Valcárcel, Manuel Álvarez Torneiro, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar Pallarés, Lino Braxe… Gústame a Coruña das novelas de Luis Rey Núñez, Xosé Ramón Pena, Xosé Fernández Ferreiro… Gústame a Coruña dos artigos de Xosé Manuel Pereiro e dos textos de Pawley. Gústame a Coruña das repichocas de Sofía de Labañou e Xurxo Souto, gústame a Coruña recuperada nos seus Contos da Coruña, a memoria anónima dunha cidade distinta. Gústame a Coruña d’ Os libros arden mal de Manuel Rivas, iluminada por una lanterna mariña.
Gústame a Coruña das librarías Lume, Xiada, Couceiro, Sisargas, Nós ou Colón. Gústame visitar a Casa dos Peixes, o acuario coruñés, concibido como a Casa das Ciencias e a Domus, con tanto gusto arquitectónico como con interese lúdico e educativo. Gústanme as exposicións do Kiosko Alfonso. Gústame o teatro Rosalía de Castro. Gústame o museo de Belas Artes e a nova Fundación Luís Seoane.
Sobran outros argumentos: gústame A CORUÑA.
Etiquetas: A_Coruña
Marcadores: Cidades
17 Comments:
A min tamén me gusta A Coruña. A certos políticos interesanlles montar estas trangalladas mentres os xoves e as empresas emigran... Vaia paisiño, meu deus!!! Mas lle valera mirar polas empresas... non polo La ou por outras caralladas!!!
Bonito texto, Manolo. E dado que onte estiveches con M. Rivas en Ourense, presentando con éxito "Os libros arden mal", quedamos á esperda dun texto semellante titulado "Gústame Ourense...". E, co tempo, unha serie completa das sete cidades galegas.
Emociona ler un eloxio da cidade supostamente rival para os que vivimos en Vigo e non somos de ningures. Como emociona ler as mesmas loubanzas de Vigo postas en boca de xente de Montealto, de Labañou ou da mesma praza de Lugo, tan fermosa. A mín tamén me gusta Coruña (nin A nin LA: só leva o artigo o equipo de fútbol: o Coruña) e cada vez que vou máis me gusta.
Engado a esa relación un lugar mítico: o Bombilla da rúa Galera. Por estar alí merece xa a viaxe.
Fermoso texto, leva vostde uns días moi inspirado, supoño que por mor desta chuvieira outoniza.
Eu engadiría tamén os gorentosos xeados da miña infancia preto de María Pita e polos bocatas en Munin denantes de ir ao cine da miña mocidade e asemade polos andeis da libraría Lume.
Eu tamén gosto de A CORUÑA
Si, señor! Este texto é dos que merecerán ocupar un lugar de honra se algún día se fai unha escolma dos posts de Brétemas. Aínda que nestes días, á vista das declaracións que andan pola Rede, ata corre o perigo de ser xulgado como un exemplo de "fundamentalismo lingüístico". Así andan as cousas!
A min A Coruña non é que me entusiasme, pero teño que recoñecer que a fábrica de Estrella Galicia xustifica a súa existencia.
Que lindísimo comentario e que bonita guía de lugares onde ir.
Un texto realmente fermoso. Con Méndez Romeu dan ganas de saír correndo, pero despois de ler as túas palabras empeza un a sentir desexos de visitar A Coruña. Un saúdo.
Con ánimo de incordiar, debo decir que buena parte de las cosas que Brétemas elogia de la ciudad herculina es obra bien reciente, con el embajador en la santa sede de alcalde y el señor Méndez Romeu de principal adalid. Y eso a Brétemas le honra aún más.
um texto que me deu muito prazer em ler.
Corunha (Coruña), a cidade espanhola com que tenho maior ligação.
para além disso tenho ascendentes (abuelos) daí
Tocaio anonymus: paquianos son únicamente son os museos cientificos,o Kiosk e a Luis Seoane. Tampouco tanto para 23 anos de mandato. A maior parte do resto do citado foi ninguneado por Paco
Eu non son franciscano, pero só atendo ó que escribe Brétemas: o mantemento dunha cidade volcada ó mar (un paseo desde o Portiño, nos confíns con Sabón ata a dársena), a recuperación do tranvía (eu non gosto tanto del coma Brétemas) e todo o sistema dos museos, Kiosko Alfonso, Fundación Luis Seoane. Teño interés sinceiro en saber qué ou quén foi ninguneado por Vázquez (Rivas?, Xurxo Souto? algún dos poetas?
Eu podería engadir eiquí outras moitas actuacións coas que non estou dacordo, pero negar a forte influencia de Paco Vázquez no desenrolo e embelecemento de Coruña parece pouco xeneroso. Entendo que a súa teima por un artigo e a súa inquina especial polos partidos nacionalistas (agás o español) non lle reporte siquera o beneficio da dúbida, pero creo que desa loubanza coruñesa de Brétemas moitas cousas (malgrè nous) llas debemos (para ben ou para mal) a Vázquez.
Gustame todo o que di da miña Coruña.
Gracíñas por ese bo retrato, onde tan ben reflicte a súa beleza física e a do espírito.
Estupendo, estupendísimo post. Parabéns.
Fermosísimo percorrido pola Cidade de Cristal.
O texto merece todos os afagos, non só por provir da outra ponta do país (a suposta rival), senón porque foxe de preconceitos e sabe procurar esa outra Coruña que non todos saben ou queren ver. Ao lado da Coruña que nos queren vender dende hai anos hai outra que latexa constante na memoria. A Coruña que amou Pondal, a que saiu en masa a rendir homenaxe a Curros, a dos mariñeiros, a da resistencia republicana no 36, a de Pucho Boedo (fillo dun militante da CNT asasinado), a do atlantismo insumiso de Xohán Casal e Reimundo Patiño, a Coruña con alcalde nacionalista, a dos Diplomáticos e Xurxo Souto, a Coruña rabuña que hoxe en día, acalada e silente, espera para sacudir o país de novo. Seica a selección galega vai xogar por aí o seguinte partido, non é?
PD: Brétemas, se queres coñecer outra cousa boa pasa a tomar un café pola Repichoca (en Orillamar, ou Beiramar) calquera tarde, e se gostas do folc e da festa, calquera noite. Fermoso post, si señor.
Como galego do sul do Minho, visitar as terras e cidades galegas é sempre ocasião de reencontro e descoberta. A Corunha aqui retratada conheço-a e fico maravilhado com o retrato feito, pelas sugestões de visita e pela beleza do texto.
Não resisti a "roubar" um pedaço para postar no meu blog, desculpem o atrevimento!
Um abraço
Postar um comentário
<< Home