15.2.07

Con Dionisio Pereira

Hoxe o historiador Dionisio Pereira viuse obrigado a declarar no Xulgado de Paz de Cercedo por mor da denuncia presentada contra el pola familia dun ex-alcalde falanxista desa localidade pontevedresa. Paréceme este un feito gravísimo contra a liberdade de expresión e contra a memoria das vítimas que o historiador recuperaba do esquecemento. Amosamos a nosa solidariedade co afouto investigador.
Dionisio redactou unha carta sobre o particular, dirixida aos seus compañeiros historiadores, que reproducimos na súa totalidade polo seu interese. O que relata dá moito que pensar sobre a estratexia dunha dereita recalcitrante que se resiste a aceptar o marco democrático.
"A familia (residente en Pontevedra) do antigo alcalde de Cerdedo (dende 1950) e xefe local de Falange nos días que seguiron ao golpe militar, Manuel Gutiérrez Torres, familia que tamén está emparentada con outro falanxista de primeira hora, Francisco Nieto, tenme presentado unha demanda de conciliación que se verá o día 15 de febreiro ás 11h no Xulgado de Paz de
Cerdedo, por publicar no libro "A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo" editado en 2006 por "Verbo Xido" a seguinte frase: "Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)...." . Tamén o fan por unha frase semellante publicada no meu traballo incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003.
Esixen que me retracte, que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as frases devanditas e que acepte unha indemnización polos danos e perxuízos sufridos, "en la cuantía que se determinará en el momento procesal oportuno".
Como é evidente, eu nin podo nin quero retractarme, posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se pasearon a 7 veciños, houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións se taxa, etc. etc. Non podo, pois, por que non podo faltar á verdade, e porque tamén está en xogo a dignidade das vítimas. O problema é que só teño fontes orais, posto que como sabes, os paseos, as malleiras, os roubos, etc. non teñen a penas referencias documentais (só en casos moi excepcionais) e ficaron impunes. Ademáis, eu non utilizarei nunca as miñas fontes orais como testemuñas nun xuízo, porque non podo implicar nesa situación tan desagradable a persoas de máis de 80 anos, que confiaron en min e que xa saben o que foi a represión fascista porque aturaron con ela na súa mocidade. Algúns, ademáis, son familiares directos dos asasinados.
En conclusión, está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento "per secula seculorum" da impunidade dos agresores, asumida hoxendía polos seus descendentes. A maiores, aqueles que se beneficiaron do franquismo, pretenden seguir facéndoo en retrospectiva.
Entendo, pois, que isto sobarda a cuestión persoal, e debera ser tomado en conta xunto con outros "incidentes" similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que vimos traballando na recuperación da memoria da represión franquista, e, se é posíbel, darlles unha resposta colectiva.
Por algunhas informacións, me consta que a familia en cuestión tivo presións externas, non sei de quén, pero posibelmente de círculos da dereita, para presentar a demanda. Polo tanto, se temos en conta as ameazas que comezan a proliferar, podemos estar no comezo dunha estratexia para cortar as actividades de historiadores e colectivos debruzados nesta temática, aproveitando os innegables trazos conservadores (por utilizar unha expresión suave) do aparato xudicial: daqueles polvos da Transición, veñen estes lodos.
Podes facer uso desta información da maneira que creas máis convinte. Envíoche tamén un comunicado que fixo a directiva da asociación "Verbo Xido" por se queredes adheriros: trataríase de envialo rápidamente á prensa co maior apoio posíbel de colectivos e persoas. En calquera caso, nós estamos polo labor de facer algo conxuntamente.
Outra cousa: o domingo 18 a partir das 12h ate as 17 h. a Asociación de Mulleres "Espadela" celebra no Pavillón de Deportes Municipal a VIIª Festa da Vincha. Pois ben, convidaron a "Verbo Xido" a que puxeramos un posto de libros de autores da bisbarra; daquela, aproveitando o convite, imos facer unha venda masiva do libro en cuestión. Como pode haber rexeites por parte dalgún elemento montaraz da potente dereita local, estamos facendo un chamamento aos amig@s e correlixionari@s a que nos fagan unha visita, tomen un viño, proben a vincha, e nos arroupen coa súa presenza e impidan que haxa ningunha saída de tono dos carcas. Así que xa sabedes, se vos animades a vir pola montaña.....
E máis nada. A ver en que queda todo isto. Saúde Dionísio Pereira"

Actualización (16-2-2007): Centos de persoas avalan o traballo de Dionisio.

Marcadores: ,

3 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Ando fedellando pero non acho onde asinar en defensa do historiador Dionisio Pereira, en defensa tamén da memoria das vítimas da represión franquista. Vaian estas verbas como solidariedade cun investigador independente que nos ten dado moitos e bos traballos encol da nosa historia social!
A loita continúa!

Saúde e Anarkía!!!

Un lector de BRAZO Y CEREBRO.

2:01 PM  
Blogger folerpa said...

Todos os do blogomillo deberiamos acordar publicar nun mesmo día os nomes dos represores para darlles a maior publicidade posible e solidarizarnos así con Dionisio.Forza e adiante comapeiñeiro.

10:09 AM  
Blogger Pablo Folgueira Lombardero said...

Como historiador quiero hacer llegar mi solidaridad al compañero Dionisio Pereira, como ya hice firmando a través de la red Historia a Debate.
Como investigadores tenemos no el derecho, sino la obligación de dejar constancia de la verdad histórica.
Pablo Folgueira Lombardero.
Licenciado en Historia.

7:20 PM  

Postar um comentário

<< Home