20.8.07

Himno galego: o ridículo de "El Mundo"


El Mundo, o periódico máis identificado hoxe coa dirección do Partido Popular de Mariano Rajoy, pretende atacar ao vicepresidente Quintana por medio dunha anotación sen asinatura na que se ridiculiza o himno galego e algunhas medidas de política lingüística aprobadas polo Goberno Galego.
O máis sorprendente do caso non é a intención claramente denigratoria que o periódico de Pedro J. acomete cara un dos símbolos nacionais de Galicia (e por extenso co pobo galego), senón a paupérrima argumentación e documentación (tradución ao castelán do texto de Pondal, incluída) que utiliza, absolutamente impropia dun chamado "xornal de referencia".
A lamentable anotación non merecería máis comentario se non fose outro síntoma da ferocidade que esta prensa capitalina (ou esa inefable rede de blogs proRajoy, que meten medo!) está disposta a despregar co nacionalismo galego, ás portas das vindeiras Eleccións Xerais. Ben sería que por coherencia o propio Mariano saíse ao paso da anotación e solicitase unha rectificación ao seu benquerido PJ, xa que o actual presidente do PP é corresponsable da Lei de Símbolos de Galicia, aprobada (por unanimidade) en 1984 polo Parlamento Galego do que el daquela formaba parte. De non facelo, poderiamos chegar a pensar que Rajoy defende sen rubor ese "nacionalismo excluínte" que para El Mundo expresa o himno dun tal "Arturo Pondal".
O máis pavero do asunto é que as palabras de Quintana foron ben sensatas e moi prudentes. Claro que a celebración do centenario do himno (o vindeiro 20 de decembro) merece ser salientada polo Goberno, polo Parlamento e polo conxunto da sociedade galega! Como tamén o desexo de Quintana (que todos compartimos) de que todos os escolares realmente aprendan o himno, mais aínda cando o coñecemento dos símbolos de Galicia está recollido como un dos contidos dos currículums de todas as etapas educativas non universitarias (mesmo dende a Educación Infantil). Quintana non propuxo nada que xa non estivese establecido na nosa lexislación educativa. Mágoa que os redactores anónimos de El Mundo non tivesen a paciencia e o rigor de comprobalo!
Etiquetas:

Marcadores: , ,

14 Comments:

Blogger SurOeste said...

Aínda ha Feijoo de levar unha iniciativa ao Parlamento para que retiren o himno e lle apliquen a Lei Antiterrorista a Pondal. E se vos parece imposíbel... Acordádevos.

8:47 PM  
Blogger Unknown said...

eu creo que a traducción sacárona de aquí.

andan moi nerviosos. iso parece bó sinal, non si?

pero que hipocresía a dos que tanto critican a todo o resto do mundo de tensionar e crispar a vida política!

déronlle a razón a pondal: non nos entenden, non.

9:10 AM  
Anonymous Anônimo said...

O problema esta na falta de credibilidade e artificialidade que teñen as declaracións de Quintana dende que se subeu ao coche oficial. Isto sabeno ben os ideologos españolista e fan sangue. É necesario que este tipo de iniciativas a prol da construcion nacional as lidere un Beiras, por exemplo, non un Quintana que se afoga nun vaso de auga ou derritese no programa de Ana Rosa.

10:01 AM  
Anonymous Anônimo said...

Paréceme lembrar que en LD, arremetían xa contra o himno, no tempo da inefábel proposta "Nazón de Breogán" para o Estatuto.
Ao final O Mundo vai andar na retagarda destes fenómenos. Así e todo, ladran, logo cabalgamos...

12:58 PM  
Blogger Zerovacas said...

A min o tema do himno non me importa demasiado (nunca me gustaron esa clase de símbolos). O problema é a actitude xeral que dende os círculos conservadores do "centro" (vs. periferia) teñen cara ao diferente, o que se afasta dos patróns culturais e políticos do definido como "español". Preocúpanme máis, polo tanto, eses comentarios relativos ao ensino en galego

5:17 PM  
Blogger Brétemas said...

Efectivamente, Zerovacas, a actitude é o máis aldraxante da anotación. Lendo os medios conservadores é frecuente atopar este rexistro canalla.

6:46 PM  
Anonymous Anônimo said...

O diario "El Mundo" descubriu, por fin, que en Galiza hai algo máis ca marisco e pementos de Padrón. Descubriu, dende a súa redacción en Pontevedra, que este pequeno país do noroeste peninsular ten un himno de seu. Mira ti! por que será!

Realmente vese un tipo de xornalismo rancio e barateiro que deixa moito que desexar. Comezando pola tradución do mesmo himno (que vaia por Deus!) e seguindo polo resto do artigo que habería que coller con pinzas.
Talvez o dicionario que empregaron para a devandita tradución non tiña rexistrada a palabra "AUTOCRÍTICA" e a acepción de "DOBRE MORAL". Señores do diario "El Mundo" sexamos serios e realistas,... se a culpa de non houber en Galiza estatuto é do BNG, talvez estean recibindo a información bastante sesgada. En canto á proposta de que cada rapaz e rapaza saiban a letra do himno, non vexo eu que sexa un problema,... peor sería que non o soubesen, ou que Galiza existe. Outro dato que pasan polo forro é a denominación de Galiza/Galicia, señores "mundanos" a estas alturas ambas as dúas formas son oficiais e totalmente correctas, se unha persoa non consigue identificar Galiza coa denominación aprendida de Galicia, realmente non é un problema de comprensión ou lucidez, é claro que esa persoa posúe un problema considerábel desde que comezou a ir á escola. Home! tamén podemos ter en conta que para moita xente despois da caída do imperio romano, xa apareceu España, e mesmo que non houbo nunca un reino galego, xunto co de León ou o astur (seguro que nin lles sona que existisen os suevos). Isto lémbrame a unha noticia que lin recentemente na prensa, onde un certo individuo que se bañou en Palomares dixo que os musulmáns só traeron piollos á península. Vese claramente que estas vellas reliquias ou fósiles descoñecen que moitos dos filósofos clásicos son coñecidos actualmente grazas aos musulmáns; moitos dos hábitos de limpeza e hixiene, xa as potenciaban estes; ou moitas das sobremesas ou uso de especias, consumo de froitas, hortalizas, legumes,... débeselle a que eses musulmáns nos "invadiran" (realmente se viviron 7 séculos, non se pode falar de conquista nin de reconquista,... non seriamos obxectivos).

Volvendo ao artigo en cuestión deste "mundanal ruído", pódese mencionar que cando se comete un erro dentro do equipo de goberno, varios medios de comunicación, que se autodefinen coma serios, subliñan que o erro é do BNG, e cando se acada algo importante, estas siglas non se mencionan sequera. Quen mellor ha gobernar unha casa que os que viven nesa casa,... ben se veu cando o do Prestige que "El Mundo" e outros periódicos dicían unha cousa e a realidade era outra ben diferente. Igual vén xigantes onde só hai muíños,... señores mundanos, hai máis escritores e obras importantes que o Quixote na literatura universal. Aínda que se tivesen que facer unha crítica á obra de Cervantes, para Vostedes Alonso Quijano sería un terrorista despois de lle queimar a súa biblioteca, porque defendía uns ideais. Por favor, lean! Se as palabras: duros, imbéciles, escuros,... aparecesen no himno de España (se tivese letra oficial, claro!) "El Mundo" diría que non se debe tomar todo ao pé da letra, e que os mal pensados seríamos os galegos, andaluces, euskaros, cataláns, leoneses,...

A obxectividade xa non é algo que se intente cultivar na facultade, é que xa se intenta potenciar no instituto ou na mesma escola. Se realmente lles sobraba espazo nesa columna e non sabían con que enchela,... pois ben podían poñer unha esquela, ou un anuncio dalgunha megaurbanización.

Outro tema do que coxea este artigo, así como moitos deste xornal, é o de botar man de información sesgada e non cotexar a información sobre a cal se está a traballar. Non sempre defender a diferenza, a identidade propia dun país é sintoma de ruptura. Talvez o problema está nos que defenden a capa e espada a unidade do estado. Diferenza non é sinónimo de separación, talvez o concepto de "unidade" visto por que o defende si estea obsoleto e caduco.

Sexamos serios, realistas e teñamos un pouco de respecto pola diversidade cultural da península, señores de "El Mundo" que se os está viendo el pajarito que aquella España cañí non existe, por moito que vos empecinedes.

8:13 PM  
Anonymous Anônimo said...

Creo que non deberíamos de comentar absolutamente nada de todo canto din esa panda. Creo tamén que o que buscan é precisamente que nos cabreemos, pra que lles ataquemos nós, e así, xustificar os golpes de estado e os xenocidios, que estarían dispostos a facer, sólo con que lle mentaras o Cantar do mio cid. Suso Lista

6:04 PM  
Blogger Diego said...

¿Canto tempo levamos cantando o noso hino? Eu aínda sinto escalofríos cando o escoito, incluso co do noso antigo Reino. Mais, aínda coñecendoo e fartándome de cantalo, considerándoo máis un privilexio que un dereito ou deber, nin se me pasou nun momento pola cabeza a interpretación que fan nesa reportaxe. Xa me fixéstedes cenar cabreado, gracias.

8:10 PM  
Anonymous Anônimo said...

jajajajaja. Eu non me indigno porque a verdade e que acobo de rir moito con este post. Ai cada!!!!!
E ainda enriba descubrin os blogs pro Rajoy...¡qué ledicia!

1:24 AM  
Anonymous Anônimo said...

Na España plural e democrática é absurdo ese empeño da máis rancia dereitona, que non ten máis afán co de impoñer e destruír a raíz e patrimonio cultural dun pobo, tentando ferir e ridiculizar o noso idioma. E o peor, querendo borrar a nosa identidade. Respetar a diversidade non vai con eses nostálxicos, herdeiros dun tempo de tebras. Tomemos nota e sexamos nós os que os borremos do mapa electoral nas próximas eleccións.

11:48 AM  
Blogger Manuel Ángel Candelas Colodrón said...

Zerovacas sabe moi ben o que ven sendo unha serpe de verán. Cando non hai noticias ou o eco das mesmas é ínfimo, hai que sacar á rúa a especie máis insólita para encher o valeiro. Esta do himno abofé que é boa e, como ata o centenario van case catro meses, vai ter cascabel dabondo para engaiolar os xornais. Eu agardo que para setembro a serpe volva para a cova.

12:06 PM  
Anonymous Anônimo said...

Cando escribín o comentario anterior, non lera o a consideración de Touriño sobre o asunto como serpe de verán. Foi pura coincidencia, que non me importa celebrar, porque ten toda a razón. Eu agardo que a presentación do xogo ese de rol irmandiño non vaia polo mesmo camiño.

8:36 PM  
Blogger ♥ meninheira ♥ said...

Xa hai tempo que as estratexias goebelianas saltaron á palestra, i é que unha mentira repetida mil veces pasa a ser verdade.
Noxento!

9:33 AM  

Postar um comentário

<< Home