4.8.07

"L' affiche rouge"



Onte presentamos L'affiche rouge, a primeira novela de Mario Regueira na terceira xornada da Feira do libro da Coruña. A intervención da profesora María do Cebreiro e o miniconcerto de Leo de Matamá (algó insólito na Feira) centraron un acto onde o autor ártabro foi moi arroupado polos seus compañeiros de xeración. Na miña intervención non puiden evitar recordar que a lectura desta cousa bonita produciume un estremecemento semellante ao que sufrín hai vinte e cinco anos cando o fixen con Dos anxos e dos mortos (conmemoramos o trinta aniversario da súa edición en Castrelos) de Anxo Rei Ballesteros.
A novela de Mario, como sucedeu coa de Anxo, está chamada a abrir un tempo literario novo na narrativa galega. "O que soñamos hai que conquistalo, hai que loitalo", comenta Xulio, un dos protagonistas da novela, no seu derradeiro diálogo, para deitar unha fenda de esperanza para unha novela que propón un diálogo interxeracional arredor dos mitos que constrúen a nación.
Unha novela que recomendo moi vivamente e da que agardamos impacientes a aparición das primeiras reseñas e valoracións.

O vídeo recolle a interpretación de Leo Ferré da canción homónima á novela, sobre texto de Louis Aragon.

Actualización (15-08-2007): Recomendo a visita a diversos blogs que fixeron crónicas sobre a presentación:
  • Ghanito (grande reportaxe fotográfica).
  • Zerovacas (propón un interesante debate sobre a "cuestión xeracional")
  • Mario (as reflexións do propio autor).
Etiquetas:

Marcadores: , , , , ,