
Onte atravesamos o país para acompañar a
Carlos G. Reigosa no acto de presentación na
Pastoriza do seu
libro de conversas con
Xosé Manuel del Caño. O
acto foi soberbio, cun salón de actos a rebosar (máis de 150 persoas) e con intervencións memorables, especialmente as de
Primitivo Iglesias (o noso ben querido amigo e
actual alcalde da Pastoriza) e a do profesor
Ángel Basanta, natural da parroquia de
Crecente (que percorreu e debullou a
obra toda do fillo de Lagoa e fixo unha fermosa defensa da necesidade de transmisión da memoria da cultura tradicional labrega). A intervención do autor de
Intramundi, a quen lle custou moito conter a emoción, foi memorable. Recordou o consello que lle deu o seu pai, Venancio de Carracedo: "O primeiro día que con cinco anos me levou á escola díxome: 'Ti se te perdes dis que es da casa de Carracedo, da aldea da
Abelaira, da parroquia de
Lagoa, do arciprestazgo de Bretoña, do
concello da Pastoriza, da provincia de Lugo'. Durante toda a miña a vida non fixen outra cousa que ter aquilo ben presente. Algo do que nunca puiden prescindir e que manteño coma un compromiso radical".
Antes da presentación, os tres fillos ilustres da Pastoriza (Iglesias, Basanta e Reigosa) leváronos a percorrer en automóbil os
vieiros do espazo literario de
Intramundi, a casa de Melle do
Loboso, as amplas lombas da
Corda humanizadas hoxe de pasteiros, subimos o Coto de Carracedo (onde está o cristo da amizade, ao pé do curro de
Campo do Oso, e dende onde albiscamos ao lonxe as praias de Foz), para chegar logo ás Terras de Miranda e xantar en
Bretoña un cocido e unha zorza consistentes que adozamos coas freitas da Pastoriza. Ás seis e media da tarde, rematado tan emocionante acto, saímos pitando maís ca felices camiño da Terra Cha para tentar chegar ao partido da selección.
Marcadores: Autores, Presentacións
0 Comments:
Postar um comentário
<< Home