"As pontes no ceo"
Preparei apenas tres notas de editor sobre unha obra que considero fundamental para anchear as marxes de excelencia da narrativa galega. Reproduzo parte do texto que lerei na presentación:
"Como editor destas Vidas de infancia quixera expresar tres brevísimas notas sobre a novela que nos convoca, na que a diferencia das dúas primeiras entregas da triloxía de Fonte, nas que no relato primaba a vida familiar e o entorno escolar, se alumea xa de forma absolutamente decidida a voz da colectividade eumesa por medio de máis dun centenar de personaxes.
Primeira: Ramiro Fonte amosa en toda a obra, e especialmente nesta derradeira entrega, que un dos mellores camiños do escritor (do noso poeta, narrador e ensaísta) para escrutar no máis profundo da condición humana é facelo dende o espazo da local. Aquí, tras as historias humildes de mestres como don Pablo Díaz Novo, músicos como o barbeiro bohemio Uxío Cuíñas, persoas afoutas como Xosé Piñeiro González, o noso primeiro aviador, ou sequera doutras figuras como os futbolistas eumeses Pahíño e Marcelino (o do gol contra Rusia da Eurocopa) atopamos o retrato máis universal de seres humanos enfrontados co seu destino.
O relato de Ramiro Fonte sendo esencialmente local, pegado á cotidianiedade daquel Pontedeume de hai corenta anos, hoxe desaparecido, é, porén, radicalmente universal, perdurable e transcendente porque o narrador biografa as cousas esenciais, aquelas que case sempre se acaban ocultando. Fonte amosa, ademais, que é posible escribir dende a piedade, asumindo de forma respectuosa os riscos de introducir no seu relato persoanxes reais, o que non lle impide ironizar sobre os poderosos e dignificar os humildes.Segunda: Ramiro Fonte amosa en toda a obra que a infancia é o territorio primeiro da memoria e o berce máis xenuíno da conformación da nosa presenza no mundo. Aquí a recreación da infancia eumesa de Ramiro é a creación colectiva dun mundo. Así sucede tamén neste volume no que se narran cos ollos dun neno, como testemuña que foi o autor, acontecementos tan decisivos como as súas andanzas de boy scout, a súa participación nos folións, como foi capaz de destilar os misterios do azul de metileno, as súas travesías como mariñeiriño pola ría no Nel e no Xeitosiño ou a botadura daquel enorme petroleiro na factoría onde traballaba o pai (un episodio extraordinario).
A memoria para Ramiro non é nostalxia saudosa, a memoria nesta triloxía é a construción vivificadora dun relato colectivo que dá sentido ás nosas vidas. A escritura do eu transfórmase en escritura do nós.Terceira e última: Ramiro Fonte amosa que é posible escribir unha boa prosa coa mesma precisión dun bo poema. Os aspectos formais da triloxía, mantendo a mesma estrutura nos tres volumes e mellorando, se é posible, a calidade do texto en cada entrega, anchean os límites da narrativa galega. Eis a transcendencia dunha obra literaria que sei collerá máis e máis valor a medida que pase o tempo. N’ As pontes no ceo, como nos dous volumes anteriores, as frases todas están ben construídas e medidas, son transparentes, miniadas co traballo artesanal que lle corresponde a un narrador honrado.
En definitiva, estas tres notas amosan a miña admiración por unha obra da que en Xerais nos sentimos extraordinariamente satisfeitos de ter colaborado en facer chegar aos lectores. Beizóns para Ramiro por tela culminado. Sei que son moitos os lectores e lectoras que saben agradecer a proeza que hoxe celebramos."
Etiquetas: Ramiro_Fonte
Marcadores: Autores, Narrativa, Novidades, Presentacións
2 Comments:
Señor Brétemas:
Onte convidei a un amigo para ir a este acto. Funo buscar a uns 10 quilómetros porque non ten coche. Ás 8:05 estábamos na porta do local rodeados de policía e señores moi corpulentos vestidos de paisano que nos impediron o paso por "motivos de seguridade". Sentímonos moi defraudados e tivemos que poñer en marcha o "plan b" (ir tomar un viño) o que deu pé a comentar as curiosas implicacións entre o campo literario e o campo do poder, das que nós fomos, esa noite, os perxudicados.
Mágoa.
Sur Oeste: efetivamente, sei que houbo persoas que non puideron, desgrazadamente asistir á presentación. A razón non foi outra que o local estaba completamente ateigado (calculo que había unhas 200 persoas). Os responsables de seguridade do local de Caixa Galicia consideraron que superaba o aforo permitido ao salón(situado nun 3º piso). Sinto que quedarades defraudados, mais non se puido facer outra cousa. Non era previsible para nós, como organizadores que isto sucedese. Sobre os comentarios privados que fixéstedes, nada podo dicir. Lamento de veras os prexuízos ocasionados. Saúdos afectuosos.
Postar um comentário
<< Home