18.1.08

Arquivos, bibliotecas e museos (II)

Xosé L. Méndez Ferrín volve hoxe no Faro coa prometida segunda entrega sobre "Arquivos, bibliotecas e museus". O mestre atina de cheo no diagnóstico sobre os nosos centros da memoria, ao tempo que proporciona o necesario contexto histórico do seu modelo inserido (a pesar da Autonomía) nun desfasado modelo provincial.
Reproduzo os dous últimos parágrafos, onde define o que debe ser a biblioteca actual e denuncia a precaria situación dos nosos arquivos e a inexistencia de arquiveiro municipal na cidade de Vigo:
"Na mentalidade contemporánea existe un desprezo real polos arquivos, as bibliotecas e os museus. Dise abertamente que son depósitos de cadáveres e sitios de armacenamento de obxectos poeirentos. Os máis listos revalidan en explicarnos como un museu ou unha biblioteca pode convertirse en centro de cultura "viva", deixando desarrollada a garrafa do tópico. Poucas xentes de decatan de que as bibliotecas necesitan, en primeiro lugar, bibliotecarios de carreira e formación, recrutados en oposicións libres e públicas, porque sen eles non é posibel a biblioteca. Logo, amplisimos espazos para depósito, para clasificación e para lectura. E libros, moitos libros e impresos. Só en derradeiro lugar as bibliotecas precisan das novas tecnoloxías e das actividades culturais e representacións e happenings (non digo que non estea iso mal).
En canto aos arquivos, eles son o basamento da memoria da nación, os lugares onde a documenta espera polo ollo crítico, o sitio da verdade histórica. Vexan como Galicia coida dos seus arquivos. O derradeiro arquiveiro municipal de Vigo foi José G. Posada-Curros que, de vivir hoxe, tería moito mais ca cen anos. Desde a súa xubilación, o posto de arquiveiro municipal nunca foi provisto nin convocada oposición entre titulados. O arquivo municipal de Vigo está instalado en dependencias insuficientes e en mas condicións nas sotos do Palacio Municipal e o seu responsabel soe ser un funcionario non capacitado técnica e especificamente para este labor. O caso do arquivo de Vigo ilustra o que estamos a decer. Ou sexa: todo para o fútbol e todo para a cultura endendida como fanfarria e espectáculo."
Etiquetas:

Marcadores: