"A neve do tempo"
Hoxe presentamos en Ourense A neve do tempo, un fermoso libro de arte froito da colaboración entre o escritor Alberto Pascual e o pintor José Antonio Ocaña. Para o crítico Juan Carlos García Alía, ambos os dous autores “forxaron un valioso libro de artista por cuxas páxinas despregan un fermoso espazo dual e equilibrado co que, a propósito do amor, a terra, a vida e a morte, as dúbidas, encamiñan ao lector ao goce analóxico de dúas artes orixinais que, en lugar de contrapoñeerse, se dan a man: os sentidos poemas de Pascual, e as suxestivas pinturas de Ocaña realizadas con lapis de cor, acrílico e impresións dixitais”. “A xa vedraña relación pintura-poesía, que clava as súas raíces na antigüidade, coas noticias reveladas por Simonides de Ceos (V a.C), Aristóteles (IV a.C.) ou Plutarco (II y I a.C.), patentadas na ut pictura poesis de Horacio (I a.C.); a inflexión do Laooconte de Lessing (1776), e a subseguiente ambivalencia sobre os límites interartísticos argumentadas durante séculos posteriores (Gombrich, Winesatt, Mitchell, etc.), renace nesta orixinal composición na que, como albisca Alfonso Palomares, o prologuista, lonxe do típico libro no que se ilustran uns poemas ou se rima a partir dunha iconografía, Ocaña e Pascual concatenan linguaxes autónomas nas que xurde harmonicamente un mesmo sentir nesta creación. Os propios artistas veñen conferir que este traballo, realizado de manera independente por cada un, conflúe ao xeito dunha percepción do visible e o sensible a través dunha vertente xánica –pintura e poesía–, cal virtual ambivalencia, mais cunha soa moeda: albiscar un retrinco de arte no que entre dúas verbas se desangra A neve do tempo.
Etiquetas: A_neve_do_tempo
Marcadores: Artes Visuais, Ilustración, Novidades, Poesía, Presentacións, Xerais
1 Comments:
Foi un plazer analizalo para facer a presentación. Mágoa que non falásemos antes para fiar mellor. Ou incluso facelo contra o serán. Más trece filas con xente ás 11, 30 horas da mañá, pódoche asegurar que é absolutamente inusual.Será polo tirón dos autores de da editorial.
Un agarimoso saudiño.
Xabier Limia de Gardón
Postar um comentário
<< Home