30.3.08

Nova Escola Galega e o decreto do galego

A asemblea anual de Nova Escola Galega, o noso movemento de renovación pedagóxica que este ano cumpre o seu vinte e cinco aniversario, denunciou onte que a Consellaría de Educación estea deixando en papel mollado o decreto de uso do galego como lingua vehicular no ensino non universitario. O pronunciamento seméllame oportunísimo, sobre todo, cando fai referencia a que "non se levasen a cabo actuacións dirixidas á necesaria divulgación dos obxectivos e dos contidos do decreto entre os membros da comunidade educativa e na sociedade, en xeral". Como tamén a súa proposta ao Goberno Galego de que este "debería estar xa nesta altura difundindo, a través de Educación, unha información "clara e transparente" ao respecto do decreto, explicando as "razóns pedagóxicas e sociais" que levaron a promulgalo e ofrecendo unha oferta de formación do profesorado en temas como planificación lingüística educativa ou didáctica do ensino en dúas linguas".
Temos insistido que o problema do decreto de uso do galego non está nos seus contidos (dende aquí valoramos que supoñen un avance), senón na falta dunha estratexia de comunicación que vencese ás posibles resistencias, como de formación e actualización do profesorado das novs áreas e materias que se imparten agora en galego. Nese desleixo e falta de compromiso da Consellaría de Educación naceron moitas das dificultades que neste curso estamos padecendo. Razóns polas que o pronunciamento de Nova Escola Galega semella imprescindible e ben matizado.
Etiquetas:

Marcadores: ,

1 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Aínda ben que alguén, desde a sociedade civil, o vai dicindo.

6:03 PM  

Postar um comentário

<< Home