9.2.05

Puñais de lembranza


Lorenzo Varela por Luís Seoane Posted by Hello

Lidei o día enteiro coa edición gráfica dunha biografía de Lorenzo Varela. Este é un dos traballos de edición que gosto facer. Remexer nas fotos e na documentación dispoñible, o que sempre leva atopar cousas descoñecidas. Percorrer a biografía do monterrosino é esculcar "a lembranza do exilio e da patria". Paradoxicamente, o máis desacougante da súa vida foron os tristes días do regreso (nótase nas fotos). El, aqueles dous anos, coincidentes cos da Transición, non se queixaba, pero non resistía o baleiro que o cercaba, ten comentado Isaac. Hai unha frase de Dieste na que non deixo de remoer: "A mocidade non é unha idade, un tránsito, senón o que transita. Eu ben sabía isto, pero os versos de Varela dinmo con tales fontes e escintilantes puñais de lembranza..." A novela recente de Manuel Veiga expresa algo semellante.
Non comparto o descrédito que do Día das Letras Galegas se ven facendo nos últimos anos. Ben é certo que hai moita liturxia oficial e moita cultura necrolóxica na efeméride; mais, tamén, contando con personaxes axeitados, como é o caso de Lorenzo, existen moitas oportunidades de volver a ollada cara a memoria do desterro. Algún día saberemos cómo se produciu a votación na Academia. Varela, como foi Roberto Blanco Torres, non vai ser un homenaxeado cómodo para o pensamento conservador. Os progresistas debemos comprometernos a que este 17 de maio non pase desapercibido. Varela ben merece que lle levemos a cesta de mazás que devecía.
Ramiro
Ramiro será o director do Cervantes de Lisboa. Para el supón, sen dúbida, un recoñecemento para un traballo literario rigoroso de dúas décadas. Para todos nós constitúe tender unha ponte de esperanza coa cultura portuguesa da que vivimos tan achegados mais tan virados de costas, como sempre di o meu amigo Nelson. A cultura concibida como diálogo permanente e puxilato coa creación. Parabéns e sorte para o fillo de Andrade.

Marcadores:

7 Comments:

Blogger Cesare said...

Polo que sei, foi o único candidato, o que é máis preocupante...

2:38 PM  
Blogger Brétemas said...

Este ano a candidatura de Lorenzo foi única. O pasado ano, houbo outras dúas, a gañadora é a de Plácido Castro. Con todo, non vexo moito entusiasmo por parte dos académicos. Esa aparente unanimidade non é real.
O problema de fondo é o propio sistema da eleccións dos homenaxeados. Hai razóns para excluír aos autores vivos? Só mudando este criterio, e, seguramente, facendo a data laborable, o día gañaría o interese que tivo outrora.

4:43 PM  
Blogger Cesare said...

Oh, que ben!! Por fin atopo alguén que me vai explicar razonadamente qué mérito é ese de facer o Día das Letras laborábel. ;) Só poño dous argumentos á contra:
• Que é máis importante, a Inmaculada ou as Dores?
• Para incidir nos convencidos e nos escolares hai moitas maneiras. Pero como podemos facer para que durante un día, polo menos durante un segundo, Ramona de Láncara e Pepita de la calle Real, pensen no estatus do galego e que o fagan ao mesmo tempo?

Con respecto a que estean vivos ou mortos, creo que é xenial que estean mortos. Quizais non debían agardar dez anos, e si só 5. Pero iso evita moitos cristos, moitas tensións, e moitas eleccións moooooito máis desafortunadas.

Lanzo a miña candidatura pró 2006: María Mariño. Alguén lembra cando foi Día das Letras Francisca Herrera?

9:32 PM  
Blogger Martin Pawley said...

Cesare, non tenho moi claro que por facer festivo o Día das Letras Galegas Ramona de Láncara e Pepita de la calle Real pensen moito no estatus do galego, do mesmo xeito que eu o día da Inmaculada non penso nada nin no concebido nin na concebedora. A min non me parece mal que estean mortos, xa que entre outras cousas do que se trata é xustamente de recuperar certas figuras ás veces algo esquecidas (e ademais aos vivos, e en especial a algúns, xa se lhes homenaxea dabondo). O meu candidato para o 2006: Xosé María Díaz Castro. Por razóns chairegas, e porque "Nimbos" é un dos poemarios mais fermosos da historia da literatura universal. Fica dito.

3:09 AM  
Blogger Brétemas said...

Cesare e Pawlwey propoñen dúas magníficas candidaturas. Creo que a festividade debería ir na liña de autores coma Díaz Castro e María Mariño. Eu engadiría o nome de Xosé María Álvarez Blázquez, como os anteriores inxustamente esquecido.
As posibilidades que apunto de considerar autores vivos e facer o día 17 laborable animan este debate. Eu prefiriría na elección dos festivos un criterio laico, como o sistema anglosaxón dos "bank holiday". As dores, as conchas ou os varela teñen máis dereito ca outros? Iso aquí é máis difícil que revisar a Constitución.
Celebrar a autores vivos (faise en Cataluña)intensificaría a repercusión da data. O importante é darlle unha volta o chollo que creou don Paco. O perigo, tal como imos, é que esmoreza liturxizado.

8:21 AM  
Blogger Martin Pawley said...

Solución de consenso: Díaz Castro o ano que vén e María Mariño no 2007, aproveitando o centenario do seu nacemento. Vale?

11:34 PM  
Blogger Brétemas said...

Martin pawley, obrigado por lembrar o centenario de María Mariño.

11:56 PM  

Postar um comentário

<< Home