Relendo a Dahl
Quentin Blake
Facer os textos de contracuberta dos novos Dahl obrigoume a reler Charlie e a fábrica de chocolate e Charlie e o grande ascensor de cristal. Fixérao hai vinte anos naquelas edicións de Alfaguara onde os profesores novos aprendemos a coñecer que existía unha literatura para nenos diferente a que nos léramos nos clásicos de Bruguera. Aquel descubrimento impactárame, sobre todo pola absoluta falta de paternalismo de Dahl no tratamento do mundo da infancia (algúns dos seus nenos son uns individuos de moito coidado) e polo seu desinterese en que o texto tivese pretensións didácticas ou moralizantes. Reléndoo, agora, nas edicións galegas, ilustradas tamén polo xenial Quentin Blake (un dos xenios do século XX), comprobo que estas novelas me seguen entusiasmando. A tenrura e a inocencia de Charlie Bucket conmovéronme coma o fixera o Oliver de Dickens. Dahl consegue coas armas do humor e o enxeño, afiadas para o avance eficaz da narración, destilar a realidade do capitalismo, que hai corenta anos se transformaba no consumismo. A creación de personaxes memorables como ese Willy Wonka, fabricante de marabillosas lambetadas (daralle nova cara no cine Johnny Depp, pódese ver o trailer), ou do grande xigante bonachón demostra que ten razón Gaarder (outro dos meus preferidos, un dos modelos para a literatura nosa) cando di que "a literatura infantil é a que tamén poden ler os nenos". Recomendo vivamente ler ou reler a Dahl e a Gaarder. Moitas persoas adultas levarán con eles unha grande sorpresa. Os praceres máis intensos atópanse, xeralmente, onde menos un pensa descubrilos.
Marcadores: Literatura infantil e xuvenil
4 Comments:
É o que ten a boa literatura, que gusta a grandes e a pequenos por igual e non pasa de moda. A min encántame, a pesar de estar entrada en anos, e espero non perder nunca ese pracer.
1. a Brétemas: abofé
2. a Peke: vostede está tan entrada en anos como Charlie, máis ou menos. Non sei se me explico.
O mesmo Dhal era un personaxe ben interesante. Amais dos libros polos que o coñecemos, escribiu algunha cousa autobigráfica que non ten desperdicio ningún: Boy, relatos de infancia, e mais Voando só, este último acompañado de fotos, cartas e documentos.
Ese tipo de debuxantes son tremendos por bos. Cun desleixamento intencionado das liñas conseguen a simpatía e a naturalidade dos personaxes para o lector. Podo citar outros como Sempé, o que deseña os cativos de O pequeno Nicolás, e mais Iñaki Urberuaga, o que retrata a Manolito Catrollos e a súa panda.
Boa lectura para todos!
Desculpas, é DAHL...
Saúdos e saúde.
Postar um comentário
<< Home