
Esta noite fun ao acto de presentación da nova
programación da
Radio Galega. O Marco tivo un cheo dos que non se recordan.
Xurxo Souto, máis serio do que adoita, conduciu con entusiasmo e sobriedade o acto, aínda que non se puido conter e botou unha bonita repichoca das súas. Xusto López Carril fixo un discurso emocionado e formalmente moi ben construído insistindo no valor da radio para a cidadanía. Terio Carrera entusiasmou pola súa velocidade para presentar a abundante programación deportiva. E, como remate, os directores da emisora e da compañía defenderon con convicción o proxecto dunha nova radio independente ao servizo de todos, sen vetos nin exclusións (idea reiterada por ambos os dous e pola maioría dos oradores). O humor púxoo
Carlos Blanco (o mellor do seu parrafeo foi o saúdo que lle fixo ao Pérez Varela) e a música final a xente de
Espido.
Teño moitas esperanzas neste proxecto de rexeneración dos medios públicos, que na radio está comezando a dar os primeiros froitos e que no futuro poden ser ben aquelados. Conectar coa audiencia da cidade-autoestrada (sobre todo cos sectores da mocidade) e asentar un verdadeiro pluralismo informativo son dous retos ilusionantes polos que paga a pena colaborar coa nosa radio pública en galego. Semella que existen alicerces ben chantados para facelos posibles.
Marcadores: Medios
2 Comments:
"Teño moitas esperanzas neste proxecto de rexeneración dos medios públicos"
Pois francamente, iluso de tí.
De non ser que lle chames rexeneración a convocar probas de selección coas plazas dadas. E a ser tan chapuzas como para publicaren na web da compañía o nome da agraciada (a ata agora respetada sra. Regueira)dous días antes de face-lo cásting/pantomima.
Máis do mesmo, meu. Os do PP o facían "porque eu mando" e estes revísteno de legalidade. Prefiro o primeiro, porque alomenos así non se xoga coa ilusión da xente.
Como diría un que sabía de política "son la misma mierda"
Bicos.
Moito me temo que Peloura vai ter toda a razón do mundo.
A inxenuidade ilusa é un privilexio dos instalados, non dos que aínda andan a buscar un lugar propio e ven como o único que mudan son os colares, pero os cans seguen a ser os mesmos.
Postar um comentário
<< Home