24.11.07

Unha tarde en Lugo

Onte pasamos unha tarde magnífica en Lugo con motivo da presentación do libro de Miranda. Marcos realiza unha hoxe unha completísima crónica, tanto do desenvolvemento acto (onde realizou unha intervención moi atinada) como da paseata á noitiña que fixemos pola Muralla, dirixidos polos comentarios de Pepe, Xoán Cuba, Isidro Novo e outros amigos e amigas entrañables. Na viaxe de volta, despois de que fomos parados en Guntín pola Garda Civil ("las pegatinas son para poner"), falamos devagariño de tantas cousas que nos unen dende hai tres décadas e dos proxectos que temos en marcha. Marcos Valcárcel ven desempeñando un labor hercúleo de divulgación e promoción galeguista (agora, tamén dende o seu blog extraordinario) que merece a nosa maior admiración e recoñecemento. Un tipo dunha peza, formidable! Beizóns para el.

Actualización (22:00): Pepe publica dúas anotacións sobre a presentación, a primeira é a crónica do desenvolvemento do acto e a segunda as notas que empregou Marcos (unha intervención, insisto, magnífica, na que debullou o sentido dos nove relatos). Entendo a afirmación de Miranda "algúns críticos fican desorientados cos meus libros de relatos", coma xa comprobamos sucedeu con estas Mans do medo, onde se mesturan relatos fantásticos (por favor, non confundir con fantasía), outros da literatura do horror (diferenciar do terror), outros no marabilloso e outros de carácter metafísico ou onírico (próximos a Kafka). O texto de Marcos pode axudar a identificalos e interpretalos acaidamente.
Por outra banda, cómpre salientar que a intervención de Miranda foi tamén moi bonita e clarificadora sobre as intencións da súa escrita. Transcribo algunhas das notas recollidas na miña libreta:
"Eu son un escritor que quere escribir como se escribiu ben sempre, como quen come pan. Pretendo que olector non vexa os artificios do meu traballo, que a historia teña impulso narrativo. O narrador ten que narrar, é un contador de historias".
Diante da pregunta de Maros sobre o futuro do conto tradicional, Pepe non dubidou: "O conto tradicional galego desaparecerá por que o mundo tradicional onde naceu xa desapareceu. Mais seguirá o conto, xa que a xente precisará seguirse contando historias, baixo novas fórmulas. Velaí o pulo das actuais lendas urbanas".
Por último, Miranda abordou a cuestión dos medos presentes no libro: "Algúns son medos tradicionais e outros modernos (como o medo á informática ou aos cambios biolóxicos). En xeral eu abordo dous temas: o primeiro, a alienación, a perda da identidade; o segundo, a desilusión, a perda da utopía, da infancia, a perda da marabilla. O medo, sexa literario ou cinematográfico, ten uha función terapúetica, xa que nos prepara para afrontar outros medos que podemos atopar ao longo da vida".
Actualización (25-11--2007): jaureguizar completa a crónica da tarde adiantando as vindeiras novidades que publicará Miranda en Xerais: a reedición da novela Vestio (en Fóra de Xogo) e unha guía de Galicia (máis de cinco centas páxinas) en dobre edición, galega e castelán.

Marcadores: , , , , ,

2 Comments:

Blogger Marcos Valcárcel López said...

Grazas polas túas palabras, sempre tan xenerosas comigo e co meu humilde labor. O certo é que foi unha tarde moi agradable, arredor do excepcional libro de Pepe Miranda, con el,e cos seus amigos logo por Lugo (había 30 anos que non estaba con Xosé Manuel González, p.ex.). Non menos agradables foron as nosas conversas na viaxe, que non entraron na crónica: repaso algúns nomes que evocamos arredor das nosas lembranzas -Antón Costa, Víctor Freixanes, Carlos Casares, Camilo Nogueira, etc.- e vexo que tivemos bastante sorte na nosa formación "sentimental". Grazas tamén a eles: con eles, estivemos onde estivemos e estamos hoxe onde estamos.

8:18 PM  
Blogger Brétemas said...

É certo Marcos. Acabo de facer unha anotación sobre o noso benquerido Camilo, a quen tanto debemos na nosa formación política e no compromiso inquebrantable co futuro da nación. Apretas.

8:24 PM  

Postar um comentário

<< Home