11.1.08

Temos que morrer

O brillantísimo artigo de Suso de Toro contrasta, nas mesmas páxinas do Luzes de hoxe, coa lamentable obstinación do académico Franco Grande de intentar devaluar a calidade da literatura galega actual.
Coincido de cheo con Suso de Toro que non é cabal utilizar o pasado da literatura galega para destruír a presente, como, coincido, tamén en que "é perverso argumentar que os textos literarios máis interesantes son os que veñen doutras linguas". Con todo, deste artigo fulcral, que sei comparten moitos dos autores e autoras da literatura galega (hoxe falei por teléfono con varias persoas que se amosaban moi identificadas co texto), recollo dous parágrafos claves que chegaron a emocionarme (sobre todo o primeiro):
  • "[En Galicia...] Existen eses lectores libres, esas persoas, e non consinto que ninguén as liquide. Eses lectores que entran polo seu pé nunha libraría e piden un libro en galego son o froito de xeracións de escritores e editores, son uns miles e son, somos, un froito valiosísimo dun esforzo colectivo."
  • "A nosa literatura precisa unha auditoría, quizais externa: unha cuantificación obxectiva e logo unha valoración honrada, sen complicidades ideolóxicas e compincheos disparatados, mais tamén sen ruindades. Estamos no mellor momento dende os trobadores, non sei se iso é moito, mais é así por moita hostilidade que nos teñan."
A entrevista do académico, sen dúbida, máis prudente que o seu artigo que provocou a polémica, non achega grandes novidades, coa excepción da importancia que concede a existencia dunha crítica literaria feita con seriedade e á oportuna distinción entre produtos editoriais e libros literarios, afirmacións que semellan ben atinadas e deben ser salientadas.
Só cabe felicitar aos responsables de Luzes por continuar alentando cada semana un debate literario democrático e desprexuízado, que contribúe a clarificar o futuro esperanzador da nosa literatura nacional.
Etiquetas.

Marcadores: , ,

21.12.07

Literatura con denominación de orixe

Hoxe publico en Luzes unha tribuna na que abordo a polémica da exportación de textos literarios galegos. No mesmo espazo recomendo o clarificador artigo de Manuel Rivas (saíndo ao paso do panfleto do académico Franco Grande) e a entrevista con Anxos Sumai.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

30.11.07

A tribuna de Borrazás

Tras a arroutada da pasada semana, é moi recomendable a lectura da sereno resposta de Xurxo Borrazás. Así comeza: "Certo. Os escritores e escritoras nunca temos a razón. Falo por min, que ninguén se ofenda. Somos egoistas, resentidos, perrenchudos, vaidosos e desagradecidos coa man que nos dá de comer. É por iso, intúo, que os lectores veñen a nós."
Etiquetas:

Marcadores: , ,

23.11.07

A segunda vida do relato galego

Recomendo a columna de Óscar Iglesias. É moi clarificadora das tendencias actuais na narrativa galega.

(Actualización: 16:00): Ten razón Folerpa, este artigo de Dolores Vilavedra abre outro debate importante sobre a posición do escritor galego alén do Padornelo. Mágoa que a crítica compostelana non se atreva a personalizar, xa que tal como se expresa parece pretender meter no mesmo saco a todos os narradores e narradoras que viron traducidas as súas novelas ao castelán ou foron entrevistados nalgunha oportunidade na cadea SER (algo excepcional). Abrir unha tea de "sospeita" sobre todos non me parece o mellor xeito de contribuír a un debate cultural construtivo sobre a exportación de textos literarios galegos.
Teño insistido en moitas ocasións na miña convicción de que a proxección da literatura galega alén do noso sistema editorial e literario precisa dunha estratexia de país, compartida por autores, editores, críticos e membros da Administración; estratexia da que carecemos e da que non se albiscan indicios tampouco.
Máis significativo aínda que o texto (un chisco vehemente e malhumorado) de Vilavedra é que a vindeira semana se despracen corenta e cinco persoas á Feira do Libro de Guadalaxara (cos responsables da Consellaría de Cultura á cabeza) e non teñamos noticia ningunha, por exemplo, sobre a creación dunha "Oficina da Literatura Galega", que alicerce esta estratexia exportadora imprescindible, ou da creación do Instituto Galego Rosalía de Castro (contemplado na Lei do Libro e a lectura, aprobada por unanimidade polo Parlamento galego). Ben sería, abandonar tácticas curtopracistas e apostar todos e todas polo pase longo. No Encontro de Mariñán, que se celebrará á vindeira fin de semana, presentarei a miña proposta sobre tan decisiva e polémica cuestión.
Etiquetas:

Marcadores: , ,