13.2.09

«Protexta 09»

Mañá distribúese cos periódicos do grupo La Capital o novo número de Protexta, o magnífico trimestral literario de Tempos novos. Por agora, xa se pode descargar un adianto, a entrevista de Bieito Iglesias a Gao Xingjian. Coordinado, agora, por Ana Salgado, o número promete: entrevista nas páxinas centrais a Manuel Rivas, e críticas dos seus dous recentes libros de xornalismo literario; ademais dun boa restra de críticas de novidades (que alentan a nosa curiosidade). Parabéns o novo equipo de Protexta, un soporte fundamental na nosa crítica literaria independente.

Marcadores: ,

10.11.08

«O libro das viaxes imaxinarias»

A verdade é que poucas veces tivera a fortuna de quedar tan satisfeito da edición dun libro coma deste. En realidade o noso maior temor era malograr un texto literario e un traballo de ilustración valiosísimos, concibido coma unha síntese de lectura e relectura. Afortunadamente, xa imos coñecendo as primeiras lecturas, como esta marabilla de Pawley. O libro presentarémolo o vindeiro xoves, as 20:00 horas na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña.

Marcadores: , , , ,

25.8.08

Protexta de verán

Paso estes primeiros días de regreso á actividade cotiá debullando o magnífico e completísimo número do Protexta de verán. As longas entrevistas con Chus Pato e Bieito Iglesias teñen moita miga. Non podo agachar a miña satisfacción pola excelente acollida das nosas últimas novidades narrativas (Festina lente, O profesor de vegliota e Atracción total). Un número espléndido que consolida o suplemento literario de Tempos como o noso primeiro referente de prensa literaria independente e rigorosa.

Marcadores: ,

15.7.08

"A Nosa Terra Diario"

A Nosa Terra Diario acaba de abrir un novo espazo de crítica de produtos culturais (libros, discos, películas de cine e dvds). Un espazo de crítica que, indubidablemente, mellora os contidos deste diario dixital. Beizóns aos responsables d' ANT.

Marcadores: ,

11.6.08

Protexta primavera

Xa está dispoñible en pdf o Protexta 6. Imprescindible!

Marcadores: ,

5.3.08

"Protexta" co "Ideal Gallego"

Unha moi boa noticia para a visibilidade do libro galego: o vindeiro sábado, Protexta, o suplemento trimestral de libros de Tempos Novos, aparecerá inserido xunto aos catro xornais do grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños). Con esta iniciativa, Protexta adquire unha difusión de 50.000 exemplares e se converte na revista de libros galegos de maior tirada.
Etiquetas:

Marcadores: ,

25.1.08

Blog da sección de Crítica da AELG

A sección de Crítica da AELG animouse a abrir un blog. A súa primeira anotación sae ao paso das manifestacións do académico Franco Grande. Recollo un parágrafo ben significativo do seu contido:
"Na súa opinión a crítica literaria galega debería contar cos atributos de ser orientativa e non pedante, no caso de que ela existise, pois a súa mesma existencia é posta en dúbida. O sr. Franco Grande, daquela, non infravalora senón que denigra, invisibiliza e despreza o traballo de interpretación crítico e valorativo daqueles que a exercemos, con maior ou peor fortuna, e sempre coa máxima honradez intelectual."
Benvida sexa na polémica a opinión dos críticos, unha peza clave no funcionamento da nosa literatura e sector editorial. Beizóns para eles e moito pulo para tecer a rede dende este blog colectivo.


Marcadores: , , ,

21.1.08

"Il club della calzetta"

Prodúcenos moita satisfacción coñecer estas dúas reseñas gabanciosas, suscitadas pola aparición da edición en italiano d' O club da calceta, a novela de María Reimóndez da que se está preparando, ademais, unha tradución en castelán, unha adaptación teatral por parte de Teatro do Morcego (será estreada no Teatro Caixanova de Vigo, o día 12 de abril) e unha adaptación televisiva. Un éxito nacional e internacional para unha das nosas narradoras. Beizóns para María!

Marcadores: , ,

16.12.07

Nova entrevista a Ramiro Fonte

Nova entrevista a Ramiro Fonte, desta volta na Voz de Galicia. Afortunadamente a publicación da terceira e derradeira entrega das Vidas de Infancia, non está pasando para os medios de comunicación desapercibida (este esforzo afouto de ofrecer case mil catro centas páxinas de prosa galega miniada ben o merece). Na entrevista realizada polo tamén escritor Ramón Loureiro (ollo á crítica extraordinaria de García Posada sobre As galeras de Normandía, considerada polo importante crítico como "obra mestra", "una de las obras de mayor peso de las literaturas hispánicas en los últimos tiempos" e cun "nivel máximo de exigencia moral y estética, como sólo saben hacerlo los grandes escritores...", beizóns, Ramón!) hai afirmacións de Ramiro que merecen ser arquivadas:
  • "O home, entre outras moitas consideracións, é un ser memorioso que necesita crear lembranzas para valerse na súa vida. E o certo é que a literatura tamén ten moito de arte da memoria."
  • "[...] A memoria é coma a auga, foxe das nosas mans. E entón, cando se quere reconstruír literariamente, hai que recorrer á verdade literaria, que a miúdo ten moito de ficción. [...] A única maneira de resucitar a moitas persoas que levan anos mortas é entrar nos territorios da literatura, no bo sentido da palabra. Eu en principio quería escribir un libro persoal, de lembranzas... O que fixen é reconstruír un pouco a historia desde abaixo, desde as humildes, desde o cotián. Esta triloxía converteuse nun fresco dunha época porque ten moito de memoria persoal, pero tamén de memoria colectiva."
  • "¿Quen somos nós agora para xulgar a vida que tiveron que vivir os nosos pais? Faltaba a liberdade, había miseria, e reler o libro faime chorar, pero tamén busquei que haxa cousas que fan rir. Hai problemas que quixen resolver a través da ironía, porque a ironía, como sabemos desde Cervantes, é o mellor remedio que temos contra as vexacións do tempo e contra as inxustizas."
  • "Quixen facer que a xente aparecese co seu nome, co seu apelido... Plasmar a multiplicidade da vida. A escritura do eu acabou sendo unha escritura do nós. ¿Que hai moita xente morta? Tamén está morto o neno que nós fomos. Dá un pouco de respecto poñerse a facer revivir épocas e acontecementos e persoas que levan corenta anos enterrados, si... Pero se algunha vez quixen parodiar a alguén, foi aos poderosos. Aos humildes, xamais. E se alguén é vítima do sarcasmo do escritor é o propio neno... que fun eu."
As pontes no ceo será presentada o 26 de decembro, as 20:00 horas no Salón de Caixa Galicia de Pontedeume por César Antonio Molina (ministro de Cultura). Alí estaremos con Ramiro para celebrar a culminación dunha das proezas da nosa narrativa actual.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

15.12.07

"Ao pé do abismo" de Rosa Aneiros

A de Eyré é a primeira anotación que leo sobre o precioso libro de textos xornalísticos e crónicas literarias de Rosa Aneiros. Un título ao que volveremos nos vindeiros días. Recoméndoo vivamente.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

21.11.07

"O único que queda é o amor": a primeira crítica

Hoxe saíu a primeira crítica do libro recente de Agustín (grazas, Tati). Aquí pode baixarse o pdf do adianto de "Amor de gosto", un dos dez contos do volume. A primeira presentación realizarase o mércores 28 de novembro, ás 20:30 na Biblioteca González Garcés da Coruña.
Teño moi boas vibracións sobre a acollida deste conxunto de relatos (boa parte deles memorables) que para min constitúe unha enorme homenaxe do autor á lectura e á excelencia da escritura. O único que queda é o amor é un libro importante deses que permiten anchear os límites da nosa narrativa. Recoméndoo vivamente.

Marcadores: , , , , ,

6.11.07

"Cardume", primeira crítica

A primeira crítica dunha obra sempre crea expectación a editores e autores. Esta é a que sobre Cardume, a novela de Rexina Vega, Premio Xerais 2007, publicou onte Manuel Rodríguez Alonso, o incansable crítico do Cartafol de libros. Nestes últimos vinte días, o mesmo crítico, publicou os seus traballos sobre Limpeza de sangue (o Nacional de teatro de Rubén Ruibal) A casa dos Lucarios de Teresa Moure e Vidas post-it, os relatos de Iolanda Zúñiga. Agradecemos tan impagable seguimento do crítico e do equipo de Cartafol.

Actualización (07-11-2007): Un comentario corrixe atinadamente a anotación. A primeira crítica de Cardume foi publicada o pasado día 31 de outubro por Fran P. Lorenzo no seu blog (grazas, e as nosas desculpas). Paga a pena a lectura deste texto, do que recollo un fragmento:
"Vigo é o pano de fondo desta epopea colectiva, narrada dun xeito pouco ampuloso, case íntimo, pero ao tempo rigoroso e rebordante de verdade. A autora –sen esquecer os fitos e datas fundamentais que apontoan a trama–, non recorreu á enumeración de feitos, nomes ou circunstancias demasiado concretas, un erro que, na miña opinión, lastra outros relatos evocadores daquel período, como o Amor de tango, de Queizán. Aquí, a novela é autosuficiente e sóbranlle os apoios e as notas ao pé. A súa non é unha prosa enciclopédica nin enumeratoria, malia que corre por todo o libro, como un regato subterráneo, o coñecemento exhaustivo do contexto social e histórico daquela cidade industrial, con resabios de metrópole ultramarina, pero na que, ao modo das vilas galegas da época, todos e todas se coñecían.Un cardume é unha bancada de peixes pero tamén aquela presada de homes e mulleres emigrantes, que embarcaron nos peiraos vigueses á procura dun horizonte de prosperidade que aquí lles era negado; cardume tamén os que ficaron, silandeiros, co medo no corpo, vertendo auga na inmensa lagoa da nosa memoria colectiva; os que impuxeron a lei e debuxaron a ferida futura, cardume de peixes voraces; e os presos, os paseados, os represaliados, no frontón de María Berdiales, na cadea de Príncipe, na Illa de San Simón, nas abas do Castro..."


Actualización (08-11-2007): Entrevista a Rexina Vega en La Voz de Galicia.

Etiquetas:

Marcadores: , , , , ,

4.8.07

"Terrorista", unha literatura atrevida

Agradécense moito críticas como as que Mar Pichel publica en Galicia hoxe sobre Terrorista, a novela que traducimos de John Updike. Sempre crin que a novela é importante e a tradución de Lara Domínguez para o galego excelente. Agardo que comece a ir desvelándose devagariño entre o público que procura textos de altura.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

31.5.07

Case perfecto: a primeira crítica

Montse Pena publica a primeira crítica de Case perfecto a última novela de Marina Mayoral. Eis un parágrafo do texto:
Case perfecto é tamén unha desas novelas que é complicado deixar de ler, que se devoran nunha ou dúas tardes. Os motivos non son outros que unha intriga ben dosificada (derivada de que ata as derradeiras páxinas non coñecemos en qué circunstancias faleceu o pai e marido, namentres aínda nos esperan algunhas sorpresas), un afondamento psicolóxico nos personaxes moi acaído (e ao que xa nos ten acostumados a autora) e unha fervenza de aconteceres un tanto excesiva, aínda que certamente entretida. Contra o final, a historia enguedéllase demasiado, a pesar de que a escrita sinxela e accesíbel de Mayoral impide que o receptor se vexa desbordado polas traxedias cotiás e non tan cotiás dunha familia da alta sociedade, que apuntan á sombra dunha lectora implícita media que por veces se deixa ver no texto."
Etiquetas: Marina_Mayoral

Marcadores: , , , ,

1.5.07

"Os paxaros tamén migran ao sur", primeira crítica

A aparición da primeira crítica, sobre todo cando se trata dunha ópera prima, é un dos momentos máis agardados e relevantes da edición dunha novela. Nalgunhas ocasións este acontecemento pode chegar a determinar o futuro da visibilidade da obra.
Onte coñecimos a primeira valoración d ' Os paxaros tamén migran ao sur. O Silverio ten razóns para este moi satisfeito desta primeira valoración tan positiva. Ademais, onte á noite, Silverio visitou o programa da TVG Libro aberto (afortunadamente poden consultarse os arquivos dos últimos programas, unha documentación visual moi valiosa, sobre todo para os que non podemos ver a tele a semellantes horas da madrugada).

Marcadores: , , , ,

27.4.07

As literatas

Mario Regueira publica en Cartafol dúas interesantes críticas sobre A voda e Ancho mar de argazo, as máis recentes entregas da colección "As literatas". Agradécense.

Marcadores: , , , ,

11.4.07

Moda violeta

Esta interesante entrevista coa profesora Helena González dá moito que pensar sobre as categorías que a crítica académica emprega para analizar o mundo editorial galego. Existe unha "moda violeta" xestionada por quen controla a nosa edición?
Etiquetas:

Marcadores: ,

24.3.07

Limpeza de sangue: primeira crítica na rede

Xa advertimos hai máis dun mes do interese de Limpeza de sangue o premio Álvaro Cunqueiro 2005 de textos teatrais. Hoxe, cun pouco de retraso, coñecín a primeira crítica na rede. Inma López Silva valóraa moito, moito. Transcribo o parágrafo de remate da gabanciosa crítica:
"Non quero deixar de lembrar que Limpeza de sangue vai dedicada, entre outras persoas, a Roberto Vidal Bolaño. Sen dúbida, Roberto semella mestre en moitos aspectos desta obra, fundamentalmente na literariedade das acoutacións e na estrutura secuencial, pero tamén é verdade que Ruibal ten luz propia e amósase orixinal nun texto dramático cuxa gran virtude é saber oscilar entre a literatura, o teatro e mesmo o cine. Pode que sexa herdeiro teatral de Vidal Bolaño, pero Rubén Ruibal ten xa entidade propia no panorama teatral galego, ben acreditada a través de Limpeza de sangue. E seguro que Roberto se aledaría de que o baleiro que nos deixou no nivel creativo comece a ser menos espazoso."
Parabéns, Rubén. Un moi bo comezo ( e decontado en Libro aberto).
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

7.1.07

A crítica a debate

Participei no debate sobre a crítica literaria publicado no suplemento Culturas da Voz desta semana. Pedro A. Ramos, autor da reportaxe, arríscase a propoñer unha tipoloxía do xénero: crítica de autor, crítica do que debería ser e crítica temática ou ideolóxica.
Enriquece moito a reportaxe o comentario do levantador de minas (un dos críticos –anónimo para min– que sigo con maior interese) que, citando a Barry Schwabsky, considera: "se imos ao centro do problema da elaboración da crítica, a dificultade apunta á calidade do contido no sentido do que se di e de como se di". Para rematar, despois, afirmando: "Do que se trata, diría eu, é de facer uso de certa sensibilidade para poder tirar das obras cuestións que sensatamente se atopen nelas, vinculalas ao seu desenvolvemento nas mesmas e paralelamente a outros espazos vitais, e apresentar todo con limpeza de ideas e calidade formal. Porque o escrito, como dicía Italo Calvino, se é fermoso é máis verdadeiro".
Etiquetas:

Marcadores:

29.11.06

Blúmsdei: quitar o corsé

Un bo amigo, ao fío da miña anotación de hai dous días, recórdame por correo electrónico a primeira crítica aparecida de Blúmsdei, preparada por Camilo Franco e aparecida no suplemento Culturas de La Voz (é unha mágoa que só se poida consultar en PDF) o 24 de xuño deste ano. Trátase dun texto crítico moi lúcido que amosa a relevancia da máis recente novela do noso Salinger. Reprodúzoo na súa totalidade polo que entendo gran interese:

"Sería moi cómodo interpretar Blúmsdei pola súa superficie, dialéctica. Polo seu carácter discursivo ou pola aparente eliminación de convencións que implican por igual aos métodos narrativos e ao sucederse das ideas. Sería rebuscado interpretalo estudando profundidades para levarlle a contraria ao autor porque de superficie e de fondo o último libro de Cid Cabido é un exercicio de literatura que disimula a exposición pero non a súa profundidade.
En moitos sentidos este libro é o da construción dunha narratividade que elimine as imposturas, as propias da literatura máis próxima e aquelas que proceden dos seus entornos socializantes. En certo sentido, de tanto esquivar modelos estetizantes, de construción politicamente correcta ou mesmo de acabado académico, Cid Cabido, afonda no coloquial como forma de prevención de calquera modo de esclerose formal.
As árbores que constante move o escritor diante dos ollos lectores chaman polo bosque das circunstancias: as do escritor seriamente apeado do pedestal da autoridade moral, a da memoria inevitablemente ameazada polas lagoas, a da perversión histórica das relacións entre o narrador e mais o lector e algunhas outras circunstancias que imos chamar menores para que ninguén pense que confundimos vida con obra e que Cid Cabido decide descolocar polo método de colocalas xusto no lugar que lle corresponde.
Xoga coa lingua e coa linguaxe e mesmo xoga coa idea dunha cultura excesivamente dependente da súa capacidade memorística. Por baixo da aparentemente inmediata organización coloquial do texto, por entre a aparencia anárquica da relación co lector, van aparecendo argumentos pouco dados á frivolización. E pode parecer que Cabido frivoliza coas formas, pero en absoluto cos argumentos. Sobre a dobre vía o autor de Días contados, vai sinalando sen demasiadas concesións algúns dos paradoxos aos que estamos sometidos desde o aquí e desde o agora. Desde a asunción da condición de escritores que escriben para entre eles ata a relativización da importancia do feito artístico. Son argumentos non chegan ao lector pola vía do apostolado intelectual, do enunciado filosófico senón desde a operatividade narrativa. En fin hai moitos anos que deberiamos ter obviado o debate entre acción e narración e non deixarse seducir por cousas tan peregrinas.
No texto de Cid Cabido pasan cousas, todas elas desde unha rememoración case automática, como se a memoria fose unha extremidade orgánica que colga de nós pero con certa autonomía. Pasan cousas que un lector pode calcular que forman parte do cotián e quizais non se equivoque, pero a intención é ir do particular ao xeral. Todo está ligado. Mesmo ese permanente xogo de ir adiando o suposto motivo literario do texto é outra indicación de que a literatura é algo residual fronte as dimensións da vida. Pero se a explicación queda excesiva quizais chegue con dicir que Cid Cabido non parece moi decidido a afortalar aquelas actitudes nas que, en sentidos diversos, se acaba por sacralizar o papel do escritor. Por iso o libro é, en realidade, unha narración dunha exactitude vital: como un humano mirado desde a lente do microscopio". Camilo Franco

Etiquetas: , ,

Marcadores: , , ,