Esperpento no Galicia-Camerún

Porfiei e cando cheguei a Vigo dirixinme a Balaídos coa esperanza de que antes das dez (como especulaban os informadores da Galega) se acadase un acordo e se puidese iniciar o partido. Cando entrei no estadio (paseinas moradas para estacionar) pasadas as dez da noite, coincidindo coa chegada do autobús dos africanos, acouguei: os siareiros da galega (os máis numerosos dos tres encontros oficiais), a pesar da hora de espera e de que ía un frío que pelaba, non perderan a esperanza de apupar aos irmandiños sobre a lameira. Non puiden evitar emocionarme: o meu campo do Fragoso estaba precioso iluminado de azul e branco.
Porén, como era previsible, a espera, que se alongaría outra media hora máis, dinamitou a emoción e o desenvolvemento futbolístico do partido. O encontro a nivel deportivo foi moi pobre. Saíron os de Arsenio e Fernando ben colocados, amosando mellor disposición defensiva e capacidade combinatoria que habilidade rematadora (en punta fáltanos un dianteiro finalizador). Con todo, sorprendeume o bo estado de forma de Jonathan Aspas (o dono da súa banda ao longo dos noventa minutos), a autoridade amosada pola defensa na primeira parte (Rubén e Iago Bouzón anularon a mobilidade dos dianteiros africanos), as iniciais pinguiñas de perigo de Jonathan Pereira e a clase no toque dun elegantísimo Julio Álvarez (que xogador o do Numancia, mi madriña!). Tras o descanso, o carrusel de trocos galegos desfixo o ritmo e a concentración da Irmandiña, e permitiu que Camerún sacase uns pouco uns dentes que onte non quixo moi afiados (para eles foi pouco máis que un adestramento a medio gas).
O empate, a pesar do inocente penalti (moi rigoroso estivo o colexiado ferrolán) de última hora, foi un resultado equilibrado para o espectáculo rácano que se viu en Balaídos. O importante é que a Irmadiña existe para o mundo, segue invicta e demostra que temos xogo futbolístico de noso: disciplina defensiva, bo toque e capacidade combinatoria abonda para atuar (mais aínda cando poidamos contar con todo o noso potencial) a calquera outro combinado internacional.
Rematado o encontro, outra volta no coche puidemos escoitar na Radio Galega a versión de Marta Souto sobre o conflito que motivou a incrible espera dos afeccionados. Non dubido que as xestións da actual Directora Xeral para o Deporte cos xogadores africanos foron decisivas para convencelos que o partido debería celebrarse, o que todos debemos agradecerlle moi vivamente pola súa afouteza e capacidade de reacción. Mais tamén, agora coa cabeza máis fría, cómpre coñecer os termos e as razóns esgrimidas por uns e outros en tan lamentable conflito: tanto polos xogadores africanos, polo seu adestrador e pola súa federación para tratar de "xustificar" comportamento deportivamente tan indecoroso e irrespectuoso co pobo galego; como polos responsables da organización, a Federación Galega de Fútbol, que debe explicar cáles foron os termos do contrato asinado coa selección africana e as xestións realizadas para evitar a plantada camerunesa.
Os prolegómenos do Galicia-Camerún foron un esperpento que non se pode volver repetir de maneira ningunha. Estou convencido, a pesar de que xa houbo precedentes de problemas de primas en seleccións africanas, de que sería impensable nun encontro a disputar entre dous conxuntos FIFA. Debemos ser conscientes (compróbase en informacións tan lamentables como esta) que nesta fantasía marabillosa de poñer en marcha a nosa selección nacional de fútbol queda aínda moita agra por labrar.
Actualización (29-12-2008): Faro de Vigo dá conta, oportunamente, dos contidos do contrato asinado coa selección de Camerún e da participación decisiva de Marta Souto para solucionar a enleada. La Voz de Galicia e El Correo Gallego coinciden tamén no importante papel da Secretaria Xeral para o Deporte para solucionar o problema. É incomprensible, porén, que para os responsables da edición de Galicia de El País non existise nin o conflito nin, o que semella moito máis grave, o partido (nunca entenderei, fora da comprensible precariedade de medios humanos da delegación santiaguesa, a teimosía de desbotar calquera tipo de información deportiva galega, mesmo esta sobre a selección, que a todas luces ten indubidable interese social e mesmo político para o seu perfil de lectores e lectoras). Recomendo, ademais, as declaracións de Fernando Vázquez deplorando o comportamento do equipo camerunés e valorando o camiño emprendido pola selección dende hai tres anos.
Etiquetas: Selección_galega_fútbol
Marcadores: Fútbol, Selección_Galega, Vídeos