25.1.09

Bibliotecas de barrio

No artigo da semana expreso as miñas beizóns á consellaría de Cultura de Vigo pola súa aposta de creación de bibliotecas muncipais de barrio, que deben ir cubrindo a nefasta carencia bibliotecaria viguesa.

Marcadores: , , , ,

22.1.09

Vigo: primeira biblioteca pública de barrio

Este é o mellor anuncio cultural que limos en Vigo na última década. Apostar pola creación de bibliotecas públicas é a medida máis futurista e revolucionaria que poden acometer as administracións locais. Hoxe a biblioteca pública convertiuse na primeira institución cultural de cada comunidade local, de cada barrio, de cada comunidade; ademais do seu carácter de infraestrutura esencial dentro dos equipamentos socio educativos. Ata agora, Vigo foi en cuestión de bibliotecas públicas un auténtico desastre; un modelo, nos congresos de bibliotecarios, dunha situación carencial límite. Afortunadamente, semella que Xesús López Carreira, o concelleiro nacionalista vigués de Cultura, tomou boa nota do modelo da rede municipal coruñesa de bibliotecas e aproveitando o Plan Estatal de Investimento Local arrisca coa posta en marcha da primeira biblioteca de barrio. Non teño dúbida que situación viguesa comezará así a reconducirse, ao que debe axudar, tamén, a creación da prometida biblioteca do estado (para a que non hai aínda ubicación). Agora o importante é que en decembro se abrirá esta primeira biblioteca do Calvario, logo a de Navia, logo... Iníciase, pois, un camiño de esperanza para a política de lectura pública en Vigo. Beizóns para Xesús López Carreira.

Marcadores: , ,

3.1.09

Cuarto aniversario

Hoxe estas brétemas chegan os seu cuarto aniversario. Dende aquela primeira anotación, levamos 2.240 (513 neste cuarto ano), decrecendo un chisco o noso ritmo de publicación Ben é certo que desde o pasado mes de abril, desdobramos a nosa voz coa creación do blog de Xerais, razón pola que estas brétemas abandonaron case completamente o seguimento da produción da editorial, principal eixo do meu traballo profesional. Segundo indica o contador, ao longo deste ano tamén baixaron notablemente as visitas, situándose por riba das 2.000 á semana (120.000 dende o pasado ano). Tematicamente o blog continuou polos seus camiños fundacionais, interesándose moito polo seguimento da lectura galega e as literacidades contemporáneas, así como pola educación para a paz e os dereitos humanos, o que non impediu que continuemos coas nosas entusiastas crónicas celestes ou con comentarios sobre actualidade política e cultural galegas.
Repasando o que foi este cuarto ano, atopo algunhas anotacións que merecen ser lembradas. No mes de xaneiro a da recuperación dos merdeiros no entroido de Vigo; en febreiro as dúas anotacións sobre historias de fútbol rebelde; en marzo a da economía do gratuíto; en abril a da celebración do «Serán pola paz»; en maio a da lectura en pantallas; en xuño a de editores do século XXI, a raíz do manifesto de Sara Lloyd; en xullo a realizada sobre a intelixencia de Barreras; en agosto a da polémica de Steiner e o galego; en setembro a necrolóxica in memoriam de Suso Jares; en outubro as palabras de despedida de Ramiro Fonte; en novembro as quince características óptimas dun e-book e en decembro a nosa contundente denuncia dos bombardeos sionistas sobre Gaza. Creo que o vídeo do ano no blog foi o da cincenta moribunda, a crónica celeste máis auténtica foi a do escandaloso remate da pasada tempada e a beizón máis vibrante (houbo moitas) a da posta en marcha das Ediçoes Nelson de Matos.
A pesar de que non mo aconsellan os especialistas, decidín continuar co proveedor e deseño inicial do blog, actualizándoo só coas utilidades que considero imprescindibles, e coa da relación dos blogs que leo, xa que sigo crendo que o valor fundamental de cada un dos blog está na permanencia da voz do seu autor, é alí onde reside a credibilidade desa identidade individual de dominio público e da comunidade que crea ao seu arredor. Iso non quere dicir que desmereza o valor deses blogs lumieiras, extraordinariamente coidados e traballados para sorprendernos cada día aos lectores co seu galano.
Dende hai catro anos, a comunidade do blogs en galego ampliouse moito e hoxe xa é imposible seguir as anotacións de todos os seus membros, como intentabamos facer daquela. O que se gañou en perímetro (cinco milleiros de blogs son moitos, a verdade), perdeuse en identidade da comunidade. Hoxe son as redes sociais e as pequenas comunidades de blogs especializados tematicamente as que protagonizan aquel espírito entusiasta do primeiro blogomillo, tendencia que penso se intensificará aínda moito máis no futuro inmediato.
Aproveito esta anotación recompilatoria e de autobombo para agradecer a participación a todos os comentaristas do blog (máis de tres mil ao longo deste ano), a pesar de que nalgunhas ocasións discrepo abertamente das súas posicións, mais tamén considero que deben ser respectadas, xa que este espírito tolerante e aberto é o propio da nosa cultura blogueira. Beizóns, tamén, para os lectores e lectoras anónimos, que tantas veces me fan arroibar cando din que seguen as brétemas. Aquí continuaremos, mentres teñamos algo interesante que contar e tempo (iso é o máis escaso) para facelo, coa mesma esperanza, ilusión e humildade do primeiro día.

Marcadores: , ,

31.12.08

MOITO VENTO NAS VELAS PARA 2009




Que haxa moito vento nas velas para 2009!
Con todos os abrazos e beizóns.

[A miña inevitable homenaxe de fin de ano a Oasis e unha rareza simpática]

Marcadores: , , , ,

24.12.08

Soños adiante!



Nesta noiteboa, os meus mellores desexos para todos e todas.

Soños adiante!


«Ninfa das frescas augas»
Texto: Rosalía de Castro (adaptación)
Música: Roi Casal.

Marcadores: , , ,

15.9.08

Calveiro, Premio Barco de Vapor

10.7.08

A intelixencia de Barreras

Os lectores e lectoras destas brétemas saben da miña admiración polo proxecto empresarial de Barreras, o estaleiro vigués que está montando buques futuristas na nosa Beiramar. Hoxe debemos volver a abenzoar aos responsables de Barreras polo seu decidido apoio á nosa lingua, nun momento especialmente difícil no que unha parte da clase empresarial viguesa amosa en privado intencións de deitarse nos brazos castelanófonos (nos vindeiros días, segundo as informacións das que dispoño, pode producirse un pronunciamento involucionista público). Barreras adoptando progresivamente o galego como a súa lingua vehicular (na documentación interna, na rotulación, nas relacións laborais como co entorno dos seus proveedores) recunca na súa aposta por estratexias futuristas e de innovación: neste caso pola tecnoloxía punta que simbolicamente atesoura a nosa lingua. A intelixencia empresarial de Francisco González Viñas, o presidente do esteleiro, unindo á innovación coa causa da lingua é a mellor inxección de entusiasmo que recibimos estes días. Beizóns para el e para os traballadoras da factoría.

Marcadores: , ,

24.6.08

Xurxo Patiño, novo presidente da Federación de Libreiros

A Federación de Libreiros de Galicia elixiu nova xunta directiva. Durante os vindeiros catros a federación será presidida por Xurxo Patiño, o noso bo amigo e responsable da Libraría Librouro de Vigo. Xaime Corral, brillante presidente durante case unha década, continúa na directiva como tesoureiro. Non hai dúbida que este novo equipo de libreiros galegos do sur, onde tamén están Arximiro Blanco e Benxamín Riobó, ten importantes retos que enfrontar neste momento de difícil reconversión do conxunto do sector do libro (e moi especialmente da súa distribución e comercialización). Os nosos mellores desexos de éxito para todos eles catro.

Marcadores: ,

20.6.08

Unha noite na biblioteca


Esta é unha das experiencias máis bonitas e máis orixinais que coñezo de fomento da lectura entre os pequenos. Concibir a biblioteca como fogar das palabras e dos libros, considerala como espazo para compartir a vida e os libros, ubicala como eixo da vida cultural dunha comunidade é unha aposta preciosa de Espazo Lectura. Unha experiencia que abre un vieiro de esperanza, un modelo para compartir. Beizóns para os amigos e amigas de Espazo Lectura.

Marcadores: , ,

2.5.08

"Anxel Casal,un editor para un país"

O pasado día do libro presentouse Ánxel Casal, un editor para un país (Catálogos de Lar e Nós), un magnífico volume, coordinado por Alfonso Mato e coeditado polo Seminario de Estudos Galegos e o Consello da Cultura Galega. A edición desta obra supón, tras o traballo de Ernesto Vázquez Souza, un paso definitivo para fixar a historia da edición en galego no primeiro terzo do século XX, xa que se compila e cataloga todo o fondo bibliográfico editado por Ánxel Casal en Lar (xunto a Leandro Carré Alvarellos) coma logo en Nós, xa en solitario, onde se recollen todos os nosos clásicos da xeración das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Ademais, a publicación desta obra ten particular importancia para a difusión do fondo bibliográfico histórico en galego (o que constitúe un formidable recurso didáctico para o ensino da literatura galega do século XX), xa que tamén se pode descargar na rede, incluíndo a reprodución da totalidade das cubertas dos libros publicados polo editor mártir. Tras o éxito rotundo da celebración do ano dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez, a edición do catálogo de Casal volve poñer sobre a mesa a necesidade de dedicarlle unha homenaxe semellante ao editor que "fixo máis que todos nós". Beizóns a Alfonso Mato e ao seu equipo de colaboradores por tan formidable achega.

Marcadores: , , ,

5.4.08

Escritoras na RAG

Aledeimei moito do nomeamento da Margarita Ledo Andión como novo membro da Academia Galega. Un recoñecemento xustísimo á traxectoria de Marga, vencellada ao mundo da creación literaria, do audiovisual e da comunicación, un perfil que moderniza a institución e a obrigará a dialogar máis estreitamente coa contemporeneidade. Ao mesmo tempo, a presenza de Margarita axuda a reparar o carácter patriarcal da Academia, onde a presenza de mulleres, a pesar das últimas incorporacións, é cativa.
No entanto, fago miñas as palabras de Fran Alonso reivindicando a entrada na Academia de María Xosé Queizán, unha personalidade fulcral da cultura galega dos últimos cincuenta anos, que dende hai moito tempo xa debería de formar parte da institución. María Xosé, alén do seu compromiso político feminista, toca con alento todos os paos da nosa creación cultural: narradora, poeta, autora dramática, ensaísta, tradutora, directora de hai vinte anos dunha revista de cultura, activista a prol da lingua e non sei cántas cousas máis. Beicemos a entrada merecidísima de Margarita Ledo Andión, a seguinte incoporación debería ser a de María Xosé Queizán.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

31.3.08

Centro do IBBY para CdC

Estas son dúas grandes noticias para a nosa LIX e para o futuro da nosa lingua.
Este centro do IBBY, ubicado na Cidade da Cultura, terá como principal obxectivo "o estudo, a difusión e a promoción dos libros para nenos e mozos procedentes das linguas e culturas minorizadas". Será o segundo centro internacional que o IBBY pon en marcha no mundo. O primeiro fundouse en 1985 en Oslo, e está dedicado aos libros para nenos e mozos con discapacidades. Na decisión de elixir o noso país como sede deste segundo centro internacional pesou a forza e o prestixio que a literatura infantil e xuvenil galega acadou nas últimas décadas, ata constituírse nunha literatura puxante e competitiva a nivel internacional.
Beizóns para a Consellaría da Cultura e para os que fixeron posible a consecución deste centro que internacionaliza a nosa LIX.

Marcadores: , ,

24.3.08

Premios Nacionais de Cultura

Moi boa noticia é a convocatoria dos Premios Nacionais de Cultura. A Consellaría de Cultura cumpre así un compromiso programático dos partidos do goberno e pon en marcha unha das iniciativas previstas na Lei do Libro e a Lectura. As dez categorías convocadas asumen, basicamente, o modelo dos Premis Nacionals de Cultura de Catalunya (quince categorías), afastándose do carácter máis artístico dos convocados polo Ministerio de Cultura (vinte e dúas modalidades, das que doce delas corresponden a literatura, a lectura e a edición) que, por certo, serán entregados o vindeiro sábado no Teatro Jofre de Ferrol (Rubén Ruibal e Manuel Vilariño serán os premiados galegos). A composición independente do xurado (quince persoas) e a posibilidade de realización de propostas por parte de entidades cidadás e institucións parécenme outros dous grandes acertos destes nosos Nacionais. Iniciativas todas elas que, para comezar este novo vieiro de autoestima e fomento da nosa creación cultural, non están nada mal. No entanto, cremos que xa haberá tempo en futuras edicións de realizar algúns axustes nestes premios, como para min sería desdobrar o de Literatura en diversas modalidades de xénero, algo que parece lóxico tanto pola grande importancia da nosa creación escrita, como polo que isto podería axudar ao proceso de normalización da lingua, do libro e da lectura en galego. Beicemos á Conselleira de Cultura por esta magnífica iniciativa que abre un camiño de apoio á creación e promoción da nosa cultura.

Marcadores: , , ,

22.3.08

Ediçoes Nelson de Matos: ler para crer

Levaba varias semanas buscando un oco para preparar unha anotación en condicións sobre a posta en marcha das Ediçoes Nelson de Matos, a nova editora literaria promovida polo noso amigo e grande editor Nelson de Matos. Despois de vinte e tres anos á fronte de ediçoes Dom Quixote, converténdoa na editora portuguesa de referencia, logo da súa recente aventura como editor literario de Ambar, Nelson desenvolve agora o seu proxecto editorial máis persoal e minucioso. Coa convicción do papel ético do editor como creador dun catálogo, concibido como espazo de creación cultural, e da necesidade do seu traballo constante co texto ao carón dos autores, os primeiros títulos da nova editora de Nelson aparecen organizados en cinco coleccións: "Mil horas de leitura" (Literatura), "Textos literarios" (apoio ao ensino), "Historia hoje" (historia e actualidade), "Outras direcçoes" (lecer) e "Pensar*Navegar (ensaio). Un catálogo ben estruturado e organizado que recupera a centralidade do papel do editor de cultura independente, posición tan difícil e complexa en Portugal (como tamén en España) fronte á tiranía que establecen no mercado a actual concentración tanto da edición como da distribución en librarías.
Todos os libros da nova editora levan a marca do editor coidadosa e experto: un formato común e moi manexable, un deseño de interiores magnífico e unha liña de cubertas limpa, onde o branco identificará a imaxe da editora. Dos primeiros títulos que coñecemos debemos salientar O Lavagante, o inédito de José Cardoso Pires, título xa reeditado no mesmo mes da súa aparición, o que constitúe unha mostra clara das posibilidades de éxito da nova editora. Como tamén me pareceu moi interesante Infância, quando eles eram pequeninos, un gozoso libro de entrevistas de Sarah Adamopoulos sobre a recuperación da memoria da infancia de trinta e catro personaxes portugueses. A primeira acollida dos libros non pode ser máis entusiasta e xa son moi numerosas as referencias aparecidas na prensa portuguesa.
Este novo proxecto dun editor freelancer (como gosta definirse o propio Nelson) amosan que aínda hai un oco para a edición de cultura. O traballo artesanal do editor na confección das coleccións, as tarefas minuciosas de lectura dos manuscritos, o compromiso na comunicación editorial constitúen as claves deste novo proxecto. Beicemos a afouteza deste mestre de editores para continuar na fantasía da edición cultural. Seguiremos dende Galicia estas Ediçoes Nelson de Matos, como un facho de esperanza.
Etiquetas:

Marcadores: ,

18.3.08

Os filmes de Agustín


Beizóns a Martin Pawley que cumpre os seus cinco primeiros anos de mestre blogueiro. Agasállanos cunha nova sección "Os filmes de...", comezando cos do mestre Agustín. Hoxe, pois, todos somos dobremente afortunados.

Marcadores: , , ,

14.3.08

Praza das letras

29.2.08

"O segundo sexo", primeiro exemplar

Hoxe chegou un exemplar do primeiro tomo d' O segundo sexo, a obra fulcral de Simone de Beauvoir, traducida para o galego por Marga Rodríguez Marcuño. A publicación desta importantísima obra, coeditada coa Secretaría Xeral da Igualdade (grazas, sen dúbida, ao pulo e teimosía de Carmen Adán), coincidindo cos actos do 8 de marzo, supón un auténtico acontecemento parapara a edición en galego. A tradución será presentada o martes 11 de marzo, as 18:30 no Hotel AC Palacio del Carmen de Santiago, contando coa participación da tradutora, de África López Souto (autora da introdución e da revisión filosófica da tradución) e da Secretaria Xeral da Igualdade. O segundo tomo publicarase no outono vindeiro. Reproduzo o texto de contracuberta que preparamos:
"Hai libros que nos acompañan moito tempo despois de telos lido. Que abren camiños para o pensamento permanecendo vivos anos despois da súa primeira publicación. Este é o caso d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir, un texto imprescindible para os movementos de mulleres e a primeira reflexión filosófica de calado sobre a construción da condición feminina. Unha obra, publicada en 1949, que abriu debates sobre temas claves para o avance das mulleres, nomeadamente, a importancia da súa independencia económica, a redefinición do seu papel nas familias e na sociedade, a deconstrución da mística da maternidade ou a capacidade de decisión das mulleres sobre o seu propio corpo e da súa vida. Deixou claro que a bioloxía non é o destino. E, polo tanto, deu azos a moitas xeracións de mulleres para buscar formas para participar e transformar a vida social e política. A obra Beauvoir ten a virtude de ser contemporánea moitos anos despois. E agora a súa edición en galego, traducida por Marga Rodríguez Marcuño e introducida por África López Souto, no ano do centenario do seu nacemento apunta nesta mesma liña. As nosas letras enriquécense cun texto fundamental para a humanidade que xerou unha rede de pensadoras e activistas que transcende xeracións, clases e países."
Sei que a tradución de Marga Rodríguez Marcuño, froito dun traballo demorado de máis de cinco anos, é magnífica. Agardo que a obra de Beauvoir, case sesenta anos despois da súa publicación, teña a visibilidade en galego que merece. Beizóns á tradutora e revisoras, así como ás responsables da Secretaría Xeral da Igualdade por ter participado tan decisivamente nesta edición.

Marcadores: , , ,

12.2.08

Jujel

Preme. Que é este sitio? O seu obxectivo é: "Funcionar coma servizo público para que moitos galegos a poidan usar coma páxina de inicio, mellorar o filtrado das buscas de Google e estudar o impacto dun medio na Internet onde se manifestan estes fenómenos fonéticos galegos."
Beizóns, creo que isto é unha marabilla.

Marcadores: ,

6.2.08

5.110 días que ten a vida

Esta anotación de Folerpa é o mellor que teño lido estes días sobre a infamia de Madrid. Beizóns, Marcos.

Marcadores: ,

2.2.08

Xabier P. Docampo

Mágoa que non poidamos acompañar hoxe ao noso ben querido Xabier Puente Docampo na merecidísima homenaxe que lle rende o Salón do Libro de Pontevedra. Xabier leva feita unha contribución monumental ás nosas letras e ao noso afán colectivo de conformación dun criterio literario nos lectores de todas idades, que non se pode pagar cunhas poucas palabras. A súa concepción da narración, oral ou escrita (que no seu caso tanto ten, unha cousa coma a outra) como o máis sublime acto de amor, transforma cada un dos seus textos, sometidos a un proceso de depuración que acada cotas de auténtico delirio, en alfaias de emoción que permiten desvelar todas as marxes da condición humana. Ademais, Xabier é un animador educativo e cultural teimudo de creatividade desbordada (velaí o seu máis recente proxecto), e, sobre todo, unha persoa cabal na que poder espellarse como ser humano. Hai máis importantes razóns para abenzoalo? Beizóns, mestre! Con todos os abrazos.
Etiquetas:

Marcadores: , ,