24.9.08

O premio de Eduardo Estévez

A decisión do xurado do Premio de poesía González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña, de emendar o seu veredito e retirarlle o premio a Eduardo Estévez paréceme un lamentable erro. Non hai dúbida de que a utilización dos medios dixitais (como fixo Estévez no seu blog) para a comunicación de textos literarios pode crear confusión sobre algúns termos (como o de «obra inédita») que se veñen utilizando nas bases dos premios literarios. Estévez, un dos pioneiros galegos neste eido, pagou coa confusión terminolóxica deste xurado un prezo absolutamente desproporcionado a súa novidosa e valente proposta creadora. Albisco, canto menos, unhas cantas razóns para contradicir o trasacordo do xurado:
– A obra –entendida como «libro que contén un traballo completo, ben sexa nun único volume en varios» (segundo definición do Dicionario Xerais)– presentada ao concurso por Estévez estaba inédita, xa que non fora editada nun soporte impreso con anterioridade nin sometida aos procesos de edición dixital convencionais (preparada para a súa descarga); nin tampouco contaba con rexistro de ISBN ou de Depósito Legal nin sequera do preceptivo ISSN das publicacións periódicas. E o dicimos tomando en conta a diferenciación clarísima que establece a actual Lei de Propiedade Intelectual entre os conceptos de comunicación pública, reprodución e distribución dunha obra (proceso este último ao que se refire o concepto de edición e o que permite diferenciar xuridicamente entre obras éditas e inéditas). Un blog, como ben sinala o editor Juan Blanco Valdés, coas características técnicas que adopta neste momento, non pode ser considerada «unha edición» (xa que, como ben sabemos, pode ser modificada en calquera momento polo seu autor), o que non impide que sexa un soporte de comunicación pública, como tamén o é un recital no que un poeta le os seus textos inéditos.
– O blog «en construción», no que Estévez xermolou boa parte do seu poemario (un proceso de «work in progress» no que os textos non son definitivos), tampouco podería ser considerado un libro electrónico ou dixital, xa que non adopta ningún dos formatos habituais (PDF ou PRC) neste tipo de soportes.
– As bases do premio establecen a responsabilidade da Deputación Provincial «na edición da obra» (o que é o mesmo que dicir na súa distribución nun soporte pechado), ben é certo que sen explicitar que sería impresa en papel ou difundida en soporte dixital pechado. Esta indefinición na redacción das bases (común na maior parte dos premios literarios convocados en Galicia) non pode ser utilizada como argumento nin a prol nin en contra de ningunha das obras presentadas ao concurso.
– No momento da súa primeira deliberación os membros do xurado poderían ter coñecido o feito de que o orixinal, sometido agora a polémica, fora xestado no blog responsabilidade de Eduardo Estévez.
Sexa como for, o poeta Eduardo Estévez é o autor da obra literariamente preferida polo xurado, o que o sinala como o gañador moral do certame. Mágoa que non poida recibir, ademais, o recoñecemento económico ao seu traballo. Do triste proceder dos que intentan gañar os premios literarios nos despachos, é preferible calar.
Aconsello a lectura das anotacións sobre esta polémica publicadas nos blogs de Juan Blanco Valdés e O levantador de minas (onde aparecen no apartado de comentarios os informes completos emitidos polos editores Miguel Anxo Fernán Vello e Fran Alonso sobre a cuestión).

Actualización (26-09-2008): Vieiros.

Marcadores: , , ,

2.9.08

Viva a vida!

Descubro hoxe con enorme ledicia este texto de Uxía Fernández sobre a homenaxe que se lle tributou a Ramiro Fonte o pasado 28 de xullo. Na súa casa viguesa do Areal, Ramiro ultima estes días o orixinal de Reversos, o seu novo libro de poemas (de formas clásicas) que teremos a fortuna de publicar proximamente en Xerais.

Marcadores: ,

18.1.08

"A neve do tempo"

Hoxe presentamos en Ourense A neve do tempo, un fermoso libro de arte froito da colaboración entre o escritor Alberto Pascual e o pintor José Antonio Ocaña. Para o crítico Juan Carlos García Alía, ambos os dous autores “forxaron un valioso libro de artista por cuxas páxinas despregan un fermoso espazo dual e equilibrado co que, a propósito do amor, a terra, a vida e a morte, as dúbidas, encamiñan ao lector ao goce analóxico de dúas artes orixinais que, en lugar de contrapoñeerse, se dan a man: os sentidos poemas de Pascual, e as suxestivas pinturas de Ocaña realizadas con lapis de cor, acrílico e impresións dixitais”. “A xa vedraña relación pintura-poesía, que clava as súas raíces na antigüidade, coas noticias reveladas por Simonides de Ceos (V a.C), Aristóteles (IV a.C.) ou Plutarco (II y I a.C.), patentadas na ut pictura poesis de Horacio (I a.C.); a inflexión do Laooconte de Lessing (1776), e a subseguiente ambivalencia sobre os límites interartísticos argumentadas durante séculos posteriores (Gombrich, Winesatt, Mitchell, etc.), renace nesta orixinal composición na que, como albisca Alfonso Palomares, o prologuista, lonxe do típico libro no que se ilustran uns poemas ou se rima a partir dunha iconografía, Ocaña e Pascual concatenan linguaxes autónomas nas que xurde harmonicamente un mesmo sentir nesta creación. Os propios artistas veñen conferir que este traballo, realizado de manera independente por cada un, conflúe ao xeito dunha percepción do visible e o sensible a través dunha vertente xánica –pintura e poesía–, cal virtual ambivalencia, mais cunha soa moeda: albiscar un retrinco de arte no que entre dúas verbas se desangra A neve do tempo.
Etiquetas:

Marcadores: , , , , ,

17.1.08

Centre for the promotion of Galician Literature in Translation

A raíz da miña proposta de creación dunha Oficina do Libro Galego, como xestor da estratexia de promoción da literatura galego a nivel internacional, o amigo Jonathan Dunne (o máis importante tradutor da literatura galega ao inglés) remíteme este enlace coa páxina do Centre for the Promotion of Galician Literature in Translation (CPGLT) que creou en 2000 cando traballaba na Universade de Bradford.
O recurso é utilísimo para a promoción da nosa literatura en inglés (inclúe textos traducidos e referencias de Mendinho, Rosalía, Cunqueiro ou Manuel Rivas) ou a relación de textos da literatura galega traducidos ao inglés (até 2001). O traballo de Dunne (que actualmente está traducindo ao inglés Os libros arden mal e ten lista para a edición unha magna Antoloxía histórica da literatura galega bilingüe inglés-galego) demostra que é absolutamente viable, se houbese vontade institucional abonda, acometer un proxecto deste tipo dirixido ao marco profesional e comercial da edición internacional (editores, axentes literarios, "scouts" e profesores de estudos galegos), na que se incluísen traducións de mostra, sinopses, entrevistas con autores, información sobre axudas públicas. Non deixaremos de insistir nesta idea que cremos viable e imprescindible.

Como mostra do traballo desta iniciativa xenerosa reproducimos a tradución da cantiga de Mendinho (xa traducido a vinte e oito linguas), realizada polo propio Jonathan Dunne sobre a edición de Tavani:
At Saint Simon’s chapel I took my seat
and was caught by the waves, how tall they seem.
I was waiting for my friend! Will he come?

At the chapel before the altar-stone
I was caught by the waves, they seem to grow.
I was waiting for my friend! Will he come?

And was caught by the waves, how tall they seem,
I have no boatman to row for me.
I was waiting for my friend! Will he come?

And was caught by the waves, the sea below,
I have no boatman, nor know how to row.
I was waiting for my friend! Will he come?

I have no boatman to row for me,
fair maid I shall die on the open sea.
I was waiting for my friend! Will he come?

I have no boatman, nor know how to row,
fair maid I shall die on the sea below.
I was waiting for my friend! Will he come?
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

14.1.08

"Fóra do sagrado"


Grazas a Marcos podemos coñecer na rede os grandes murais de Xoán Carlos e Xosé Luís de Dios sobre o perfil vigués que constitúen o fondo dos recitais de Fóra de sagrado de Anxo Angueira. Espectaculares, a verdade!

Marcadores: , ,

6.1.08

O ano de don Xosé María

No artigo da semana abordo por segunda vez a figura de don Xosé María Álvarez Blázquez, nesta volta na súa relación con Vigo, cidade da que foi Cronista Oficial e á que dedicou dous dos seus máis importantes libros, La ciudad y los días e Vigo y su historia. Nas próximas semanas pretendo rematar a serie cun traballo sobre XAMB editor. Sei que a figura de don Xosé María ocupará unha importante atención nestas bretemas ao longo deste ano. Non é casual que o primeiro libro que nos chegou do prelo foi, o pasado venres, a Poesía galega completa en edición de Xavier Rodríguez Baixeras; na próxima chegara a nova edición de Roseira do teu mencer (que incluímos na colección Xerais Merlín e diriximos ao escolares de Primaria) ilustrada por Manuel Uhía, incluíndo un epílogo biográfico e un estudo literario sobre o poemario preparado por Darío Xohán Cabana, autor tamén dunha importante biografía que sobre o editor e escritor tudense publicaremos a finais de xaneiro.

Marcadores: , , , , , , , , ,

24.12.07

O nadal nas letras galegas

Moi oportuna a anotación de Vieiros facéndose eco do traballo do profesor Xesús Alonso Montero sobre "O nadal nas letras galegas".
Recupero esta panxoliña de Celso Emilio Ferreiro de 1960:

NOITEBOA
¿Onde están
aqueles pandeiros ledos
de Nadal?

Aquelas neves de antano,
aquel fogar;
aqueles rexos cantares
polo val.

¿Qué foi deles,
onde están ?
As nosas queixas de agora
¿onde van?

Río que pasas de longo,
famento de ceo e mar.

Marcadores: , , ,

23.12.07

Carlos Lema, premio de poesía Johán Carballeira

Unha noticia ben bonita: o noso amigo o editor Carlos Lema obtivo o premio de poesía Johán Carballeira convocado en Bueu. O xurado salientou que a obra gañadora por unanimidade, O xeito de Freud. Transferencias da realidade, foi escollida "pola solidez da súa construción", o que demostra "ser moi complexo na súa elaboración", así como pola "riqueza que establece no diálogo intercultural e intertextual co discurso contemporáneo". Non teño dúbidas que o debú literario de Carlos será unha obra importante. Beizóns!!!
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

21.12.07

Entrevista ao Leo

Con motivo da recente aparición de Hai cu, o poeta Xavier Cordal faille outra entrevista ao Leo.
Recollo algunhas afirmacións salientables destas entrevistas do escritor e músico de Matamá e promotor do Espectáculo Multimerda (recomendo, ademais, e moi vivamente a lectura dos enlaces):

  • "Non comparto a idea de que se editen moitos libros en galego, penso que un moito de cantidade sempre implica un pouco de calidade."
  • "Estou a prol de que se lle devolva á xente, ao pobo, algo que sempre foi seu, que soubo gardar, e que agora que llo quitan non me estraña que o abandone, a obra literaria colectiva máis impresionante que coñezo: a lingua galega, o ghallegho, o galego-portugués, o kastrapo ou como raio se lle queira chamar. Nunca entendín por que lle hai que inventar á nosa fala un rexistro "vulgar"."
  • "Teño clarísimo que se non fose polo blog este libro non existía. Fundamentalmente porque son tan lacazán que de non principiar un blog nunca me había pór a rexistrar a diario as cousas que me epatan de cada día, todo o que me fai rir ou emocionarme, que é o que son estes "haicus". O papel é un soporte diferente, que impón a súa lei, que se traduce nunha escolma. Se cadra gústame máis o concepto de work in progress que impón o blog, pero inda non podemos levar os ordenatas a onde nos pete... E amais, molestas máis se escribes estas cousas nun libro ca nun blog. É algo que me sorprendeu e do que me decatei despois da saída do libro. O libro é, por desgraza, un espazo elitista e sacrosanto que cómpre emporcar e sobar coas mans."
  • "É moi importante o retrete como espazo, porque é o único espazo realmente privado que nos queda. E unha das condicións para a poesía é a privacidade. Ademais, hoxendía a poesía popular só resiste nos baños."
  • [Sobre o "Espectáculo Multimerda"] De convencional non vai ter nada. Vai ser unha performance na que basicamente vou cagar en directo, e polo tanto dependendo de como teña o día terá unha duración variable, quince minutos ou unha hora se estou estreñido ou retraído. E nese tempo farei todo o que eu fago no váter habitualmente: monólogos interiores, recitar, escribir, tocar a guitarra, cantar. O baño é o lugar da casa con mellor acústica, iso sábeo todo o mundo.
Actualización (30-12-2007): Nova entrevista ao Leo na ANT.
Etiquetas: O_Leo

Marcadores: , , , ,

19.12.07

"O adeus do vello mariñeiro"

Onte acompañamos a X.H. Rivadulla Corcón na presentación na Coruña do seu máis recente poemario, O adeus do vello mariñeiro.
O libro foi presentado polo poeta Xavier Seoane que comezou salientando que a poesía é unha arte da pervivencia e como tal o libro de Rivadulla (a quen imaxina coma un vello baleiro namorado de salitre) transmite unha visión do mundo dunha rara intensidade. A continuación, Seoane debullou a estrutura do libro, conformado por dous cadernos simétricos de poemas de tres estrofas de tres versos libres, o primeiro do vello mariñeiro e o segundo da súa muller. "No poemario nárrase unha historia de amor e morte. Un triángulo entre home, muller e mar presidido pola aura dun soño. Un mar saudosento, misterioso, penetrado pola melancolía. Amor, morte, tempo, soidade. O mundo dos recordos e do esquecemento. O recordo como forma de vencer á morte. Un libro mergullado no mar de sentimentos: saudade, melancolía e da perda dos soños en dialéctica coa realidade. O que non impide ao poeta ofrecer unha visión estoica, serena, de xente que está afeita a enfrontar dificultades". Continuou Seoane cualificando o poemario como "canto ao amor, aínda que ten tamén unha dimensión profundamente elexíaca. O amor é o que salva da morte. O amor como legado da vida. Ser de mar e pensamento". Rematou a súa intervención recomendando a lectura do "fermoso libro de Corcón" no cuarto do vello mariñeiro de Lugrís e citando os versos de T. S. Elliot "O mar ten moitas voces /moitos deuses e moitas voces".
Rivadulla, antes de ler coa tamén poeta Enma Couceiro unha boa parte do poemario, sinalou que rematara o libro en xuño de 2002, antes do que sucedeu co Prestige. "Ese mundo do mar desfacéndose do que falo no libro é anterior ao Prestige. A grande traxedia do mar son as políticas que se están tomando sobre a pesca. A frota de Muxía da miña infancia cuadruplicaba á actual. Os meus amigos mariñeiros vense obrigados a abandonar unha profesión que aman, recordade que os mariñeiros o son para toda a vida. É unha traxedia cultural e económica que debo denunciar". Rematou as súas palabras recordando que a imaxe que conserva de pequeno é "a das mulleres dos mariñeiros no malecón de Muxía, quietas, agardando polos seus homes. O malecón, precisamente, que fora construído por elas. cando chegaban, o primeiro que elas recollían era o cesto, onde levaban a comida. Agora non hai malecón e agardan dentro dos coches. os tempos mudaron".

Marcadores: , , , ,

9.11.07

Nace "Edoy Leliadoura"

A aparición dos seis primeiros títulos da colección "Edoy Leliadoura" de Sotelo Blanco edicións é unha noticia importante para a poesía galega. Dirixe a colección Xesús González Gómez, o que promete calidade e coidado nas edicións. A aparición deste novo espazo poético engádese a especialización de Espiral Maior, á aposta de Galaxia por potenciar Dombate e á consolidación de Xerais Poesía (na que este mes apareceron novos títulos do Leo e X. Rivadulla Corcón).
Etiquetas:

Marcadores:

23.9.07

Bernardino 75

No artigo da semana realizo a miña homenaxe á figura de Bernardino Graña, quen será homenaxeado esta semana en Cangas con motivo do seu setenta e cinco aniversario. Unha boa oportunidade para volver sobre a obra do noso mariñeiro das palabras. Os actos da homenaxe, organizada pola Asociación Cultural A Cepa, xa foron anunciados. A presentación do libro homenaxe, coordinado por Héitor Mera, terá lugar o sábado, 29 de setembro, ás 13:00 horas, no salón de plenos do concello de Cangas.
Etiquetas.

Marcadores: , , , , , ,

30.7.07

Memoria de poeta

Moito teño lido e gozado nestes días coa lectura das case cincocentas páxinas de Memoria de poeta, o libro autobiográfico de Xosé María Álvarez Cáccamo. Quedei engaiolado con estas primeiras memorias de Pepe que, como xa fixera Antón Baamonde (ben é certo que con outro rexistro), quedan a medio camiño entre o percorrido autobiográfico e a proposta ensaística. O autor ofrece unha voz sólida, agarimeira e sensible, chea de matices e con escasa impostura, que permite ao lector realizar unha viaxe tanto polo periplo humano e literario do poeta, como da xínea e da xeración literaria ás que pertence. A relación co pai e co grupo familiar, a conformación das amizades e do grupo literario dos poetas dos oitenta, a reflexión poética, educativa, artística ou sociolingüística, a crónica recente da "vida que comeza" (fermosa metáfora do tempo presente), a enerxía do amor ou a conciencia patriótica son algúns dos temas abordados por Cáccamo cunha naturalidade e sinceridade sobrecolledora. Un libro que non dubido en recomendar moi vivamente.

Marcadores: ,

27.6.07

"Fóra do sagrado" de Anxo Angueira

Espectacular e moi emocionante foi o recital de presentación de Fóra do sagrado, o poemario que dedica a Vigo Anxo Angueira. O paraninfo "Leónides de Carlos Ardenaz" do Instituto Santa Irene ateigouse de xente para escoitar a presentación de Méndez Ferrín e a declamación do poeta, acompañado dos músicos Leo de Matamá (nas guitarras e voz) e Aser Álvarez (percusión).
Na súa intervención Ferrín sinalou que presentabamos "un libro situado no centro do puro republicanismo da fé na liberdade". "Este é un texto para ser pronunciado en alta voz, para ser cantado, xa que soporta unha potentísima oralidade. A necesidade da dicción oral para facernos vibrar plenamente como nos grandes cantares de xesta. Aí a razón da invitación do eoi da Chanson de Roland". Continuou Ferrín afirmando que Fóra do sagrado supón unha "erupción de palabras, poesía acumulativa, con potencia da anáfora, amosando toda a capacidade emotiva do versículo libre". Despois de citar a Pier Paolo passolini e ao seu pranto polo proletariado suburbano, Ferrín sinalou que este "longo poema representa unha nova concepción da poesía política, cargado de ideas fondas e dunha sentimentalidade profunda; unha manifestación exultante e alegre da cifra de toda a Galicia contemporánea que é a cidade de Vigo". O autor de Bretaña, Esmeraldina rematou as súas palabras gabando a representación plástica que presidía o acto (cinco murais de cinco metros de altura realizados polos irmáns De Dios), representación do máis simbólico desta cidade, o porto do Berbés e alá arriba (como diría Castelao) das casas onde viven as xentes de terra. "Sempre, sempre, sempre, Vigo un camiño cara a liberdade", foron as palabras derradeiras de Ferrín.
Aconsello esta anotación de Arume dos Piñeiros sobre este poemario de Angueira, chamado a marcar un fito na nosa produción contemporánea.
Actualización (28-06-2007): Crónica da presentación de Arume dos Piñeiros.
Actualización (29-06-2007): a crítica de Heitor Mera no Cartafol.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

20.6.07

"Cólera" de María Xosé Queizán

Hoxe presentamos Cólera, o máis recente poemario de María Xosé Queizán. Durante o acto proxectarase un vídeo de 45 minutos, preparado por Manuel Forcadela, que recrea con imaxes, testemuños e músicas seis dos poemas do libro.
Cólera é a memoria orgullosa dunha xeración que rememora un proceso histórico clave na conformación do tempo presente. Empregando a emotividade que proporciona a paixón poética, a autora loa á mocidade galega que iniciou o galeguismo político de posguerra e se mobilizou para derrocar o réxime do tirano. Polo poemario discorren acontecementos políticos e sociais decisivos dunha década (a que vai dende mediados dos sesenta ao inicio da Reforma Política): a formación do Consello da Mocidade, o 25 de xullo de 1969, Castrelo de Miño, Ferrol 10 de marzo de 1972 ou as Encrobas. Mais tamén, polo libro discorren elexías ao Che Guevara ou a Frantz Fanon, figuras que serviron de referentes ideolóxicos a esta xeración. Ademais doutros poemas que constitúen homenaxes explícitas a protagonistas daquel tempo de entusiasmo, confrontación, dor e represión, como os dedicados a "Carmiña" ("Testemuñas os anos dunha loita / de terra e tempo") e a Reimundo Patiño, por só citar algunha destas pezas.
María Xosé Queizán, como xa fixera noutras ocasións, emprega o poema como rexistro ensaístico, fuxindo do intimismo e verquendo toda a súa intencionalidade social humanista para conseguir un poemario inusualmente comprometido e irado no contexto da poesía galega actual. Eis o título, rotundo, provocador e luminoso como metáfora daquel tempo onde agromou, con tanto esforzo, a esperanza da liberdade.

Marcadores: , , , ,

15.6.07

Que din os rumorosos?

Ferrín publica hoxe un novo artigo que completa o da segunda feira. Dous textos maxistrais sobre o himno galego. Indispensable que pasen o arquivo.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

25.3.07

Marilar Aleixandre en Budapest

A proxección da literatura galega no exterior é unha tarefa complexa que require un traballo demorado e sistemático por parte de todos. Afortunadamente cada vez son máis frecuentes as noticias da presenza dos nosos autores e autoras en eventos internacionais.
Estes días soubemos da viaxe de Marilar Aleixandre a Budapest para participar, entre os días 29 de marzo ao primeiro de abril, no festival internacional de poesía Europoetica Sacra, que este ano ten por tema "escribir no límite", relacións entre linguas, poetas que escriben en linguas minorizadas / distintas da materna. Marilar foi convidada polo Instituto Cervantes que apoia este festivalcomo fan, tamén, o Instituto Goethe, o Instituto Italiano de Cultura, British Council... Polas múltiples referencias que vimos na rede (non entendemos nin papa de húngaro) semella que este festival de poesía ten moita proxección. Os nosos parabéns a Marilar.

Actualización (28-03-07): Galicia hoxe amplía a información cunha interesante entrevista a Marilar.

Marcadores: , , ,

21.3.07

Longa noite de pedra

Este cartel sobre un texto de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro formará parte da campaña "Libros a la calle 2007" que durante o mes de abril se desenvolverá no metro e nos autobuses públicos de Madrid, Zaragoza (xestionados pola mesma empresa de Vitrasa) e Segovia. A lingua galega viaxará nestes medios para animar á lectura de poesía dos cidadáns. Hoxe día da poesía (parabéns, Fran) sería ben que as empresas de transportes municipais galegas emulasen a idea.

Marcadores: , ,

28.1.07

Xavier Queipo

La Voz de Galicia anuncia hoxe que Xavier Queipo formará parte dun grupo de nove poetas de todo o mundo co que Bruxelas, a cidade sede das institucións europeas, "quere lucir, fomentar e fachendear da súa multiculturalidade e da súa condición de urbe internacional, multirracial e multilingüística. Os versos de Queipo, inéditos e escritos expresamente para a ocasión xunto aos doutros oito poetas de orixe española, marroquina, camerunesa, belga e rumana, serán expostos en grandes paneis por toda a cidade, que unirá así, baixo o común denominador da poesía, o espírito de seis linguas, coas que pretende dar fe da pluralidade idiomática que a conforma". Unha iniciativa a emular. Queipo viaxará a Galicia os días 8 e 9 de febreiro para participar en Santiago e Vigo nos actos de presentación de Dragona, a súa máis recente novela. Informaremos da obra e destes actos, onde haberá moita música, nos vindeiros días. Parabéns para Xavier!

Marcadores: , , , ,

25.1.07

Entrevista a Ramón Caride

Un dos formatos máis atractivos da presentación literaria é a entrevista co autor. Esta foi a fórmula que utilizamos hoxe na Casa do Libro de Vigo para o acto de promoción do volume de poemas de Ramón Caride. O escritor Francisco Castro e o poeta de Cea conversaron animadamente arredor d' As mascaras de Cronos. Recollín na libreta algúns fragmentos da conversa.

–FC (Francisco Castro): Este libro comeza cunha cita de Novoneyra: "O futuro é un lugar desde o que ollar para hoxe". Este é o porqué deste libro?
–RC (Ramón Caride): Este libro para min supón un ciclo que termina. Creo que na miña obra hai un ciclo que vai de 1992 a 2002, xa que os textos que escribín durante este período teñen moitas recorrencias entre eles. Eu escribo poesía en períodos curtos e intensos. Cada libro de poemas é froito dun fogonazo. Alterno na escrita a poesía e a narrativa.

–FC: Falemos das temáticas. En libros como "Xeografías de sal" daslle gran importancia ao erotismo. Ata que punto valoras a carnalidade e a paixón como temática poética?
–RC: O amor é sencial na poesía. Xa sinalaba Monterroso que os temas da poesía son o amor, a morte e as moscas. En "Xeografías de sal", un poemario construído como as caixas chinesas, unhas partes dentro doutras, foi un desafío introducir nun dos libros, "Erótica alfabética", o vocabulario erótico. Creo que a literatura galega foi moi púdica, con escasa presenza do erotismo, mesmo na utilización de palabras como "foder" (na miña aldea nunca se dixo "follar"). Interesoume acometer ese desafío. Mais en "Xeografía de sal" están outros temas deste ciclo. Ademais do erotismo, esta moi presente a desaparición do mundo rural (no libro a "Quentura do sangue"), a da cidade na globalidade e a poesía social (no titulado "Vitimario"). O libro é a xeografía do pracer e do sufrimento humano. Este é o cerne de todo o volume, todos os temas están en "Xeografía de sal".

–FC: Cando lía o volume crin estar escoitando os ecos de Celso Emilio Ferreiro, tanto na poesía social como na amorosa. A última cita do libro é, precisamente de Celso. Son estes os ecos da túa obra poética?
–RC: Tiven a sorte de coñecer personalmente a Celso Emilio Ferreiro e comprobar que era un home cunha presenza excepcional. Grazas a Longa noite de pedra de Celso Emilio, Remuíño de sombras de Neiras Vilas (os dous publicados por Edicións Castrelos) e A esmorga de Blanco Amor quizais sexa escritor en lingua galega. Eles abriron moitas portas temáticas e técnicas. Celso Emilio dominaba tanto os rexistros populares e os cultos. Eduardo Blanco Amor e Celso Emilio estaban en contacto coa vangarda de cada momento. Recibir todo isto en galego abriume portas.

–FC: Para rematar, quixera que reflexionases sobre a cita que recolles de Alberto Caeiro referida a que "ser poeta é unha maneira de estar sozinho".
–RC: A miña infancia foi nunha aldea, un microcosmos no que todo había, regulado polo ciclo invariable que marcaban as estacións. Un mundo que, como recrda Buñuel nas súas memorias, desapareceu de repente. A memoria é creativa é trata de crear aí unha Arcadia. Como o libro é plural, podes atopar un poema que defenda iso e outro o contrario. Hai unha ambivalencia, vivimos na contradición.

O venres 26, ás oito da tarde, presentarase o libro nas Bodegas Martín Codax de Cambados. Un acto poético musical (con seguridade moi concurrido) que pechará este ciclo de presentacións.
Etiquetas:


Marcadores: , , , , ,