14.9.08

Síntomas de atraso

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre as naves industriais sen licenza no concello de Vigo (destapadas tras o incendio do Gorxal) e a crise das vieiras, que interpreto como síntomas do atraso empresarial que aínda padecemos.
Outras interpretacións sobre estas cuestións, que me parecen moi interesantes, son as que fai Ánxel Vence («País de trapalleiros») na derradeira páxina do suplemento Estela de Faro de Vigo e Suso de Toro na edición de El País Galicia (desgraciadamente non aparece na web).

Marcadores: , , ,

13.9.08

Prudencia co tema vieiras


Perfecto Conde, que rompe o seu silencio, ten toda a razón, no asunto das vieiras un chisco de prudencia non estaría de máis. Nesta mesma liña vai a anotación de Manolo Gago, que tamén comparto.

Marcadores:

10.9.08

Respostas para a crise das vieiras

Sigo con enorme interese a crise das vieiras amnésicas, sobre todo, grazas a documentadísima información e seguimento proporcionado polos blogs de Colineta e Manolo Gago. Entre esta ramallada de informacións e pronunciamentos sobre este proceso, sometido aínda a secreto de sumario, a perplexidade dos consumidores vai en aumento. No entanto, cabe facerse unha serie de preguntas que requiren unha resposta por parte dos responsables da Administración galega, e que non deberan ser adiadas durante máis días:
  1. Antes da posta en marcha desta investigación xudicial, como funcionaron os controis preceptivos de loita contra o furtivismo por parte da Administración competente (consellarías de pesca, comercio e consumo e sanidade)?Existían indicios destas prácticas? Abriuse algún expediente sancionador? Realizouse algún tipo de inspección a establecementos de distribución ou consumo?
  2. Como poden asegurarse os consumidores que adquiren ou consumen produtos debidamente etiquetados e controlados sanitariamente?
  3. Como poden diferenciar os consumidores entre a vieira amnésica (furtiva e ilegal) e a comercializada legalmente? Cal é a trazabilidade da vieira que se pode consumir? Pode consumirse algunha vieira galega? Cal? De onde procede?
  4. Que medidas adoptou e adopta a Administración galega para evitar a contaminación endémica das rías (a de ferrol leva pechada dez anos), onde semella residir a causa da toxicidade deste marisco?
  5. Existen outras especies que padezan problemas semellantes?
Máis alá dos resultados da causa xudicial, que depurará as responsabilidades do caso, semella necesaria tamén unha resposta política. O silencio, sobre todo da Consellaría de Pesca, non pode crear máis que confusión e alarma entre os consumidores e deteriorar a imaxe de Galicia e dun dos seus produtos máis prestixiosos.

Marcadores: ,

23.3.08

Pan de noso

Con motivo do día dos roscóns, no artigo da semana fago unha gabanza da nosa cultura do pan.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

22.1.08

Salvar as palabras

Sei por Marcos do magnífico proxecto da AELG de salvación de palabras en desuso e en perigo de extinción. A iniciativa "Palabras con memoria" pretende recuperalas e poñelas de novo en vixencia e incluídas nos dicionarios. Esta iniciativa é semellante á que promoveron o pasado 23 de abril a Escuela de Escritores de Madrid e a Escola de Escriptura do Ateneo de Barcelona co nome "Apadrina una palabra en peligro de extinción". Quen queira colaborar no fermoso proxecto da AELG debe dirixirse a Isidro Novo (palabra.con.memoria@aelg.org). Nos comentarios da anotación de Marcos aparece xa unha importante relación destas palabras e o modelo de colaboración (solíctase significado ou significados, zona onde é utilizada e outras consideracións para a súa recuperación). Aí van algunhas:
acomerar, anudún, babuxo, broas, castre, cencellar, conaipas, escampaviar, escornapitos, facer xixa, filusmías, gabuxas, quilar, porén á rebendía, sifate, xarbote...
Creo que podería ser bonito que a AELG habilitase un espazo no seu web para a publicación destas palabras recuperadas, convertendo o traballo colaborativo que se fai na rede nunha ferramenta útil para esta empresa solidaria. Pola miña banda apadriño a recuperación de "marrucho" (non está aínda no Gran Xerais) como sinónimo de "filloa" (doce feito de masa moi delgada, composta de fariña, leite ou auga e ovos, todo mesturado, que se frite na tixola en láminas finas, podendo engadirlle logo azucre, mel ou outras lambetadas). A palabra "marrucho" emprégase aínda na parroquia de San Pedro da Ramallosa (Nigrán): O domingo comeremos un bo prato de marruchos.

Marcadores: , ,

25.11.07

O viño fala galego II

No artigo da semana volvo sobre a proposta de consumir viño etiquetado en galego, aproveitando, tamén, para falar da renovación do sector vitivinícola galego producida nas dúas últimas décadas (un modelo, por certo, do que se poden tirar algunhas experiencias na promoción exterior do libro galego).
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

21.11.07

O viño fala galego

Apoio a campaña promovida pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingúística para promover a etiquetaxe dos nosos viños en galego.
DECLARACIÓN DE APOIO Á CAMPAÑA POLA ETIQUETAXE DOS VIÑOS EN GALEGO
Se o dinamismo económico e a competitividade dun país son o froito de combinarmos un certo recoñecemento histórico coa capacidade de ofrecer produtos de calidade cunha imaxe atraente, un dos ingredientes esenciais desa combinación deberá ser o respecto e a identificación dos produtos coa cultura da terra e da sociedade nas que se crean. No noso país, iso esixe a incorporación da lingua galega á presentación e divulgación das mercadorías.
Podemos predicar iso de calquera actividade económica e comercial pero é especialmente certo no tocante ó sector agroalimentario pola longa tradición que se agocha trala elaboración, o dinamismo, e o relevo dos seus produtos cun consumo case universal.
O uso da lingua galega na etiquetaxe reforza a vinculación do produto coa sociedade, a cultura e a terra nas que xorde, e esa vinculación das mercadorías galegas con Galicia é un dato avaliado favorablemente, non soamente polos consumidores galegos, senón tamén fóra do noso país.
No sector agroalimentario o viño xoga, desde sempre, un papel relevante polo seu prestixio na sociedade e as súas fortes connotacións culturais.
Iso explica que, como cidadáns de Galicia e consumidores, manifestemos a nosa solidariedade e apoio á campaña en favor do etiquetado dos viños en lingua galega que promove a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Animamos aos viticultores, adegueiros e cooperativas a que etiqueten en galego ás súas botellas; ás institucións públicas, os establecementos de distribución e de restauración a que promovan o consumo dos nosos viños de calidade etiquetados na nosa lingua; ós cidadáns, a que apoien activamente a campaña co seu consumo; e ás autoridades autonómicas a que continúen no futuro ese labor de defensa e divulgación da nosa cultura con iniciativas semellantes noutros sectores alimentarios.
É por iso que en Galicia hai cada vez máis denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de produtos alimentarios que constitúen un recurso decisivo para o desenvolvemento económico e social do medio rural de cada un dos territorios nos que se elaboran.
Por todo isto, os representantes das institución públicas e personalidades asinantes sumámonos á campaña de normalización lingüística "Deixa que o viño fale. Escolle un viño etiquetado en galego", comprometéndonos a que nos actos protocolarios, caso de servírense viños, teñan preferenza os etiquetados en lingua galega.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

27.10.07

"A lúa dos Everglades": presentación en Melide

Esta mañá presentamos no concello de Melide A lúa dos Everglades, a novela de Xesús Manuel Marcos gañadora do Certame de narrativa Terra de Melide 2007. Quedei abraiado pola intervención de Socorro Cea, a alcadesa do BNG, que soubo contextualizar a presentación na tradición da edición de Terra de Melide o 7 de xuño de 1933 por parte dos membros do Seminario de Estudos Galegos e de Ánxel Casal (que xa ten rúa en Melide, dende o pasado mes de agosto), ademais de amosarse moi agarimeira co traballo da editorial. Grazas, moitas grazas.
Na súa intervención Marcos alternou a lectura de fragmentos [moi ben escollidos] da novela con algúns comentarios sobre eles. Quedei na libreta con estas notas das súas palabras:
  • "O tema da emigración, paradoxicamente, foi pouco tratado na literatura galega".
  • "A novela abrolla no tempo e na distancia, que non se mide en espazos, senón, como sinala o poeta Xoán Neira, en sentimentos".
  • "Os personaxes da novela percorren as rúas de Bos Aires, Madrid ou Miami, mais co seu espírito percorren os vieiros dun pasado inesquecible. [...] A droga máis dura que coñecen: a súa Terra".
  • "Cada emigrante recende a pan e maila terra mollada".
  • "Os Tamara son a melodía da distancia".
Culminamos a presentación cun pouquiño de empanada e queixo, adozado con melindres e eses "Ricos" (únicos) de Melide, dos que trouxemos un par de bolsas para Vigo.

Actualización (28-10-2007): a noticia da presentación na Voz de Galicia e a referencia aos Ricos (doces en perigo de extincio) no blog de Marcus.

Marcadores: , , , , ,

25.4.07

O pan de Sant Jordi


Cada díada ten o seu pan ou o seu pastel.
Así os panadeiros e pasteleiros cataláns apoian a xornada e (semella) fan un bo negocio. Aos ingredientes tradicionais do pan, ao de Sant Jordi, engádenlle sobrasada (para representar as catro barras da senyera, queixo e noces para a cobertura exterior. Como sería o pan das letras galegas? Un reto para os nosos panadeiros e pasteleiros.
Etiquetas: Sant_Jordi_2007

Marcadores: , ,

2.2.07

Pepe Iglesias

Desde hai anos perdéralle a pista a Pepe Iglesias, o gastrónomo asturiano-galego que hai case unha década preparara o Receitario estacional da cociña galega. Aquel fermoso e orixinal proxecto de catro títulos (hoxe difícil de atopar nas librarías) supuxo unha das achegas máis notables da bibliografía gastronómica galega. Agora, volvemos atopar a Pepe grazas ás marabillas da rede á fronte dun portal moi potente, premiado xa como o mellor web gastronómico de España. Recoméndable para os blogogastrónomos.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

27.1.07

Carod Rovira presentador dun libro galego

Entre tanto rebumbio non demos conta da presentación da Guía dos Viños, Augardentes e bodegas de Galicia 2006-2007 que realizamos en Barcelona. Contamos coa presenza e as palabras en galego do Conseller en cap da Generalitat (a información do acto de Galicia Gastronómica é completísima). Unha deferencia que moito lle agradecemos.
Etiquetas: ,

Marcadores: , ,

Martín Códax

Onte antes da presentación do poemario de Caride (magnífica, máis dun cento de persoas) tivemos a oportunidade de volver visitar a Bodega de Martín Códax, a máis grande e de maior produción da denominación de orixe Rías Baixas. Estas Bodegas, con apenas vinte anos de existencia, convertéronse no auténtico motor da modernización do noso sector vitivinícola e nun modelo do que pode ser a Galicia emprendedora, eficiente, aberta ao mercado exterior, mais sempre orgullosa do seu país e da súa cultura.

O presidente da sociedade de viticultores ensinounos as instalacións de Burgáns (permanentemente en obras de ampliación), que hoxe xa teñen unha capacidade para catro millóns de litros dos seus tres viños: Martín Códax, Burgáns e Organistrum. Chamoume a atención o coidado arranxo didáctico da Sala de Cata (un auténtico laboratorio para poñer a proba os sentidos e o interese pola cultura do viño) e a disposición da cava onde envellece o Organistrum (acompañado de múltiples referencias culturais).

A sorpresa para min foi a posta en marcha dunha bodega no Bierzo (alugaron unha bodega en Cacabelos), desde onde puxeron no mercado xa dous mencías: Martín Sarmiento e Cuatro pasos (non tivemos oportunidade de probalos, mais a presentación da botella, o deseño das etiquetas e as notas de cata son moi atractivos).

Mención á parte merece o labor cultural das Bodegas. Durante moitos anos promoveron o premio de poesía que levaba o seu nome (editado por Galaxia) e apoiaron un grupo de música antiga homónimo. Actualmente a súa sede constitúe, como sinalou Ramón Caride, o auténtico "Ateneo libertario de Vilariño", xa que alí se realizan numerosas presentacións de libros, conferencias e outros eventos. Un modelo moi interesante de maridaxe entre o viño e a cultura.
Etiquetas: ,

Marcadores: , , ,

23.11.06

Danza: un cova moi interesante

Para celebrar a presentación da Guía de viños e augardentes 2006-2007, convidáronnos a unha botella de "Danza", un espumoso de Valdeorras, que non aparece na guía (non ten D.O), das Adegas Día e Noite que rexe o noso amigo Pepe Rodríguez. "Danza" é un cova –ollo: nin un cava nin un champán– cunha burbulla aínda un pouco grosa, que dá, porén, godello e sabor inequívoco a mazá. Etiquetado en galego e cunha tipografía dificilmente lexible (no entanto cunha moi boa presentación), anúnciase como "Danza é ledicia, danza é maxia". Este cova tan interesante, aparecido no mercado para este Nadal, foi unha sorpresa moi agradable. Agardamos a nota de cata do mestre Paadín. Convido a probalo sen prexuízos, esquecéndose daquel horrible "Fin de siglo" da pasada década. Outro paso importante para os viños galegos.
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

5.11.06

Tempo de castañas

No artigo da semana, ao abeiro do tempo de Samaín e Magostos, abordo a proposta de conseguir para a Castaña de Galicia unha Indicación Xeográfica de Calidade. Outra forma de abordar a recuperación do noso medio rural.

Foto: Fraga de Catasós.

Marcadores: , , ,

4.11.06

Tostado de Costeira

Onte á noite para celebrar a visita do noso curmán brasileiro abrimos a botella de Tostado de Costeira. Unha auténtica marabilla esta recuperación do famoso tostado do Ribeiro (apenas 2.950 botellas numeradas, ollo: 35 euros)!

Recollo a fermosa nota de cata (un xénero descritivo admirable e dificilísimo) do amigo Luís Paadín, o coordinador da nosa Guía de Viños, publicada en Galicia gastronómica:
Límpido e brillante, cor amarela dourada, que lembra o mel multifloral. Intensos e complexos aromas, onde se entremesturan as lembranzas da uva e da crianza, asomos florais (mimosas, azar), nítidas lembranzas de froitos secos (cacao, abelás, noces, améndoas), notas de froitas confeitadas (laranxa, orellóns, uva moscatel), ceras, meles, etc.. Larpeiro, na boca, a sensación melosa da entrada é compensada cun fresco acedume, inundándoa de aromas que, aínda unha vez bebido o néctar, perduran na lembranza. Perfecta harmonía de calidez, dozura e acedume.
Que máis se pode pedir? Beizóns para o noso primeiro tostado! Un viño doce para gozar dos grandes momentos.

Marcadores: ,

12.6.06

Galicia gastronómica

Acaba de aparecer Galicia gastronómica, o primeiro xornal electrónico sobre cultura gastronómica galega. Á fronte do novo medio está á sabedoría e o rigor ao que nos ten afeitos Miguel Vila. Tivo a ousadía de convidarme a que publicase un dos meus textiños. Recomendo vivamente seguilo.
Etiquetas: ,

Marcadores: , ,

4.6.06

Gabanza da cereixa

Convidáronme hoxe a pronunciar o pregón da XXIª edición da Festa da Cereixa de Beade, unha festa gastronómica na que se exalta ese froito doce e carnoso que producen cincuenta mil cerdeiras viguesas. Aí vai un extracto do texto que preparei:
"A cerdeira, árbore da familia das Rosaceae, é irmá das amendoeiras e curmá dos pexegueiros e ameixeiras. Arboriña de orixe incerta, don Álvaro Cunqueiro dixo que a trouxo o xeneral Lúculo a Roma dende a localidade de Kerasos (de aí ven o seu nome latino Cerasus), ubicada na costa do Mar Negro, espallándose decontado por todo o Imperio e atopando en Galicia terras que lle foron moi ben. Fose ou non certa esta versión de don Álvaro, que reivindicou o país noso como de moita froita (as mazás camoesas, tabardiñas e roibas, pavías, peras urracas, claudias verdeais, noces, amorodos, nísperos, arándanos, sorbas…), a cerdeira en Galicia é tan vella coma a lingua nosa, razón pola que podemos considerala como un dos sinais da nosa identidade. Os galegos somos un pobo que papa nas cereixas dende hai máis dun milleiro de anos. A cereixa é outro dos nosos símbolos nacionais, como os xaponeses teñen o “sakura”, unha caste decorativa de cerdeira que non dá froito. Emulando ao meu amigo o escritor Manuel Rivas, a quen logo volveremos citar, somos comedores de cereixas e devecemos por elas todo o ano porque, como as sardiñas da ardora, anuncian a chegada do verán.
Os galegos comemos toda caste de cereixas, sexan as doces (as chamadas mollares e garrafais) ou as agredoces (as guindas). Aínda que de todas elas, son as de Beade as máis sabedeiras e as que teñen máis sona: sexan as branca do cedo, as branca do tarde, a negra tardía ou a picuda ou de pico, que tamén así se lle chaman ás que os estremeños denominan “picotas”. E gostamos das cereixas, e máis aínda das de Beade, por que como pobo ben informado coñecemos os seus efectos beneficiosos.
Papamos esa drupa carnosa e globulosa porque, ademais de proporcionarnos o pracer de gozar do aroma condensado da terra bretemosa, é unha froita moi rica en vitaminas e en minerais como o ferro, calcio, magnesio, potasio e xofre, que se cre protexen contra o cancro. Ben dotadas de azucres, as cereixas proporcionan, tamén, a quen as toma moita enerxía, razón pola que se considera posúen propiedades rexuvenecedoras, antidepresivas e, mesmo, afrodisíacas. Permitídeme que me deteña nestas tres cuestións que non quero pasen desapercibidas.
Semella demostrado que os consumidores habituais de cereixas mocean e mesmo combaten as gorduras debido ao efecto diurético da súa inxesta moderada (en cantidades moi elevadas pode producir outros efectos menos desexables). Efecto depurativo e diurético que, segundo os naturópatas especialistas en Fitoterapia, permite o lavado de todo o organismo eliminando as toxinas acumuladas no corpo. Efecto que se pode intensificar se preparamos unha infusión cunha presa dos rabos que deixamos a remollo durante unha noite e a mañá fervemos nun litro de auga durante vinte minutos.
Efecto antidepresivo que se consegue tanto se tomamos uns cantos acios ou unha presadiña delas ás once como na tardiña, o que lle permitirá ao organismo aumentar a utilización de osíxeno, potenciar a función cardíaca e, mesmo, e isto é moi importante, outorgar moito optimismo a quen as consume. Non o dubiden, cando se noten un pouco baixos de ánimos ou deban afrontar un problema menor, a vida dános moitas pancadas destas cada día, tomen unhas cantas cereixas e xa verán como poden rular bastante mellor. As cereizas son mellores que o prozac.
Pola súa importancia, deixamos para o remate a exaltación do carácter afrodisíaco das cereixas, entendo que especialmente das picudas. Non teñan dúbida, as cereixas son a froita do amor por excelencia. A cereixa é unha froita erótica, tanto pola súa forma globulosa, polo seu tamaño brincadeiro, polas súas cores atractivas (que abordan todos os matices dos vermellos), como, e isto semella o máis importante, polo seu carácter estimulante da comunicación e da aperta. Manuel Rivas foi quen mellor inmortalizou literariamente esta idea cando escribiu o seu coñecidísmo relato “¿Que me queres amor?”, que comeza deste xeito (atendan, por favor):

Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame con ollos cálidos, de pecado, mentres fai súa a carne. De repente, bícame e devólvema coa lingua. E eu que marcho tocado para sempre, o óso da cereixa todo o día rolando no teclado dos dentes como unha nota musical.

Velaí a descrición do chamado bico de cereixa, un achádego literario que moi ben podemos emular. A esta altura, non parece prudente continuar con este sarillo, mais todos vostedes comprenderon con apenas catro liñas de Rivas o que pode provocar xogar dese xeito cun óso dunha picuda de Beade. Pode ser memorable.
En fin, comer nas cereixas é un pracer para os sentidos que, por riba, se o facemos sen o fanatismo dos excesos, ao corpo lle fai moito ben. Un pracer que pode gozarse ao natural, en sobremesas memorables como as que se presentan a concurso nesta festa, ou enchoupadas en licor envellecido polas guindas. A cereixa é un froito extraordinario que a natureza nos legou e que a humanidade mimou para o seu goce futuro".
Etiquetas: , , ,

Marcadores: , , ,

12.4.06

Máis sobre o pan durmido

O pasado ano con motivo da Pascua publiquei un textiño sobre o pan durmido. Desde a miña postura estritamente laica, esta homenaxe que facemos os galegos durante esta semana a este doce primeiro non debera pasar desapercibida; razón pola que semella moi oportuno neste abril dos libros a posta en marcha do programa Pan con poesía da Consellaría de Cultura.
A fornada dos roscóns de Pascua no forno do meu Barrio do Cura era unha das alegrías da miña nenez. Unha tradición que se repetía nos fornos todos da abella da ribeira, nun afán colectivo no que cada familia posuía o segredo das proporcións da súa receita, herdado de vello, convertido nun tesouro prezado que se transmitía de xeración a xeración.
Os investigadores Mariano García e Fina Casalderrey debuxaron a xeografía do pan durmido galego en Repostería en Galicia, un dos libros fundamentais da gastronomía galega. Descubriron, entre outros, os segredos das receitas da rosca de cama, da rosca de Navia (que se baña con merengue), do roscón trenzado de Muros, da peculiar forma do roscón de Caldas, do novo roscón de xema dos pasteleiros da Guarda, da rosca de noces, da bola de auga fría con fariña centea de Navia de Suarna ou da poufeira da confitería Regino de Ponteareas, unha bola de boliñas, cun sabor de a cabalo entre a rosca e as rosquillas.
Con todo, ¡e hai abondo onde escoller!, as miñas preferencias decántanse pola fe que profeso nas roscas de Camos, a parroquia onde traballei sete anos de mestre, quizais pola súa estraña mestura de fariñas, un segredo moi ben gardado por dona Josefa Copena e a súa ampla familia de panadeiros. Un bocado da rosca camoesa –coa súa característica textura case carnosa, como as mazas da mesma orixe, hoxe case desaparecidas, como outras variedades autóctonas– permite aprezar o verdadeiro sabor do ovo inchado no padal.
Non incorramos no erro de pensar que este pan durmido existe só en Galicia. Os brioches, esas coronas francesas (variantes das famosas galettes des rois de follado) ou as especialidades árabes tamén deixan durmir a masa, primeiro nun lugar frío e logo quente. O pao de ló da vila de Ovar, na ría de Aveiro, prepárase con dezaoito xemas e catro claras de ovos; os “dormidos” de Bragança son boliños que agardan toda a noite pola calor do forno, como o Folar de Pascua de Tras os Montes, expresións autóctonas todas dunha mesma tradición da repostería europea e árabe.
Este roscón e as súas múltiples variantes, este “gulódice” de Pascua –como o chamaba don Fernando Filgueira Valverde nun dos seus adrais, publicados no Faro– posúe a forma de coroa circular como signo de eternidade, como expresión de eterno retorno, como invocación ao poderoso Pan, sustento do mundo. Esta deliciosa larpeirada, seguramente o doce popular máis antigo dos que se fan en Galicia, na que os ovos e o fermento son os grandes protagonistas, é símbolo da procura da fecundidade e da vida. O roscón é o pan das festas, esa marabillosa mestura de auga, fariña e tempo, sometida a múltiples formas e procedementos en todo o mundo, como alimento con poderes tan nutritivos como antidepresivos. Probade un bocado. Que mellor forma de aproveitar estes días!

Marcadores:

22.2.06

A cociña do Entroido

Mañá presentaremos en roda de prensa A cociña do Entroido e San Xoán, o novo libro de Miguel Vila Pernas.
Este fillo do Valadouro é o escritor sobre cultura gastronómica máis importante co que contamos, tanto polos seus numerosos libros publicados como polo asombroso traballo que sobre temas literarios e gastronómicos ven realizando diariamente no seu magnífico blo. Colineta é moito máis que un almanaque gastronómico (que tamén), xa que constitúe unha auténtica enciclopedia do saber comer para saber vivir.
No libro que presentaremos mañá, Miguel inicia un proxecto de cociña estacional galega que publicaremos en dous volumes. Neste primeiro abrangue os seis primeiros meses do ano, desde as farturas de homenaxe ao porco (de cocidos e laconadas) e das larpeiradas do Entroido (filloas, marruchos, freixós –tres fermosos nomes para a mesma cousa–, orellas e bandullos) ata as sardiñadas e churrascadas do San Xoán. Un bo mollo de receitas, contextualizadas na nosa tradición (etnográfica e literaria) e na nosa historia, ao tempo que un bo número de reflexións sobre unha boa alimentación saudable e saborosa constitúen os eixos do libro.
O lanzamento do libro de Miguel coincide, tamén, co das novas edicións revisadas e actualizadas de dous dos nosos clásicos: O libro da empanada e Repostería de Galicia, ambos os dous preparados por Fina e Mariano, outros dous grandes expertos na cultura gastronómica de noso. Pensamos que estas datas de Entroido, cos seus excesos inevitables (o martes vindeiro temos o cocido anual da editorial), eran as máis axeitadas para o primeiro lanzamento da nosa edición gastronómica.
Agardo, expectante, os comentarios sobre a foto de cuberta. Na editorial provocou moita controversia o último debate no blo sobre unha das nosas portadas.

Marcadores: , ,

26.7.05

Preparar o té

Hai varios días que leo posts sobre o xeito de preparar o té, un tema que me interesa moito, xa que en casa somos adictos. Hoxe Mr. dot deume outra clave. Nós aprendemos a preparalo en Yorkshire (alí son de "leite fresco e frío despois"), aínda que xa nos dixeran que os máis "pijos" botábano antes.
Para min, a clave está na mestura dos tés e que a teteira sexa de pedra. A nosa mestura preferida (aconsellounola o noso amigo Enrique Macías) son dúas culleradas de Earl Grey e outra de Darjeeling (para a teteira). Acompañar as tazas do serán cunha torrada de marmelada de amorodo ou cun scone abonda para postear, ler un pedazo e logo ir á cama.
Probaremos o de quecer a teteira no microondas, aínda que semella un pouco sofisticado.

Marcadores: