23.11.08

A Panificadora emite un S.O.S.

No artigo da semana reclamo a coraxe das autoridades municipais para evitar que o edificio da Panificadora sexa derrubado tal como propón a iniciatica cidadá de Outro Vigo é Posible.

Marcadores: , , ,

18.9.08

Vigo, a cidade perdida

Opaco montou este formidable álbum de Picassa no que se recollen duascentas fotos dos arquivos dos fotógrafos vigueses da memoria (Prosperi, Pacheco, Llanos, Magar). Unha fonte de memoria para a nosa cidade de sal. Beizóns.
Hoxe recuperamos unha foto do bulevar da Gran Vía, a comezos do 70. (Premer na imaxe para vela máis grande ou velo como montaxe de diapositivas).

Marcadores: , ,

10.9.08

Vigo: Mercado do Progreso

Mercado do Progreso (curca 1911). Arquivo Pacheco

Ata os ultimos anos do XIX, os mercados de Vigo eran ao aire libre e celebrábanse nas prazas e rúas céntricas do que fora a cidade amurada. Aos das Prazas da Princesa, Pedra e Constitución, engadiínselles os especificos das Prazas da Herba (Argüelles), da Leña (hoxe Calatrava) ou das Cebolas( hoxe Méndez Núñez). Na rúa Oliva vendíase calzado, na Cruz Verde útiles de cociña e zocos e na baixada da Pulguiña, hoxe II República, froita. No Berbés e na rúa Pescadería (onde as ostras) vendíase peixe. En 1859 Manuel de Uceda fai un primitivo mercado cuberto na Porta do Sol dedicado á venda de pan. En 1878, o arquitecto Flórez Llamas remata uno novo, a Praza dos Legumes, feito con materias de perpiaño, ferro e madeira que, logo de vinte e cinco anos de actividade, derrúbase para construír no seu solar o edificio Simeón. En febreiro de 1901, Benito Gómez Román, asina os planos do proxecto do Mercado do Progreso, tres meses despois de asinar tamén o proxecto do da Laxe. Inagurase en 1908, tras unha serie de modificacións realizadas por Jenaro de la Fuente quen, en 1906 por enfermidade de Gómez Román, faise cargo da obra. Logo dunha ampliación que en 1951, transformou notablemente o edificio, apróbase en 1969 e sendo alcalde Portanet Suárez, un anteproxecto para vivendas, locais comerciais e aparcamento que, cinco anos despois, concrétase na construción, na totalidade da mazá, dun complexo de locais comerciais, aparcamento, azotea pública, vivendas e mercado. Celso López Pazos.

Premer na imaxe para vela máis grande.


Marcadores: , ,

4.9.08

Vigo: Mercado da Laxe

O meu amigo Celso López Pazos envía unha nova foto do arquivo Pacheco. Reproduzo o seu pé de foto:
A esquerda da foto, ao fondo, vese a casa dos Irmans Suarez (1920), obra de José Franco Montes), onde no baixo estivo a cafeteria Sol y Mar e a casa de cambios Etchevarria. Ao seu carón, a casa de Rodrigo Sanchez Padín, obra de Pacewicz (1901) demolida a mediados dos sesenta e que hoxe é a casa construída por Bar Boo. O mercado da Laxe foi deseñado e planificado por Benito Gómez Roman e inagurado en 1905. Posiblemente a foto de Pacheco, pero publicada por PPKO, sexa de mediados dos anos vinte. A dereita xurde a insinuante silueta do edificio da Mala Real Inglesa (Durán) construído en 1912 por Jenaro de la Fuente y Dominguez. Entre a casa dos Suárez e o Mercado, está o Hotel Continental, tamén obra de Jenaro de la Fuente, o mellor de Vigo, ata que en 1904 entrou a funcionar El Moderno, obra de Pacewicz para o primeiro Conde de Torrecedeira (Manuel Barcena y Franco). O lugar do Maercado ocúpao, desde 1967/68 , o Hotel Bahia.
Premer na imaxe para vela grande.

Marcadores: , ,

31.8.08

Vigo: A Gran Vía (1942)


Hoxe recibín por correo estas dúas fotos, pertencentes ao Arquivo Pacheco, do comezo da Gran Vía viguesa (1942). A de arriba corresponde ao inicio da construción do edificio da libraría "La Rápida" (hoxe a zapataría "Curva"), un dos primeiros rañaceos vigueses co estrutura de formigón. A de abaixo corresponde á mazá onde se construíu o Hotel Lisboa (hoxe Zenith Vigo) e o molote do Ambulatorio da rúa Cuba. Os chalets, de fasquía arquitectónica rexionalista, deben ser de Manuel Gómez Román. Cada vez que me asome á ventá saberei que diante da miña casa estaba a cidade xardín.

Nota: premendo sobre as fotos poden verse a un bo tamaño.

Marcadores: , ,

9.9.07

Bibliotecas fermosas

Desde aquí pode facerse unha impresionante viaxe fotográfica por algunhas das bliliotecas máis fermosas de todo o mundo. Unha auténtica marabilla para quen teña curiosidade por estes espazos para gardar a memoria das palabras. Pódese ampliar a navegación nas páxinas de flickr. Moi recomendable.
Vía Valadés (beizóns).
Etiquetas:

Marcadores: , ,

8.9.07

Concelleiros de Urbanismo


O programa Vaya semanita da ETB ten algunhas pezas ben simpáticas. Un modelo (ben podería emulalo a TVG) de como é posible dende as televisións públicas facer humor sobre temas políticos. Os que teñan TDT de R poden velo en Galicia na canle internacional da ETB os sábados. Esta peza sobre "o escaso valor das bibliotecas", como tantas outras, paga a pena.
Vía Vigoblog.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

11.3.07

PXOM de Vigo, o informe de Cultura

Outra vez máis, grazas a Vigoblog podemos ler na rede o que se nos pretende ocultar sobre a tramitación do PXOM de Vigo. Desta volta é o texto completo do informe da Dirección Xeral do Patrimonio (12 folios en PDF). Unha lectura atenta amosa que as modificacións solicitadas pola Consellaría de Cultura ao concello de Vigo son relevantes, por moito que a propia conselleira pretendese minimizalas para non incomodar de máis aos seus compañeiros vigueses. Cada nova información publicada demostra que hai moitos intereses tras a aprobación do plan vigués. O cambio profundo dalgúns criterios de planeamento e a necesidade dun novo proceso de exposición pública impóñense. Alguén pode explicar a teimosía dos defensores medulianos deste PXOM?
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

18.2.07

Finca do Conde

No artigo da semana trato de refrescar a memoria sobre o asunto de Finca do Conde.

Marcadores: , , , ,

4.2.07

Escenarios doentes

No artigo da semana recomendo a visita ás exposicións fotográficas Casas doentes de Manuel Sendón e Escenarios de Vari Caramés, das que xa temos falado no blog.

Marcadores: , , , , , ,

3.2.07

Os pendellos


Os pendellos d'Agolada son unha mostra do noso patrimonio vencellado á actividade dos feirantes. Xosé Vázquez Pintor reivindicounos no seu último libro da triloxía dos vellos oficios. Este vídeo –vía Falabarato (moitas grazas)– amósanos a necesidade de protección deste conxunto de arquitectura tradicional.
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

28.1.07

As voltas do Plan

No artigo da semana volvo coa cuestión do PXOM vigués. Tal como se desenvolveron os argumentos desta semana, cómpre unha inflexión da posición de todos os grupos. Neste contexto de emerxencia, propoño a constitución dunha mesa permanente dos catro grupos municipais para realizar un seguimento consensuado dos traballos de subsanación das deficiencias. Difícil (pensarán algúns), mais imprescindible, se queremos saír deste atasco endémico.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

26.1.07

A casa de Lola de Andrés


Mañá, sábado 27 de xaneiro, preséntase na Forxa de Sardiñeiro A casa de Lola de Andrés de Olaia Sendón Ogando. A proxección do documental, que conta como pode afectar a un pobo pequeno a chegada do bum inmobiliario que asola a nosa costa, supón, a volta, despois de cincuenta anos, do cine ao Sardiñeiro. As referencias son magníficas.

SINOPSE
O pasado non o hai que perdelo de vista porque para entendermos quen somos e para ir cara adiante sempre hai que telo presente. A memoria esvaécese e o pasado non é máis que un eco no espazo que o acolleu. Hoxe estes ecos dilúense nun espazo cambiante vítima da salvaxe e irreversíbel especulación inmobiliaria. A Costa da Morte está á venda. Baixo a fachada de prosperidade económica o fenómeno inmobiliario agacha a emigración, a falla de industrias, a desestruturación económica e a especulación perfilando un futuro no que os pobos se desartellan e onde se promove un desprezo total ao contorno, un contorno que en certa medida é o que nos di quen somos.

Marcadores: , , ,

21.1.07

AVE e PXOM

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre as causas e as responsabilidades da crise viguesa arredor da paralización da tramitación do PXOM e do adiamento da variante por Cerdedo do AVE. Ben sería nestes asuntos ir diferenciando o gran da palla.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

15.1.07

Manuel Sendón: casas doentes

Absolutamente recomendable é a exposición de Manuel Sendón inaugurada esta noite na Fundación Barrie de Vigo. Esa manchea de catrocentas casas abandonadas, fotografadas con enorme sobriedade e precisión no encadre, expresan a dor silenciosa pola perda dunha parte do noso patrimonio construído no medio vilego. A casa concibida como arca e memoria. A dignidade das construcións tradicionais concibidas como espazos para ser habitados. O poder evocador da arquitectura. Unha proposta artística para reflexionar sobre o paso do tempo. As posibilidades expresivas do arquivo. Unha mostra dun auténtico mestre na súa madurez compositiva. Beizóns, Manolo!

Marcadores: , , , ,

7.1.07

Gaiás

No artigo da semana reflexiono sobre a redefinición do complexo de Gaiás. Entendo que a decisión do Goberno Galego de continuar as obras era inevitable. Porén, o dilema que hai por diante agora é facer compatible as expectativas altas cos recursos cos que conta o país. Sen dúbida, as claves para solucionalo serán acertar no deseño dos contidos e nas formas de xestión.

Marcadores: , , , ,

19.12.06

Feismo? Destruír un país

Un dos libros dos que máis gustei este ano é Feismo? Destruír un país de Difusora de Letras, Artes e Ideas. Esta edición soberbia e fermosa (oitocentas fotografías), como é adoito en todas as obras da editora de Xavier Paz, propón unha reflexión sobre o feismo (a destrución do territorio humanizado) como fenómeno multipolar. Este libro magnífico e moi traballado (froito dun foro transversal sobre a cuestión, no que participaron case unha vintena de especialistas) amosa que aínda é posible o papel cívico e creador do editor. A edición concibida como conversa coa nosa contemporaneidade. A edición ao servizo dunha reflexión colectiva dun país que nega a resignarse na diletancia de comprobar como se vai estragando diante dos nosos ollos. Os meus parabéns máis entusiastas para o equipo de Difusora de Letras por esta marabilla. Recoméndoo vivamente.

Marcadores: ,

17.11.06

Panificadora

Se hai unha edificación que quero é a Panificadora. Nacín case ao pé deses formidables dez silos cilíndricos de formigón armado que son o berce da memoria da xeración do Polycomander. Vivín a nenez toda baixo o reloxo vital que marcaban as fornadas da Panificadora, esparexendo o arrecendo penentrante dos cornechos e boliños empaquetados na súa furna de papel, que no mediodía se confundía no calexón das Angustias coa fragrancia dos callos da taberna de Armando (só mellorados, na opinión do avó Beleiro, polos de Casa Ligero), ata a última, a dos bares, a que coincidía coa recollida do sol sobre a terraza acristalada da fábrica. Demoreime, moitas veces, diante do letreiro da Panificadora para aquelar coa pesada dos camións que traían o gran de Peñaranda de Bracamonte e co trasego constante das Savas do reparto que marcaban o latexar do barrio noso. Esculquei, tantas outras, o estado da chimenea, un faro de fume en plena rúa de Santiago, e o traballo do chafarís sobre o depósito de auga do tellado, procurando sinais da actividade daquela fábrica tan singular.

Mentiría se dixese que gustaba do pan da Panificadora. Gustabamos máis das barras de leña do señor Domingos, o panadeiro do Barrio do Cura, onde levabamos as tarteiras e as empanadas a cocer. O valor da Panificadora para nós non era o pan que preparaba, insípido e pouco sabedeiro (mesmo habíao sen sal, un pecado daquela), a súa importancia residía na súa dimensión imponente, como o eran as tolvas dos seus muíños, como o era a fábrica de fariña e pensos, como o era o obradoiro mecanizado todo, como o era o seu forno de gasoil. A Panificadora Viguesa pechou hai vinte e cinco anos e, dende entón, está en perigo inminente de desaparecer.

Construído entre 1923 e 1930 polo arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, coa intervención no deseño das instalacións fabrís e mecánicas dos enxeñeiros Otto Werner e Jorge Wuchl, o edificio da Panificadora é, xunto á factoría de conservas Bernardo Alfageme (felizmente en funcionamento) e a Metalúrxica (só queda a súa fachada), unha das xoias da arquitectura industrial viguesa do século XX. Outras pezas patrimoniais industriais, como a fábrica de conservas de Antonio Alonso no Guixar (magnífica mostra do estilo modernista, obra de Jenaro de la Fuente), hoxe son só recordos do Vigo que se perdeu, da cidade que destruímos, a conciencia, xeración a xeración, os propios vigueses.

A Panificadora non é un edificio máis: é a peza primeira do noso skyline, a ponte dun barco atracado no mesmo Campo de Granada. Unha construcción xeitosamente integrada na paixase urbana, no miolo do casco vello. A Panificadora é o palco de honra do anfiteatro que a cidade forma sobre a ría. A sobriedade constructiva, non exenta de arestas decoradas, a fortaleza do formigón, a grandeza dos silos, o seu perfil minimalista, o xogo do ferro e do cristal son elementos que simbolizan a modernidade, o afán industrial desta cidade que non se resigna a perder as súas fábricas.

Derrubar a Panificadora, como fixemos co Mercado la Laxe, co edificio Rubira, ou coa capela de Santa Rita (e tantas outras pezas do noso patrimonio arquitectónico), sería cometer outro crime contra a humanidade e a razón; sería destruír o corazón da nosa memoria, suporía derrubar o noso horizonte, contribuiría a estragar a nosa esperanza. O novo mundialismo sostible esixe, en Vigo como en todas as cidades do primeiro mundo, recuperar espazos urbanos máis que destruílos, a tarefa do futuro é rehabilitar máis que construír novo. Acudide hoxe á estrea do documental A cidade perdida. Estaredes afirmando a necesidade de salvar a Panificadora.

Marcadores: , ,

15.11.06

Arquitectura popular en Galicia

As intervencións de Manuel Rivas e Pedro de Llano na presentación de onte do libro de Arquitectura popular en Galicia foron memorables.
Rivas iniciou o seu parlamento afirmando que "este é un dos libros esenciais de Galicia" para sinalar a continuación que "nas arcas da casa tradicional galega gardábanse os documentos da casa, as alfaias e as sacas coa mellor semente. Este libro de Pedro de Llano é unha sorte de documentación notarial das casas de Galicia mais tamén é unha saca de semente coa información esencial da nosa cultura. Contén o noso xenoma, mais é ideal para compartilo con calquera outras persoas do mundo. É o primeiro libro que habería que agasallar a quen quere comezar a conversar con nós".
Rivas fixo referencia despois á casa como algo universal, como o é para a humanidade crear lugares. "O primeiro fogar construído en Galicia foi circular, a primeira verba dunha socioloxía comunitaria é 'lugar'. Esta palabra ten un significado toponímico rotundo: 'vivimos no lugar de tal', este é o comezo da nosa árbore topográfica".
Rivas referiuse logo a Pedro de Llano como unha das persoas nas que está tan mesturado o que se fai, como vive e a súa ollada. "Yoyo está todo o tempo co interruptor aberto, facendo arquitectura cos ollos, vendo as fendas que deixa o capitalismo impaciente e algúns políticos deixan facer". Engadiu que "este seu libro ten a condición do caderno que rexistra o diálogo da terra co territorio. Aquí hai traballo de campo, cultura como fogar nómade dun xove arquitecto guiado polo mestre Xocas; aquí temos o home que anda levantando plantas". Rivas fixo, entón, unha digresión sobre a palabra 'levantar': "Levantar é reproducir o que os ollos ven. Os ollos de Yoyo ven máis aló da área cega. Aquí estamos falando dun arquitecto que concibe ao ser humano como un copiloto da natureza. Mais levantar é, tamén, erguer o que está caído, valorar o que non está prezado, en definitiva, levantar é descubrir a terra. O que fixo Yoyo na arquitectura, sen esaxerar, pode equipararse ao que fixo Rosalía, levantar as palabras caídas que estaban no chan".
Rivas recordou a Rafael Dieste quen estudara a vontade de estilo da fala popular. "Yoyo estudou a vontade de estilo da arquitectura popular. O estilo na fala ven dado pola precisión, xa que todo o que é útil de verdade ten, como dícía Walter Benjamin, o engado do que non precisa demostrar a súa utilidade. Esta é a razón pola que toda obra de arte é útil. O mesmo sucede coa arquitectura popular. A casa galega constrúese como un obradoiro, coma unha fogar de vida para a natureza humana e animal, un obradoiro que canta e bole. A vida non é máis cunha enorme forza creadora de formas".
Rivas, chegado a esta altura da súa intervención, abordou o carácter interpelante do libro. "Yoyo no seu andar polo país non só levantaba o debuxo do chan, tamén estaba facendo xeocrítica, a actividade dos que desvelaban fronte o ocultamento que practicaban os xeógrafos do poder. Este libro é un manifesto denuncia sobre o que se está a escribir sobre o territorio en Galicia e en moitas outras partes. Este libro é unha verdade inconveniente. Yoyo é incómodo por que di verdades incómodas, inconvenientes. Ten empeñado, mesmo o corpo, pola causa da liberdade, a de non deixarse levar pola corda do poder político. É un bo signo que este libro esencial se reedite e sexa unha referencia moral na nosa sociedade. A esperanza ou é arquitectura ou non é", concluíu.
Pola súa banda, Pedro de Llano organizou a súa intervención a partir de dúas citas de senllos grandes arquitectos. A primeira de Le Corbusier: "A arquitectura popular permite facer brillar a harmonía, descubrir o futuro nun pasado marabilloso". A segunda de Alejandro de la Sota: "A arquitectura é intelectual ou é popular, o resto é negocio". Despois de reivindicar unha arquitectura como continuidade na paisaxe e de explicar o proceso de actualización do seu traballo nas tres últimas décadas, de Llano propuxo para o século XXI unha nova arquitectura humilde, racional e vencellada ao home.

Marcadores: , ,

8.11.06

A cidade perdida

O vindeiro 17 de novembro estréase A cidade perdida, un documental que pretende pór en valor a arquitectura industrial destruída da cidade de Vigo. Edificios como a Panificadora, Cerámicas Santa Clara ou La Artística son emblemas industriais que non nos poden ser roubados. Beizóns para este esforzo de recuperación da nosa memoria. Agardamos con expectación esta proxección.
Etiquetas:

Marcadores: , ,